O carniceiro
O carniceiro | |
---|---|
Ficha técnica | |
Título orixinal | Le Boucher |
Director | Claude Chabrol |
Produtor | André Génovès |
Guión | Claude Chabrol |
Intérpretes | Stéphane Audran Jean Yanne Roger Rudel |
Música | Pierre Jansen; canción de Dominique Zardi |
Fotografía | Jean Rabier |
Montaxe | Jacques Gaillard |
Distribuidora | ParaFrance |
Estrea | 27 de febreiro de 1970 12 de setembro de 1970 |
Duración | 93 minutos |
Orixe | Francia Italia |
Xénero | Drama e suspense |
Na rede | |
O carniceiro (en francés: Le Boucher) é un filme franco-italiano, dirixido por Claude Chabrol en 1969 e estreado en 1970. A película foi rodada en Trémolat (Dordoña) e nas covas de Cougnac (Lot) entre setembro e outubro de 1969. Supuxo a terceira colaboración entre Claude Chabrol e Jean Yanne despois de La Ligne de démarcation (1966) e Accidente sen pegada (1969). Volveron traballar xuntos en Madame Bovary (1991).
Claude Chabrol fai unha referencia a Honoré de Balzac facendo ler á profesora un anaco do capítulo V da novela La Femme de trente ans como ditado escolar.
Sinopse
[editar | editar a fonte]Na pequena vila de Trémolat, no Périgord (Dordoña), celébrase a voda do profesor Léon Hamel cunha rapaza do lugar. Entre os convidados á cerimonia están unha compañeira da profesora, Hélène David, que é tamén a directora da escola, e Paul Thomas, alcumado Popaul, o carniceiro da vila.
Hélène e Paul coñécense na voda e simpatizan. Atraído pola rapaza, o carniceiro cóntalle que para fuxir da violencia do seu pai se enrolou no exército e participou na guerra da Indochina e mais na guerra de Alxeria. Hélène, pola súa banda, procede de París e viviu unha historia de amor quue rematou mal. A mestra, que considera a Popaul como un amigo co que curar a súa soidade, faino partícipe nas actividades cos rapaces da escola e convídao a cear na súa casa.
A tranquilidade da vila disípase ao descubrirse o cadáver dunha moza do lugar, que morreu a coiteladas. Durante unha excursión cos alumnos, Helen descobre o corpo doutra rapaza, que resulta ser a muller de León, asasinada do mesmo xeito. Na escena do crime encontra un chisqueiro similar ao que lle regalara a Popaul polo seu aniversario, e recólleo. O comisario Grumbach, que leva o caso, interroga a Hélène. Unha noite, cando Popaul a visita, ela ofrécelle un cigarro para que el o acenda, e tranquilízase ao ver que aínda ten o chisqueiro que lle regalara.
Popaul axuda a Hélène a pintar o teito da súa vivenda, e mentres busca un pano descobre que nun caixón ten o chisqueiro que ela lle regalara, e que recollera xunto á segunda rapaza morta. Cólleo, e cando ela regresa a casa dille a el que tivo lugar un terceiro asasinato similar aos dous primeiros.
Hélène descobre que Popaul colleu o chisqueiro do caixón e pensa que é el o asasino das rapazas. Pola noite el chámaa para falar con ela, pero esta négase a deixalo entrar na escola. Asustada, pecha as portas e as ventás, pero mentres, el aproveita para colarse dentro. Armado coa navalla de resortes, explícalle os motivos dos asasinatos. De socato, apuñálase no abdome. Hélène lévao ao hospital, e na viaxe el confésalle os seus sentimentos. Na sala de espera pídelle un bico e ela dállo, e no ascensor de camiño ao quirófano morre.
Logo de abandonar o hospital, Hélène detense en plena noite a carón do río, abatida polo que pasou, e permanece alí até a alba.
Elenco de actores
[editar | editar a fonte]- Stéphane Audran: Hélène David
- Jean Yanne: Paul Thomas, Popaul
- Roger Rudel: inspector Grumbach
- William Guérault: Charles
- Mario Beccara: Léon Hamel
- Antonio Passalia: Angelo
- Pascal Ferone: Padre Charpy
- Dominique Zardi
- Os habitantes de Trémolat
Premios
[editar | editar a fonte]- Festival Internacional de Cine de Donostia 1970: Cuncha de Prata á mellor actriz para Stéphane Audran
- Premio Bodil 1971 ao mellor filme europeo para Claude Chabrol
- Nomeada aos Premios BAFTA 1973 á mellor actriz para Stéphane Audran
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- O carniceiro na IMDb (en inglés).
- Ficha en RottenTomatoes (en inglés)
- Ficha en AllMovie (en inglés)