Filipa de Sousa
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1556 (Gregoriano) Tavira, Portugal |
Morte | 1600 (43/44 anos) Brasil |
Actividade | |
Ocupación | activista |
Outro | |
Condenada por | sodomía |
Filipa de Sousa, nada en Tavira en 1556 e finada no Brasil cara a 1600, tamén coñecida como Felipa de Souza, foi unha muller portuguesa acusada de prácticas nefastas (lesbianismo) pola visita do Santo Oficio en Baía no século XVI. Hoxe en día, a súa sentenza é considerada o primeiro caso de persecución sexual e condena da práctica do lesbianismo por parte da Inquisición nese territorio. Recoñecida como unha das primeiras vítimas da homofobia no Brasil, é unha icona do movemento LGBT no país.[1][2][3][4]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Nada en 1556 na cidade de Tavira (no entón reino do Algarve), era filla de Manuel de Sousa e de Maria Gonçalves, antigos cristiáns vellos e naturais da localidade. Viaxou a Salvador, na antiga capitanía portuguesa de Baía, Brasil, nunha data descoñecida, xa que estaba casada cun cristián novo, produtor de seda de profesión. Sabía ler e escribir, feito extraordinario para a época. Despois de enviuvar casou con Francisco Pires, quen traballaba como albanel en Salvador. Traballou de modista e non tivo fillos.[5]
Acusación do Tribunal do Santo Oficio
[editar | editar a fonte]En 1591 tivo lugar a primeira visita da Inquisición portuguesa a Salvador, a principal cidade da entón colonia portuguesa do Brasil. Dirixida polo padre Heitor Furtado de Mendonça, tiña como misión obter confesións e denuncias de herexías e prácticas de xudaísmo, concretamente nas áreas de Baía, Pernambuco, Itamaracá e Paraíba.[6] O 18 de decembro dese ano Filipa, quen tiña entón 35 anos, foi denunciada por Paula Siqueira (tamén chamada Pauloa de Sequeira), cristiá de 40 anos (ou 35 nalgúns documentos). Siqueira descubriu na súa casa a novela pastoral Diana (1559), de Jorge de Montemor, sobre as aventuras amorosas de dúas pastoras,[7] libro que figuraba no Índice de libros prohibidos. A situación presionouna até converterse na principal acusadora de Filipa. A situación deu lugar a unha demanda en que 29 mulleres foron acusadas de prácticas homosexuais.
Nunha das súas declaracións Paula Siqueira afirmou:
- «... mentres ela estaba confesando na súa casa desta cidade [de Salvador], chegoulle a dita e ambas tiveron unión carnal unha coa outra por diante e unindo os seus vasos naturais uns cos outros, tendo deleite e consumando efectivamente a realización natural de ambas partes coma se fosen propiamente home con muller».
Foi detida xunto con outras mulleres para prestar declaración no Tribunal do Santo Oficio, acusada de «prácticas nefastas» ou mesmo do «nefasto pecado de sodomía». Filipa de Sousa tamén foi acusada de criptoxudaísmo por dalgunhas testemuñas, unha acusación da que conseguiu probar a súa inocencia, e de ter relacións con máis de 40 mulleres. Acabou por confesar só acusacións de lesbianismo con polo menos seis mulleres en oito anos.[8]
Confesión
[editar | editar a fonte]Declarando que o seu afecto polo xénero feminino era natural e sen pecado, Filipa de Sousa revelou que en 1583 se namorou por primeira vez dunha muller, Maria Peralta, entón de 18 anos e solteira. Filla de Gaspar da Vila Costa e Ana. de Siqueira, ambos cristiáns novos, seguiron a verse en segredo despois de Maria casar con Tomás Bibentaon.[9][10] Tras rematar esa relación tivo máis amantes, mais foron relacións esporádicas. Anos despois namorouse de Paula Siqueira, nada en Lisboa e filla de Manuel Pires, prateiro, e de Mecia Roiz (tamén mencionada como Rodrigues). Con ela mantivo unha relación durante máis de tres anos.[11]
Ante o feito de que a súa amada a acusar de acoso e coacción sexual, Filipa de Sousa revelou posuír varias cartas de amor que intercambiara con Paula Siqueira. Posteriormente foron utilizadas como proba do seu crime en xuízo.[12] Rematada a indagación, o inquisidor preguntoulle por que non confesara previamente os seus pecados. A costureira portuguesa respondeu que, segundo o xesuíta António Velásquez, abondaba con confesarse todos os domingos. Este dixéralle que «a súa unión carnal coas citadas mulleres foi sempre sen ningún outro Instrumento, só cos corpos». Demostrou así que as súas preferencias sexuais eran coñecidas pola igrexa local. Daquela, segundo a doutrina católica e os costumes locais, os actos de erotismo e as manifestacións de pracer sexual entre mulleres sen penetración eran considerados menos pecaminosos e propios dunha inxenuidade infantil.[13][14]
Sentenza
[editar | editar a fonte]Das 29 mulleres acusadas de lesbianismo na Capitanía da Baía, sete foron xulgadas e condenadas. Filipa Sousa foi a máis severamente castigada. Con todo, librouse da pena de morte na fogueira, xa que os seus actos sexuais non implicaron penetración.[15]
O 26 de xaneiro de 1592 foi retirada do calabozo da Casa da Inquisición no Terreiro de Jesus (Salvador) e obrigada a camiñar descalza, nunha procesión de humillación, até a Igrexa da Sé. Alí escoitou de pé os seus crimes e pecados e a súa condena, cunha candea acesa nas mans, e vestida cunha roupa de liño cru, como se identificaban publicamente as acusacións de herexía. Foi condenado a ser azoutada e ao exilio perpetuo, a xaxún a pan e auga durante 15 venres e 9 sábados en honra á pureza da Virxe María e a rezar un salmo 33 veces.
Despois da lectura pública da sentenza, foi atada á picota, azoutada e trasladada ao calabozo, onde recibiu atención médica polas súas feridas durante catro días. Tras recuperarse, Filipa de Sousa foi obrigada a pagar as custas procesuais nunha cantidade equivalente a tres meses de traballo. O 31 de xaneiro foi expulsada da capitanía. Desde entón perdeuse toda información sobre o seu paradoiro ou fin de vida.[16]
A súa acusadora, Paula Siqueira, tivo unha pena máis leve. Foi condenada a 6 días de prisión, 50 cruzados de multa, dúas comparecencias públicas como acusada e unhas penas espirituais. Especúlase que por ser a muller de António de Faria, Valedor do Pobo da Real Facenda e, en consecuencia, ter un cargo xerárquico superior ao de moitas das mulleres acusadas, a súa condena foi moito máis leve.[17]
Legado e homenaxes
[editar | editar a fonte]Na súa honra, creouse en 1998 a ONG Felipa de Souza. Polo mesmo motivo, a Comisión Internacional de Dereitos Humanos de Gays e Lesbianas e OutRight Action International estabeleceron en 1994 o Premio Felipa de Souza, a principal distinción internacional polos dereitos humanos das persoas homosexuais. O galardón recoñece a valentía de quen loitan polos dereitos das persoas homosexuais, bisexuais e trans en todo o mundo.[18]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Buarque de Hollanda, Heloisa, ed. (2020). Pensamento feminista hoje: Sexualidades no sul global (en portugués). Bazar do Tempo Produções e Empreendimentos Culturais LTDA. ISBN 9786586719369.
- ↑ Dias Pereira, Paulo Roberto, ed. (2001). Brasiliana da Biblioteca Nacional: guia das fontes sobre o Brasil (en portugués). Nova Fronteira. ISBN 9788533301498.
- ↑ Drumond Braga, Paulo (2012). Filhas de Safo (en portugués). Leya. ISBN 9789724743608.
- ↑ Vainfas, Ronaldo (2000). Dicionário do Brasil colonial, 1500-1808 (en portugués). Objetiva. ISBN 9788573023206.
- ↑ Vilhena Mesquita, José Carlos (2018). "Felipa de Sousa, algarvia condenada na Inquisição pelo “pecado nefando da sodomia”" (PDF). Al'-Ulya: Revista do Arquivo Municipal de Loulé (en portugués) (20): 113–152. ISSN 0872-2323.
- ↑ Torres, Pedro L. (2015). O Anjo e o Inquisidor. A História de Portugal em Romances (en portugués). Saida de Emergência. ISBN 9789896377748.
- ↑ Montemayor, Jorge de (1974). A Diana de Jorge de Montemor (en portugués).
- ↑ Bellini, Lígia (2014). A coisa obscura: mulher, sodomia e inquisição no Brasil colonial (en portugués). EDUFBA. ISBN 9788523212568.
- ↑ de Barros Mott, Luiz Roberto (1999). Homossexuais da Bahia: dicionário biográfico (sécvlos XVI-XIX) (en portugués). Editora Grupo Gay da Bahia. ISBN 9789200803062.
- ↑ Lipiner, Elias (1969). Os judaizantes nas capitanias de Cima: (estudos sôbre os cristãos-novos do Brasil nos séculos XVI e XVII) (en portugués). Editora Brasiliense.
- ↑ Del Priore, Mary; Beozzo Bassanezi, Carla (1997). História das mulheres no Brasil (en portugués) (3ª ed.). Contexto. ISBN 9788572440721.
- ↑ Vainfas, Ronaldo (1989). Trópico dos pecados: moral, sexualidade e Inquisição no Brasil (en portugués). Editora Campus. ISBN 9788570015808.
- ↑ Franco, José Eduardo; de Assunção, Paulo (2004). As metamorfoses de um polvo: religião e política nos regimentos da inquisição portuguesa (séc. XVI-XIX) : estudo introdutório e edição integral dos regimentos da inquisição portuguesa. Gabinete inquisitorial (en portugués). Prefácio. ISBN 9789728816339.
- ↑ Mott, Luiz (2010). Bahia: inquisição & sociedade (en portugués). EDUFBA. ISBN 9788523208905.
- ↑ Marcocci, Giuseppe; Paiva, José Pedro (2016). História da Inquisição Portuguesa, 1536-1821 (en portugués) (2ª ed.). A Esfera dos Livros. ISBN 9789896267803.
- ↑ de Barros Mott, Luiz Roberto (1988). O sexo proibido: virgens, gays e escravos nas garras da Inquisição (en portugués). Papirus Editora. ISBN 9788530800239.
- ↑ de Mendonça, José Lourenço D.; Moreira, António Joaquim (1980). História dos principais actos e procedimentos da Inquisição em Portugal. Biblioteca de autores portugueses (en portugués). Impr. Nacional-Casa da Moeda.
- ↑ Tin, Louis-George (2015). Diccionario de la homofobia (en castelán). Akal. ISBN 9788446039693.