Karas, Namibia
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | Namibia | ||||
Capital | Keetmanshoop (pt) | ||||
Contén a división administrativa | |||||
Poboación | |||||
Poboación | 77.421 (2011) (0,48 hab./km²) | ||||
Lingua oficial | lingua inglesa | ||||
Xeografía | |||||
Superficie | 161.215 km² | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Identificador descritivo | |||||
Fuso horario | |||||
ISO 3166-2 | NA-KA | ||||
Páxina web | karasrc.gov.na |
Karas (en nama ǁKaras), é unha das catorce rexións de Namibia. A súa capital é a cidade de Keetmanshoop, e a cidade máis poboada é Lüderitz.
Karas considérase unha unidade económica, orgánico-administrativa e natural. A súa beleza paisaxística, a mestura de culturas e de tradicións, e unha economía florecente e diversificada distingue a Karas das 13 rexións restantes do país.[1]
O nome oficial desta rexión, desde a independencia de Namibia en 1990, era Karas Region (Rexión da Karas). Nun esforzo para consolidar a ortografía, pasou a chamarse ǁKaras en agosto de 2013.[2]
Xeografía
[editar | editar a fonte]É a rexión situada máis ao sur de Namibia. Ten unha superficie de 161 235 km²,[3] o 20 % da superficie do país,[1] o que a converte na máis extensa.
En 2011 tiña 70 000 habitantes,[4] (menos do 5 % da total do país), polo que a densidade de poboación nese ano era de 0,5 hab./km².
O Índice de Desenvolvemento Humano da rexión en 2017 era de 0,687.[5]
"ǁKaras" é o nome en nama dunha especie áloe, a Aloidendron dichotomum (antigamente Aloe dichotomum), que crece en Namibia e Botswana, e que é a planta máis coñecida do país, sendo o símbolo da rexión.[1]
Límites
[editar | editar a fonte]Karas limita ou norte coa rexión de Hardap, ao oeste co océano Atlántico e, debido á súa posición no sur de Namibia implica que comparte unha longa fronteira no sur e no leste coa provincia do Cabo Setentrional de Suráfrica.
Clima, hidrografía e producións agrícolas e gandeiras
[editar | editar a fonte]Os ríos máis importantes son o Orange, que forma a fronteira sur con Suráfrica, e o Fish, un afluente do Orange que discorre polo centro da rexión.
O clima fai que a rexión sexa o sitio ideal para varios cultivos de secaño, o máis importante é o de uva de mesa. En gandaría destaca a produción de carne de ovella, de cabra de vacún e de avestruz.
Idiomas
[editar | editar a fonte]A lingua oficial, como en todo o país, é o inglés. Na rexión as linguas máis faladas son, ademais do inglés, o nama, o alemá e o afrikaans.
Economía
[editar | editar a fonte]Karas é unha rexión con abundante riqueza natural, tanto no interior, como na súa zona costeira. Posúe as reservas máis grandes do mundo de diamantes aluviais.[1] Goza de estabilidade sociopolítica, baixa taxa de criminalidade e infraestruturas que dan acceso a mercados locais, rexionais e estranxeiros.
A rexión é predominantemente de pequenas granxas gandeiras, sobre todo de ovellas e cabras. Os animais de caza e as granxas irrigadas ao longo do río Orange e do encoro de Naute adquiriron considerábel importancia.
De grande importacia na rexión é a cidade portuaria de Lüderitz, con importantes descargas de peixe e, e factorías de procesado deste, e a súa industria de construción naval. A actividade pesqueira é a principal fonte de ingresos da cidade. É importante a pesca de lagosta e pescada. A maior parte das capturas destínanse á exportación. España é un dos principais destinos das exportacións pesqueiras. No que respecta á pesca e á súa transformación cómpre sinalar as instalacións da empresa NovaNam, filial da multinacional galega Nueva Pescanova,[6] que conta con dúas plantas de procesado en Namibia, a principal, NovaNam-Lüderitz, en Lüderitz,[7] onde traballan 1 800 operarios dedicados a elaboración dos produtos capturados pola frota pesqueira que a compañía posúe no país.[8] (A outra, NovaNam-Walvis Bay, está localizada en Walvis Bay, onde a empresa conta con 300 operarios.[8]
As zonas de diamantes ao longo da costa, con Oranjemund como centro principal, contan con empresas de extracción e mineiras na área dos montes Klein Karas e Rosh Pinah. Destaca tamén o campo de gas natural Kudu no océano Atlántico e as industrias a pequena escala en Luderitz e Keetmanshoop.
O potencial de crecemento económico da rexión é considerábel, pero necesita unha política de desenvolvemento xeral intensiva. É unha zona que xera importantes impostos para o goberno central, que predominantemente proceden da minaría do diamante.
Comunicacións
[editar | editar a fonte]A vía férrea principal e dúas estradas troncais principais dan acceso a Suráfrica. Keetmanshoop está considerada como "a capital do sur" e ten conexión directa por aire, ferrocarril e estradas con Windhoek. O seu aeroporto é de estándar internacional, apropiado polo tanto, para o tráfico aéreo internacional. O aeródromo de Kolmanskop, cerca de Lüderitz, é servido con regularidade por Air Namibia nos seus voos a Cidade do Cabo e Windhoek. Tamén existen instalacións para aterraxe ben desenvovidas en Oranjemund.
Turismo
[editar | editar a fonte]Polo seu territorio discorren os desertos do Namib e do Kalahari, que albergan especies animais e vexetais únicas no mundo. Estes desertos, cheos de riqueza natural, xunto co canón do río Fish, fixeron florecer o sector turístico, enfocándose no denominado "ecoturismo".[1] Ambos os desertos están moi protexidos no ámbito medioambiental.
Os mananciais termais de Ai-Ais, e no futuro probabelmente tamén de Warmbad, o bosque Kokerboom, cerca de Keetmanshoop, o canón do río Fish, que é o segundo máis grande do mundo, a montaña Brukaros (un antigo volcán), cerca de Berseba, a cidade costeira de Lüderitz e granxas para aloxamento e caza, son atraccións turísticas importantes, e a industria do turismo ten aínda potencial para unha maior expansión.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Canón do río Fish
- Bosque Quivertree
- Parque de xigantes
- Kolmanskop ("cidade fantasma")
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Karas en Haras Tourism (en inglés).
- ↑ Nakale, Albertina (9 de agosto de 2013): "President divides Kavango into two". New Era. En allafrica.com (en inglés).
- ↑ "Namibia's Population by Region". Election Watch (Institute for Public Policy Research) (1): 3. 2013.
- ↑ Smit, Nico (12 de abril de 2012). "Namibia’s population hits 2,1 million". The Namibian. Arquivado dende o orixinal o 05 de decembro de 2012. Consultado o 06 de agosto de 2019.
- ↑ "Sub-national HDI - Area Database - Global Data Lab". hdi.globaldatalab.org (en inglés).
- ↑ Elena Salgado ficha por Nueva Pescanova y entra en el consejo de administración. Europa Press, 09/02/2016.
- ↑ NovaNam, filial del grupo Nueva Pescanova en Namibia, cumple 27 años de historia
- ↑ 8,0 8,1 Un libro recoge el papel de NovaNam, filial del Grupo Nueva Pescanova, en el desarrollo de la industria pesquera en Namibia.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Karas, Namibia |