Febreiro na cultura popular galega
O que segue recolle diversa información sobre a pegada do mes de febreiro na cultura popular e na literatura oral galegas, recollida de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc.
Incluímos tamén as mencións ó entroido, por coincidir -habitualmente- con este mes.
Crenzas
[editar | editar a fonte]O día da Candelaria -2 de febreiro- casan os paxariños. Ese día lévanse as candeas á igrexa e gárdanse para protexe-la casa da treboada ou para acompaña-lo viático.
Crese que os nenos que morreron sen bautizar e que, polo tanto, están no limbo, están en perpetua escuridade e só poden ver a luz do día o día da Candelaria. Na Coruña, as nais ás que lles morreu un meniño antes de bautizar encenden unha candea; Risco menciona que as cigarreiras da cidade colocan na igrexa candeas acesas sobre feixes de romeu, en memoria dos pobres cativos (Vicente Risco 1962, 358). En Muros é costume acender unha candea por cada persoa que morreu na casa (Antón Fraguas, 107).
Refraneiro
[editar | editar a fonte]- A auga de febreiro derrama o viño [1][2][3].
- A suga de febreiro fai o lameiro [1][2].
- A auga de febreiro ten pros campos tempero; i a de maio teno pra todo o ano [1][2].
- A castaña e o besugo, en febreiro non teñen zugo [4].
- A castaña i o besugo, en febreiro están en zugo [5].
- A castaña i o besugo, en febreiro non ten zugo.
- A chuvia de febreiro fai o palleiro [5].
- A muller gobernadeira, no Antroido lava a salgadeira.
- A pascua onde quixeres, o antroido onde as mulleres [6].
- A xeada de febreiro mata a vaca e mailo leiro.
- Abrígate por febreiro con dúas capas e un sombreiro.
- Aí vén febreiro cos seus vinteoito: si tivera máis catro non deixaba can nin gato.
- Algún día será domingo e martes de entroido [7].
- Antroido á raxeira, Pascuas á lareira.
- Antroido árdelle o coiro, árdelle ben ata o ano que vén [8].
- As pascuas con quen quixeres, os Antroidos coas vosas mulleres.
- Auga de febreiro enche o cabaceiro [1].
- Auga de febreiro, enche o graneiro.
- Auga de febreiro fai o palleiro [1][9].
- Auga en febreiro, millor que en xaneiro [1].
- Cada entroido seu choqueiro [10].
- Cando a Candelaria chora, a mitá do inverno está fora; se chora ou ri, a mitá do inverno está por vir, e se chora ou fai vento, aínda o inverno está dentro.
- Cando a Candelaria chora, medio inverno vai fóra. Que chore, que deixe de chorar, medio inverno está por pasar.
- Cando a Candelaria chora, metá do inverno vai fóra.
- Cando a Candelaria chora, mitá do inverno vai fóra: cando ela rir, está por vir, mais cal chorar, cal rir medio inverno está por vir.
- Cando chove por febreiro, todo o ano é temporeiro [11].
- Cando febreiro non febreirea, marzo marcea [5].
- Cando non chove en febreiro, non hai bo prado nin bo lameiro [5].
- Cando non chove en febreiro, non ten o ano bo tempero [11].
- Chuvia en febreiro, bo prado e bo centeo [12].
- Come máis pan un día de sol de febreiro, que os cabalos de todo o reino [5].
- Come máis [pan] un día de sol en febreiro que cantos cabalos ten o reino [13].
- De san Tomé a san Matías poden as noites cos días [14].
- De santo Tomé a san Matías máis poden as tebras cos días.
- De santo Tomé a san Matías son máis longas as noites cos días.
- Día de antroido ou de pascua, cada papón na súa casa [8].
- Día de entroido e domingo de Páscoa, cada larpeiro na súa casa [10].
- Día de San Nicolás está a neve de pao en pao, e senón no chao [15].
- Dixo no monte unha vella: 'Vaite febreiriño corto cos teus días vinteoito, que si tiveras máis catro non quedaba can nin gato'. Febreiriño contestou: 'Os teus becerriños oito, deixa que meu irmán marzo hachos de volver en catro'.
- Domingo de Entroido larafuzán, comícheme a carne, deixácheme o pan [16].
- Dure a mala veciña o que a neve febreiriña [17][18].
- Dure a miña veciña o que a neve febreiriña.
- En chegando san Brais pon pan e viño na alforxa que día non faltará.
- En febreiro, bo é o obreiro, e millor ó derradeiro [5].
- En febreiro busca a sombra o cadelo.
- En febreiro busca a sombra o can.
- En febreiro, deixa a fonte e vai ó regueiro [19].
- En febreiro, mete obreiro.
- En febreiro, por cada rego un caneiro [5].
- En febreiro, saca o boi do teu centeo [5].
- En febreiro sai o oso do oseiro [5].
- En febreiro sete capas e un sombreiro.
- En febreiro, sete galgos e un lebreiro, i en maio, sete lebres e un galgo [5].
- En xaneiro, namoreime, en febreiro, caseime ... e amoleime.
- Ende chegando o San Bras pon pan e viño na alforxa, que día non faltará [20][21].
- Entre xaneiro e febreiro, inverno verdadeiro.
- Entroido, á raxeira; Páscoa, á lareira [10].
- Entroido larafuzán, comíchesme a carne e deixáchesme o pan [8].
- Febreiriño camiseiro, nin boa meda nin bo palleiro [5].
- Febreiriño corto, casou ós vinteoito.
- Febreiriño corto, cos seus días vinteoito, se duraras máis catro non deixabas can nin gato [22].
- Febreiriño corto, cos seus días vinteoito; se duras máis catro, non queda can nin gato, nin ratiño no burato, nin ovella rabela, nin pastor pra ir co ela, nin cornos no carneiro, nin orellas ó pregoeiro.
- Febreiriño corto, cos teus días vinteoito, si duraras máis catro, non paraba can nin gato (Saudade nº 3, maio 1943, 24-25. No orixinal: mais.</ref>.
- Febreiriño curto, cos seus días vinteoito, se duraras máis catro non deixabas can nin gato.
- Febreiriño curto, cos seus vinteoito, o que se boas contas lle botas vintenove che ha de dar.
- Febreiriño curto, cos teus días vinteoito, se tuveras outros catro, non quedaba can nin gato, nin orellas ó pigureiro, nin can tras do palleiro [23].
- Febreiriño frebas dá, e se non as dera, xa as dará.
- Febreiriño mocho, cos teus vinteoito, mellor sería se tiveras menos oito.
- Febreiro, bertoeiro [24].
- Febreiro, cabriteiro [5].
- Febreiro, cada suco seu regueiro [19].
- Febreiro camiseiro, nin boa meda nin bo palleiro.
- Febreiro, cebadeiro [5].
- Febreiro corto, cos seus días vinteoito, se durara máis catro, non quedaba can nin gato, nin rato no seu burato [25].
- Febreiro corto, o pior de todos [5].
- Febreiro, currusqueiro; marzo ventoso; abril chuvioso; maio louro, cuberto de ouro [5].
- Febreiro curto, cos teus días vinteoito, se duraras máis catro, non quedaba can nin gato. Pois deixa, que agora vén meu irmau abril que che ha de matar o porco dun ano no cubil [19].
- Febreiro espadadeiro, nin boa meda nin bo palleiro [26].
- Febreiro, frebas de frío, e non de liño [27].
- Febreiro, inda que corto, é o pior de todos [5].
- Febreiro louco, sacou o seu irmán e apedreouno [5].
- Febreiro moliñeiro, marzo ventoso e abril chuvioso, sacan a maio garrido e fermoso [28].
- Febreiro, o mexadeiro, cando na casa, cando no outeiro [5].
- Febreiro quente, trae o demo no ventre [29].
- Febreiro, sete capas e un sombreiro [5].
- Febreiro tasqueiro, nin boa meda nin bo palleiro [30].
- Febreiro, xiada na leira, e cachopo na lareira [5].
- Flor de febreiro non vai ó fruteiro.
- ¡Mala veciña!, coma neve febreiriña.
- Martes de Antroido, ¡cando has de vir!, casquiñas de ovos, ¡cómo habés de ruxir!
- Martes de entroido, ¡cando has de vir!, Casquiñas de ovos, ¡cáse habés de ruxir! [10].
- Martes de entroido, cando has de vir? Casquiñas de ovos, case habedes de ruxir [8].
- Muller gobernadeira, domingo de Antroido lava a salgadeira [31].
- Neve en febreiro, hastra pra fouce ten tempereiro [17].
- Neve febreiriña come á mala veciña [17].
- Neve febreiriña, pica á galiña [17].
- Neve febreiriña, tarde vén e logo camiña [17].
- No febreiro busca o can ó pé do palleiro.
- Non tódolos días é martes de entroido [32].
- Non todos os martes son días de entroido [8].
- O día de San Brais ten dúas horas máis [7].
- O dous de febreiro súbete ó outeiro; se ves negrexar ponte a cantar; se ves branquexar bótate a chorar [5].
- O entroido ao tizón, a pascua ao sol [8].
- O entroido, coas súas artes, botou a san Matías fóra do martes [8].
- O entroido, coas súas malas artes, botou a San Matías fóra do martes [10][33].
- O entroido coas túas mulleres, a pascua con quen quixeres [8].
- O mes de xaneiro é o xeadeiro; febreiro, muliñeiro; marzo, esqueiroso; abril, chuvioso; maio, pardo; san Xoán, claro; en seitura, sol; e en agosto, mellor.
- O que queira bo alleiro, que o bote no febreiro.
- O vento de san Matías, debe durar corenta días.
- Páscoas, con que quixeres; entroidos, coas túas mulleres [10].
- Pascua con quen quixeres, entroidos coas túas mulleres [8].
- Pola Candelaria cásanse os paxariños e vaise a galiñola.
- Pola Candelaria se chove e venta o inverno entra, se ri e chora a mitade do inverno vai fóra, se non chora nin ri aínda o inverno está por vir, se chora e deixa de chorar, a mitade do inverno aínda está por pasar, se non chove nin implora o inverno xa vai fóra.
- Pola Candelaria, aínda a vella vai á lareira.
- Polo San Antón xa a galiña pon. Pola Candelaria, a boa e a mala.
- Polo San Brais, dúas horas máis.
- Polo San Brais, hora e media máis [19].
- Polo San Brais hora e media máis e se ben contaras dúas encontraras [19].
- Polo San Brais, teñen os días dúas horas máis [34].
- Polo san Brais, unha hora máis.
- Polo San Matías cantan as chichurrías e dá o sol polas umbrías.
- Polo San Matías, comenzan as enxertías [35].
- Polo San Matías igualan as noites ós días [35].
- Polo San Matías, marzo ós cinco días [36][37].
- Polo San Matías tan longas son as noites como son os días [38].
- Polo San Matías xa cantan as cotovías [35].
- Polo San Valentín amendoeira con gromiños.
- Polo San Valentiño a amendoeira esbrocha o grumiño.
- Polo San Valentiño frolez o espiño.
- Polo Santo Antón xa a galiña pon. Pola Candelaria, a boa e a mala.
- Por febreiro, os regatos son regueiros [39].
- Por San Brais, aparellos para atrás [40].
- Por San Brais, dúas horas máis [41]
- Por San Matías andan as noites a porfía cos días.
- Por San Matías, tan longas son as noites coma ós días [35].
- Por San Pedro da Cuadrela, sal a cobra da súa pedra [42]
- Porco do febreiro vai co seu pai ó fumeiro [43][44][45].
- San Brais da Barca, que afoga e non mata [20].
- San Matías anda co Entroido ás porfías [35].
- San Valentín e santa Erea poñen os gromos na amendoeira.
- San Valentín trae o gomiño.
- San Valentiño, da primaveira veciño.
- Se a Candeloria chora, mitá do inverno vai fóra; que ría, que chore ou que deixe de chorar, mitá do inverno está por pasar.
- Se a Candeloria chora, mitá do inverno vai fóra; se ri, está por vir.
- Se chove en febreiro, bota as pipas ó quinteiro.
- Se chove o día da Candelaria vai o inverno vai fóra; se chove ou canta, o inverno entra, e se non chove nin implora, aínda hai sesenta días de maña xorna.
- Se en febreiro trona, mal ano para o gando e bo para o sementado.
- Se febreiro non febreirea, marzo, marcea [5].
- Se non chove en febreiro, nin bo prado, nin bo centeo, nin bo lameiro [5].
- Se non chove en febreiro van as pipas ó canteiro.
- Se queres ter abellas mira por elas nas Candeas, e se queres ter mel mira polo san Miguel [46].
- Se queres ter abellas míraas polas Candeas, e se queres ter mel míraas polo san Miguel [47].
- Si comes porco en febreiro, frío polo invernadeiro.
- Todos os días non son martes de entroido [8].
- Un día bo en febreiro é un ladrón no eido.
- Vaite febreiriño corto, cos teus días vinteoito, que se tiveras máis catro non quedaba can nin gato.
- Vaite febreiro cos teus vinteoito que se duras máis catro non queda can nin gato.
- Vaite febreiro cos teus vinteoito, que si duras máis catro non queda can nin gato. Deixa que aí vén meu irmán marzo que vos ha de poñe-los cornos no regazo.
- Vamos mozas a San Brais, que festas non quedan máis [19].
- Xaneiro alleiro e febreiro cabriteiro [48].
- Xaneiro añeiro, e febreiro cabriteiro [49].
- Xaneiro, xeadeiro, febreiro, grileiro.
- Xaneiro, xeadeiro; febreiro, verceiro; marzo, airoso; abril, chuvioso; maio, pardo; san Xoán, claro, valen máis estos meses cas súas mulas co seu carro.
- Xaneiro xiadeiro, febreiro escarabanadeiro, marzo amoroso, abril chuvioso, maio ventoso, San Xoán caloroso, que fai o ano formoso [50].
Cantigueiro
[editar | editar a fonte]- A miña muller é vella,/ de vella caeulle o coiro,/ del hei facer un pandeiro/ para corre-lo antroido [51].
- A miña muller é vella,/ de vella caeulle o coiro,/ hei de facer un pandeiro/ para correr o Antroido.
- A miña muller é vella,/ de vella rompeulle o coiro;/ hemos faguer un pandeiro/ para corre-lo entroido [52].
- A probe da Besuga/ iba na procesión,/ cuberta cunha mantilla/ porque non tiña mantón./ E iba dicindo:/ Adiós, meu carnavaliño,/ miña nai non matou cocho/ por non me dar o touciño [53].
- Adiós, martes de Antroido,/ adiós, meu amiguiño,/ hastra o domingo de Páscoa/ xa non como máis touciño [54].
- Adiós, martes de Antroido,/ adiós, meu amiguiño;/ mina nai non matou porco,/ non podo comer touciño [55].
- Había moitos que teimaban,/ i eu era o pirmeiro,/ que había morrer un burro á sede/ o vinteoito de febreiro [56].
- Hai nenas que se fan finas/ e non queren a calquera/ cando se lles pasa o tempo/ un antroido, quen llo dera [57].
- O antroido é un goloso,/ porque foi fillo dun probe;/ cada un na súa casa/ gobérnase como pode [58].
- O entroido é moi goloso/ porque lle gusta o touciño;/ de Zabariz foi contente,/ que lle untaron o fuciño [59][60].
- Tódalas vellas se casan,/ miña nai, polo antroido;/ tódalas vellas se casan,/ quedo eu pra barredoiro [61].
Recitados
[editar | editar a fonte]- Dixo no monte unha vella:
- Vaite, febreiriño corto,
- cos teus días vinte e oito,
- que, se tiveses máis catro,
- non quedaría can, nin gato.
- Febreiro contestou moito:
- Os teus becerriños oito
- deixa que meu irmán marzo
- hachos de volver en catro.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Eladio Rodríguez González, s. v. auga.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 No orixinal: i-auga (ERG).
- ↑ Refraneiro do viño, 49.
- ↑ Lino Lema Bouzas, 1.
- ↑ 5,00 5,01 5,02 5,03 5,04 5,05 5,06 5,07 5,08 5,09 5,10 5,11 5,12 5,13 5,14 5,15 5,16 5,17 5,18 5,19 5,20 5,21 5,22 Eladio Rodríguez González, s. v. febreiro.
- ↑ Asociación cultural Andarela (ed.). "O entroido". Arquivado dende o orixinal (html) o 05/03/2016. Consultado o 26/01/2011.
- ↑ 7,0 7,1 Eladio Rodríguez González, s. v. día.
- ↑ 8,00 8,01 8,02 8,03 8,04 8,05 8,06 8,07 8,08 8,09 Andarela, Sanxenxo.
- ↑ Real Academia Galega 1913, s. v. auga.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 10,5 Eladio Rodríguez González, s. v. Entroido.
- ↑ 11,0 11,1 Eladio Rodríguez González, s. v. chover.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. chuvia.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. comer.
- ↑ San Tomé, 21 de decembro; San Matías celebrábase o 24 de febreiro, se ben hai tempo se trasladou ó 14 de maio.
- ↑ San Nicolao celébrase o 8 de febreiro. Eladio Rodríguez González, s. v. neve.
- ↑ Sobreira Salgado, s. v. carne. No orixinal? Domingo de Entroydo Larafuzan comicheme a carne deyxacheme o pan.
- ↑ 17,0 17,1 17,2 17,3 17,4 Eladio Rodríguez González, s. v. neve.
- ↑ Eladio Rodríguez, s. v. veciño.
- ↑ 19,0 19,1 19,2 19,3 19,4 19,5 Elixio Rivas Quintas (1978).
- ↑ 20,0 20,1 Eladio Rodríguez González, s. v. Bras.
- ↑ Refraneiro do viño, 27.
- ↑ Urbano Santana. No orixinal: corzo.
- ↑ Elixio Rivas Quintas (1978). No orixinal: ghato, pighureiro.
- ↑ Chámanse bertós ás follas novas que botan os nabos, despois das nabizas e antes dos grelos.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. febreiro. No orixinal: corzo, sic por corto.
- ↑ Espadadeiro, bravo, vale por moi frío. Elixio Rivas Quintas (1978).
- ↑ Fálase máis normalmente das frebas de marzo, nome que se dá ós primeiros días deste mes que adoitan ser tan crus como os do mes de febreiro anterior. Eladio Rodríguez González, s. v. febreiro.
- ↑ Chaman moliñeiro ó tempo nubrado, no que chove pouco pero persistentemente. Elixio Rivas Quintas (1978).
- ↑ Rosario Soto Arias 2013.
- ↑ Tasqueiro significa seco. Elixio Rivas Quintas (1978).
- ↑ O libro do porco, 37.
- ↑ Dá a entender que non tódolos días se poden comer cousas saborosas, nin tódolos días se pode andar de troula. Eladio Rodríguez González, s. v. Entroido, s. v. día.
- ↑ San Matías celebrábase o 24 de febreiro pero o cambio litúrxico levouno ó 14 de maio.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. Brais.
- ↑ 35,0 35,1 35,2 35,3 35,4 Eladio Rodríguez González, s. v. San Matías.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. marzo.
- ↑ San Matías celebrábase o 24 de febreiro pero o cambio litúrxico trasladouno ó 14 de maio, co que o refrán perdeu o seu sentido.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. noite.
- ↑ Os regatos poden levar auga ou non, pero os regueiros sempre levan auga.
- ↑ Lino Lema Bouzas, 8. No orixinal: Blas.
- ↑ San Brais, 3 de febreiro.
- ↑ San Pedro, 22 de febreiro.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. porco.
- ↑ O fumeiro e a estrutura de paus ou táboas que se coloca na cambota da lareira para curar ou secar chourizos.
- ↑ O libro do porco, 40.
- ↑ As Candeas ou a Candelaria é o 2 de febreiro; e san Miguel, o 29 de setembro.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. abella.
- ↑ ¿Erro por añeiro?
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. xaneiro.
- ↑ Sobreira Salgado: Papeletas. No orixinal: Janeyro giadeyro, febreyro escarabanadeyro, marzo amoroso, abril chuvioso, mayo ventoso, San Joan caloroso, que fay o ano formoso.
- ↑ Real Academia Galega 1913, s. v. antroido
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández 1973, 37. No orixinal: correlo.
- ↑ O libro do porco, 43. Refírese a un enterro da sardiña.
- ↑ O libro do porco, 42.
- ↑ O libro do porco, 42. No orixinal: matóu.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández 1973, 86.
- ↑ Cancioneiro de Corme, 483.
- ↑ Cancioneiro de Corme, 469. No orixinal: sua.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández 1973, 117. A cantiga ten que referirse a Sabariz, lugar da parroquia de San Xes de Vilariño, no concello de Lobeira.
- ↑ O libro do porco, 47.
- ↑ Real Academia Galega 1913, s. v. antroido. No orixinal: todal-as, pol-o.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- ÁLVAREZ BLÁZQUEZ, Xosé María: O libro do porco. Colección O Moucho 26. Edicións Castrelos, Vigo 1972.
- Andarela, Asociación Cultural (Sanxenxo) (consultado o 10.01.2017)
- ANÓNIMO: Saudade. Verba Galega nas Américas, México 1942-1953. Ed. facsímile do Centro Ramón Piñeiro 2008.
- ANÓNIMO: Refraneiro do viño. 505 sentenzas recollidas do pobo, Edicións Castrelos, Colección O Moucho, Vigo 1968.
- FERRO RUIBAL, Xesús: Refraneiro galego básico, Galaxia, Vigo, 1987.
- FRAGUAS Y FRAGUAS, Antón: La Galicia insólita. Tradiciones gallegas, Cuadernos do Seminario de Sargadelos 51. Ed. do Castro, Sada 1990.
- LEIRO LOIS, Adela (dir.): Cambados: a tradición oral, Colexio Público Castrelo. Cambados 1986.
- LEMA BOUZAS, Lino (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993.
- LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: Cantigueiro popular da Limia Baixa, Galaxia, Vigo 1973.
- MOREIRAS SANTISO, Xosé: Os mil e un refrás galegos do home, Ed. do autor, Lugo 1977.
- MOREIRAS SANTISO, Xosé: Os mil e un refráns galegos da muller. Alvarellos, Lugo 1978.
- RAMÓN FERNÁNDEZ-OXEA, Xosé: "Cancionero y refranero de Corme", en Revista de Dialectología y Tradiciones Populares. Tomo VII, cuaderno 3º, 1951, px. 457-507.
- REAL ACADEMIA GALEGA: Diccionario gallego-castellano, 1913-1928.
- RIVAS QUINTAS, Elixio: Frampas. Contribución al diccionario gallego, Ed. Ceme, Salamanca 1978.
- RIVAS QUINTAS, E.: Frampas II. Contribución al diccionario gallego, Alvarellos, Lugo 1988.
- RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo 1958-1961.
- SOBREIRA, Juan: Papeletas de un diccionario gallego (1792-1797), ed. de J. L. Pensado Tomé, Instituto de Estudios Orensanos, Ourense 1979.
- Mª Rosario Soto Arias: "Notas para un estudo dos refráns haxiocronolóxicos", en Cadernos de Fraseoloxía Galega 15, 2013, 347-370.