[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Lirio de monte

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Iris boissieri»)

O lirio de monte ou lirio do Xurés (Iris boissieri), é un lirio (xénero da familia Iridaceae ) moi escaso e endémico das montañas de Galiza e Norte de Portugal. Segundo a citas antigas, as poboacións situadas a menor altitude desapareceron. Áchase clasificado como “En Perigo Crítico” no Atlas y Libro Rojo de Flora Amenazada de España.[1]

Descrición

[editar | editar a fonte]

Xeófito con bulbo de túnica membranosa. As follas son dimorfas, as inferiores longas, as distais máis curtas, de limbo máis largo, transformándose gradualmente en espatas. O talo fica rematado nunha soa flor, excepcionalmente dúas. A flor é de cor violácea, con divisións externas cunha franxa central amarela e pelos da mesma cor. A polinización é entomófila, a dispersión barocoria. Nº cromosomático: 2n = 36. Reprodución asexual posíbel por división do bulbo.

Bioloxía reprodutiva

[editar | editar a fonte]

A taxa de formación de sementes oscila entre anos consecutivos. Téñense ollado lirios de monte con máis de 40 sementes, o que debe supor gasto de recursos moi importante para o bulbo, xa que na época de maduración das sementes, a parte aérea da planta perdeu a súa capacidade fotosintética. Existe variación interanual na formación de vástagos e floración desta especie. Esta variación semella estar relacionada co éxito e consumo de recursos na produción de sementes do ano precedente.

Medra en altitudes entre 500 e 1.450 m, en solos pouco fondos desenvolvidos sobre rochas granodioritas

Distribución

[editar | editar a fonte]

É propio de Galiza e do Norte de Portugal. En Galiza está presente na Serra do Xurés e Santa Eufemia e en Baltar (Ourense), na Serra do Courel (Lugo) e no Monte Pindo (A Coruña). No norte de Portugal espállase pola liña con Galiza no suroeste da provincia de Ourense (Serra do Gerês).

Situación actual e ameazas

[editar | editar a fonte]

Parecen ter desaparecido as poboacións situadas a baixa altitude, moi especialmente na contorna da Serra do Xurés, onde existían algunhas referencias históricas. De xeito xeneralizado detéctase unha declinación importante das súas poboacións. Só a poboación integrada no Parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés atópase aparentemente en bo estado.

As principais ameazas que poden afectar a esta especie son os coleccionistas e os cambios no uso do solo. Por outra banda as poboacións da Serra do Courel e do Monte Pindo semellan inviábeis pola escaseza de efectivos detectada. Nesta última localidade tíñase detectado algún individuo recentemente que non volveu localizar de novo. Atópase no Atlas y Libro Rojo de la Flora Vascular Amenazada de España, clasificada como especie en perigo crítico.

Conservación

[editar | editar a fonte]

A súa poboación ourensá está integrada no Parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. Porén as poboación do Courel e do Monte Pindo, malia pertencer aos LICs (o primeiro Ancares-Courel e o segundo Carnota-Monte Pindo) carecen dunha figura de protección regulada. Algunhas asociacións reclaman a declaración do Monte Pindo como Parque Natural. Algunhas medidas de conservación propostas son a conservación en bancos de xermoplasma, reforzar a educación e divulgación para evitar as recolleitas, a reintrodución e reforzamento daquelas poboacións que ben desapareceron ou ben teñen escasa viabilidade.

Redescuberta no Monte Pindo

[editar | editar a fonte]

Javier Amigo, profesor de botánica da Universidade de Santiago de Compostela catalogara esta especie no Monte Pindo, malia que levaba máis de dez anos sen poder constatar a súa presenza. En xuño de 2013 un grupo de persoas da asociación que loita para declarar o monte Pindo parque natural protexido, deron con varios exemplares durante unhas xornadas de pesca organizadas pola Confraría de Pescadores da localidade[2]. A asociación Monte Pindo cre que este achado, ademais da importancia botánica, súmase á escolma de especies endémicas e raras que se atopan neste espazo, polo que debería se enmarcar con algunha figura de protección.

O grande incendio forestal que arrasou o Monte Pindo en setembro de 2013 fai que sexa difícil a sobrevivencia desta especie nesta zona[3].

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]