[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

O segundo sexo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O segundo sexo
Título orixinalLe deuxième sexe
Autor/aSimone de Beauvoir
OrixeFrancia
Linguafrancés
Tema(s)feminismo
Xénero(s)Ensaio
EditorialEdicións Xerais
Data de pub.1949
TraduciónMarga Rodríguez Marcuño
editar datos en Wikidata ]

O segundo sexo é un ensaio de Simone de Beauvoir, publicado en 1949 co título orixinal en francés de Le deuxième sexe.

O 24 de maio de 1949 aparece en París o primeiro tomo da obra da filósofa francesa Simone de Beauvoir O segundo sexo,que acadou en poucos días as 20.000 vendas. En tan só 3 anos xa se traducira ó alemán e ó inglés e pouco despois foi publicado na Arxentina. Grazas a esta publicación en Bos Aires moitas españolas puideron coñecer esta obra na clandestinidade, xa que nese tempo España atopábase baixo a ditadura de Francisco Franco. O segundo sexo seguiu expandindo a súa orixinalidade e traduciuse tamén ó árabe, danés, hebreo, húngaro, italiano, holandés, noruegués, polaco, portugués, serbocroata, eslovaco, sueco, támil e ó checo.

Historia e características

[editar | editar a fonte]

O segundo sexo coa súa famosa frase "Non se nace muller, chégase a selo" foi o texto filosófico que máis influencia tivo no auxe do feminismo occidental da última metade do século XX, no seu intento por desvelar o proceso de configuración de marcos culturais e sociais de orde patriarcal.

Esta obra provocou naquela época unha serie de improperios e groserías, así como climas polémicos controvertidos por parte dos editorialistas da prensa gráfica e do mundo lector. A autora foi atacada tanto pola dereita máis conservadora como pola esquerda ortodoxa. É probable que O segundo sexo ó ser escrito a contratempo da historia, máis, anticipándose a un movemento feminista non configurado como tal, xerou unha forte incomprensión e considerouse como un catálogo extenso das súas ocorrencias persoais.

Coa aparición desta obra, a Simone sorprendíanlle as actitudes sexistas dos integrantes do seu círculo máis próximo, aínda que si houbo un pequeno grupo de homes que a apoiaron. Pero pese a tanta conmoción causada pola publicación desta obra, a autora non perdeu o forte recoñecemento adquirido pola súa produción intelectual e compromiso político xa que o seu pensamento suscitaba unha fascinación indescifrable por parte dun gran número de colectivos intelectuais da época.

Escribir O segundo sexo permitiulle entender a súa adscrición vantaxosa a partir da súa pertenza de clase, situación que a levaría a desvelar como as diferenzas sexuais e os mecanismos de exclusión quedan deformados ata perder o seu sentido.

A condición subordinada da muller

[editar | editar a fonte]

A autora considerou que era necesario crear un clima de opinión pública para que a situación subordinada da muller cambiara. Na súa opinión, o problema da muller reducíase a un: non estaba considerada un ser humano igual ó home, senón que estaba relegada a un segundo plano, tida coma un obxecto, apreciada case exclusivamente polo servizo sexual prestado ó home. Resignada a limitarse a solo dúas das súas funcións, esposa e nai, e dependendo social e economicamente do seu marido sen outra captación para valerse por si mesma, e cando os seus fillos xa non a necesitan directamente vese condenada a pasividade, a ociosidade de non ter nada que facer e as falsas evasións. Os defectos achacados á muller reflicten a súa situación de pasividade forzada, a súa dependencia, a falta de horizonte e o seu illamento en moitas ocasións fundamentais na súa vida.

O segundo sexo non só nutre a todo o feminismo que se fixo na segunda metade do século XX, senón que é o ensaio feminista máis importante do século. Todo o que se escribiu despois neste campo da teoría feminista tivo que ter en conta esta obra, tanto para continuar con ela como para desenvolvela noutros ámbitos, xa ben opoñéndose a eles ou apoialos.

O segundo sexo, é o ensaio dunha filósofa existencialista, encadrándose no ámbito máis amplo dun pensamento ilustrado que toma da Ilustración os seus aspectos máis positivos, tendo como principal teoría a concepción igualitaria dos seres humanos, segundo a cal a diferenza de sexos non altera o seu radical de condición de igualdade. ë un ensaio filosófico que analiza o feito da condición feminista nas sociedades occidentais desde múltiples puntos de vista, tanto científico como histórico ou psicolóxico, pero sen apartarse do sociolóxico e cultural.

Trátase dun estudo totalizador onde se investiga o porqué da situación na que se atopa esa metade da humanidade que son as mulleres.

Existe tradución galega, publicada por Edicións Xerais en 2008, traducida por Marga Rodríguez Marcuño.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • O segundo sexo, de Simone de Beauvoir.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]