Factor limitante
Un factor limitante é a variable dun sistema que, se está sometida a un pequeno cambio, causa un cambio significativo nunha entrada ou outra medida do sistema. Un factor non limitante sobre certo dominio das condicións iniciais pode ser limitante sobre outro dominio de condicións iniciais.
Introdución
[editar | editar a fonte]A identificación dun factor como limitante só se fai en relación a outro ou outros factores que non son limitantes. As distintas disciplinas difiren no uso do termo en canto a se permiten a existencia simultánea de máis dun factor limitante (que pode ser chamado "colimitante"), pero todos requiren a existencia de polo menos un factor non limitante cando se usa o termo. Hai varios escenarios posibles de limitación cando está presente máis dun factor. O primeiro escenario, chamado limitacion simple ocorre cando só un factor, o que ten a máxima demanda, limita o sistema. Unha colimitación en serie é aquela na que un factor non ten efectos limitantes directos sobre o sistema, pero debe estar presente para incrementar a limitación dun segundo factor. Un terceiro escenario, a limitación independente, ocorre cando dous factores teñen ambos efectos limitantes sobre o sistema, pero funcionan por diferentes mecanismos. Outro escenario, a limitación sinerxista, ocorre cando ambos os factores contribúen ao mesmo mecanismo de limitación, pero de diferentes modos.[1]
Ecoloxía
[editar | editar a fonte]En ecoloxía, os recursos que actúan como factores limitantes comúns son condicións ambientais que limitan o crecemento, abundancia, ou distribución dun organismo ou unha poboación de organismos nun ecosistema.[2]:G-11[3] O concepto de factor limitante está baseado na lei de Liebig do mínimo, que afirma que o crecemento non está controlado pola cantidade total de recursos dispoñibles, senón polo recurso que sexa máis escaso. Noutras palabras, un factor é limitante se un cambio en dito factor produce un incremento do crecemento, abundancia, ou distribución dun organismo, cando outros factores necesarios para a vida do organismo non o produce. Os factores imitantes poden ser físicos ou biolóxicos.[2]:417,8
Os factores limitantes non están limitados ás condicións das especies. Algúns factores poden ser incrementados ou reducidos dependendo das circunstancias. Un exemplo dun factor limitante é a luz solar nunha selva, onde o crecemento está limitado para todas as plantas do chan da selva a non ser que dispoñan de máis luz (xeralmente as árbores tapan case toda a luz). Isto diminúe varios factores potenciais que poderían influír nun proceso biolóxico, pero só un está actuando en calquera lugar e momento. Este recoñecemento de que hai sempre un só factor limitante é vital en ecoloxía; e o concepto ten paralelos en moitos outros procesos. O factor limitante tamén causa a competencia entre individuos dunha poboación dunha especie. Por exemplo, o espazo é un factor limitante. Moitos predadores e presas necesitan unha certa cantidade de espazo para sobrevivir, onde encontran alimento, auga e outras necesidades biolóxicas. Se a poboación dunha especie é demasiado alta, empeza a competir por esas necesidades. Así, os factores limitantes manteñen a poboación nunha área ao causaren que algúns individuos busquen mellores perspectivas noutro lugar e outros permanezan e morran de fame. Algúns outros factores limitantes en bioloxía son a temperatura e outros factores relacionados co tempo climático. As especies poden tamén estar limitadas pola dispoñibilidade de macro- e micronutrientes. Hai evidencias de colimitación en ecosistemas de pradería. Un estudo publicado en 2017 mostrou que un micronutriente como o sodio non tiña efecto por si mesmo, pero cando estaba en combinación con macronutrientes como o nitróxeno e fósforo, non mostraba efectos positivos, o cal é unha evidencia de colimitación en serie.[1]
Economía e tecnoloxía
[editar | editar a fonte]O concepto tamén se aplica en economía e tecnoloxía. AllBusiness.com define factor limitante (restritivo) como un "ítem que restrinxe ou limita a produción ou venda dun produto dado". Exemplos son: "as horas de máquina limitadas e horas de traballo e a escaseza de materiais e de traballo especializado. Outros factores limitantes poden ser os centímetros cúbicos de exhibición ou de espazo de almacén, ou o capital de traballo."[4] O termo é tamén utilizado frecuentemente na literatura tecnolóxica.[5][6]
A análise de factores limitantes económicos é parte dun programa de avaliación e revisión técnica, da análise de vías críticas e da teoría das restricións tal como se presenta na novela The Goal (O obxectivo).
En química
[editar | editar a fonte]Designa o substrato (reactivo limitante) que desaparece máis rápido e así limita a cantidade de produto formado ou o factor (substrato, concentración, temperatura, encima ou outro catalizador) que limita a velocidade da reacción.
No deseño dunha reacción química para producir un determinado produto químico, un dos reactivos pode ser consumido pola reacción antes que outros. A cantidade de produto está limitado pola subministración deste reactivo. Este reactivo limitante determina o rendemento teórico da reacción.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Kaspari, Michael; Roeder, Karl A.; Benson, Brittany; Weiser, Michael D.; Sanders, Nathan J. (2017-02-01). "Sodium co-limits and catalyzes macronutrients in a prairie food web". Ecology (en inglés) 98 (2): 315–320. ISSN 1939-9170. PMID 27936500. doi:10.1002/ecy.1677.
- ↑ 2,0 2,1 Thomas M. Smith., Robert Leo Smith. 2009. Or simply, Limiting factors are things that prevent a population from growing any large. Elements of Ecology. Pearson International Edition. 7th Ed.
- ↑ "Limiting factor - Biology-Online Dictionary".
- ↑ "Business definition for: Limiting (constraining) factor". AllBusiness Business Glossary. Consultado o April 28, 2013.
- ↑ Sheriff, A., Bouchlaghem, D., El-Hamalawi, A., and Yeomans, S. (2012). "Information Management in UK-Based Architecture and Engineering Organizations: Drivers, Constraining Factors, and Barriers". Journal of Management Engineering 28 (2). pp. 170–180.
- ↑ John Leslie King, Vijay Gurbaxani, Kenneth L. Kraemer, F. Warren McFarlan, K. S. Raman & C. S. Yap (June 1994). "Institutional Factors in Information Technology Innovation". Information Systems Research 5 (2). pp. 139–169. doi:10.1287/isre.5.2.139. Arquivado dende o orixinal o 29 de maio de 2020. Consultado o 24 de xullo de 2018.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Compoñente abiótico
- Principio de Bateman
- Compoñente biótico
- Competencia (bioloxía)
- Principio da exclusión competitiva
- Ecoloxía
- Recurso (bioloxía
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Raghothama, K. G. & Karthikeyan, A.S. (2005) "Phosphate acquisition", Plant and Soil 274: 37-49.
- Taylor, W. A. (1934) "Significance of extreme or intermittent conditions in distribution of species and management of natural resources, with a restatement of Liebig's law of the minimum", Ecology 15: 374-379.
- Shelford, V. E. (1952). Paired factors and master factors in environmental relations. Illinois Acad. Sci. Trans., 45: 155-160
- Sundareshwar P.V., J.T. Morris, E.K. Koepfler, and B. Fornwalt (2003) "Phosphorus limitation of coastal ecosystem processes", Science 299:563-565.