[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Escudo de Lituania

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O escudo de Lituania é un campo de goles no que figura un cabaleiro de prata con esporas de ouro, montado sobre un cabalo do mesmo metal, con cadeira e rendas de azur decoradas de ouro, e armado cunha espada (tamén de prata) con empuñadura de ouro que sostén co seu brazo dereito sobre a súa cabeza. O cabaleiro porta, na súa sinistra, un escudo de azur cargado cunha cruz dobre de ouro.

O escudo é denominado en lituano Vytis que significa cabaleiro branco. Está documentado o uso deste brasón polo menos desde o ano 1366, ano no que está datado un documento no que figura o selo do duque Algirdas de Lituania. O escudo do "cabaleiro branco" figurou desde entón, con algunhas variacións, nos selos e elementos heráldicos dos grandes duques de Lituania.

Foi usado como símbolo nacional pola República de Lituania desde 1918 ata 1940. En 1988 recuperouse como símbolo nacional e o 11 de marzo de 1990 foi declarado emblema estatal. O Consello Supremo da República de Lituania aprobou unha regulación sobre o seu uso oficial e descrición e o 4 de setembro de 1991 restablecéronse as antigas cores do selo do Vytis.