James Callaghan
Leonard James Callaghan, Baron Callaghan of Cardiff, nado o 27 de marzo de 1912, finado o 26 de marzo de 2005, foi un político laborista, primeiro ministro británico entre 1976 e 1979, e lord vitalicio dende 1987. Político popular, moderado e optimista, que se gañou o alcume cariñoso de Sunny Jim (Alegre Jim).
Biografía
[editar | editar a fonte]Leonard James Callaghan naceu en Portsmouth, cidade costeira do sur de Inglaterra. Na súa autobiografía, Time and chance, fala das dificultades económicas da súa nenez e da axuda prestada por un deputado laborista cando faleceu seu pai, James, os seus nove anos. "Dende aquela sempre fomos laboristas", escribiu.
Deixou os estudos aos 16 anos e encontrou traballo como oficinista fiscal antes de alistarse na mariña durante a II guerra mundial.
James Callaghan faleceu na véspera do seu 93° aniversario, once días despois do falecemento da súa muller, Audrey Callaghan, con quen estivo casado durante 67 anos.
Traxectoria política
[editar | editar a fonte]James Callaghan entrou en política, como deputado por Cardiff, o 5 de xullo de 1945. Desempeñou tamén distintos cargos sindicais e optou por primeira vez ao liderado do Partido Laborista ao fenecer Hugh Gaitskell en 1963.
Callaghan chegou ao número 10 de Downing Street trala dimisión de Harold Wilson en 1976 e despois de ter controlado tres carteiras ministeriais importantes: chancellor ou ministro de Finanzas, de 1964 até 1967; ministro do Interior, de 1967 até 1970, e xefe da diplomacia, de 1974 até 1976. A súa longa experiencia nas funcións de goberno e o seu perfil como candidato menos propenso a causar divisións no seo do Partido Laborista aseguráronlle a dirección do partido e do Reino Unido en 1976.
A traxectoria política de Callaghan pasou por serias dificultades e decisións polémicas. Á fronte do Ministerio de Facenda, resistiuse a desvalorizar a libra esterlina até que a conxuntura fixo inevitable a caída da moeda, tendo que dimitir por isto no ano 1967.
En Interior, ordenou o despregue de tropas británicas en Irlanda do Norte ao son das primeiras manifestacións pro dereitos civís e os enfrontamentos da maioritaria poboación protestante. Como ministro de Exteriores do Goberno Wilson, Callaghan conduciu as negociacións da entrada do Reino Unido na Comunidade Europea.
Os seus tres anos en Downing Street, como primeiro ministro, concluíron no chamado inverno do descontento, co estado practicamente paralizado por continuas folgas sindicais, que lle deron munición á oposición conservadora. Unha moción de censura, que Callaghan perdeu por un voto, precipitou a convocatoria das eleccións xerais de 1979, que selaron o ascenso de Margaret Thatcher.
O ex primeiro ministro ocupou o seu escano na Cámara baixa até 1987, cando entrou na Cámara alta como Lord Callaghan de Cardiff.