Deonomástico
Deonomástico (do latín de "desde" e onomástico "nome propio", este derivado do grego ónoma "nome") é un termo que designa os substantivos e adxectivos comúns que proceden en orixe dun nome propio, sexa este persoal ou xeográfico. Trátase pois dun procedemento de creación de vocabulario, usual en todas as linguas. Dous exemplos poderían ser os seguintes:
- Mecenas "persoa que de xeito desinteresado axuda a un artista": é un exemplo de deonomástico derivado dun nome propio de persoa, e ten a súa orixe en Caio Cilnio Maecenas, rico romano protector de artistas da súa época como Horacio, Virxilio ou Propercio.
- Caolín "arxila branca coa que se elabora porcelana": é un deonomástico procedente dun nome xeográfico, neste caso o do outeiro chinés de Kao-Ling, de onde viñan no século XVIII as primeiras mostras coñecidas da finísima cerámica chinesa.
Historia
[editar | editar a fonte]Este procedemento de formación de vocabulario ten sido analizado desde hai tempo pola lingüística, e entra dentro das figuras retóricas, designándoo como metonimia, por contigüidade de significado. Así tómase a causa polo efecto (ou o autor polo producido): "este cadro semella un Rafael"; o efecto pola causa ; o continente polo contido ou ao revés: "merquei un Ribeiro" (é dicir, unha botella de viño do Ribeiro); ou, por último, simplemente consiste en denominar algo por unha súa calidade ou carácter parcial.[1]
Porén, o procedemento aumentou como modo de amentar novos termos nas ciencias tanto naturais como físicas e químicas, onde nos dous últimos séculos se multiplicaron os descubrimentos. Nuns casos os novos nomes eran dados en honra de alguén, ou ben debíaselle o novo invento ou descubrimento, ou ben remitían a un determinado lugar onde tivera lugar o tal descubrimento ou invención. Así polos dous primeiro métodos xurdiron denominacións como lobelia (en honra de Matías de Lobel, un botánico do século XVI); dalia (do sueco Dahl, que a trouxo a Europa, desde México, no século XVIII); daltonismo "defecto de visión", que foi descrito primeiramente por John Dalton (1766-1844); nicotina (de nicotiane, nome culto do tabaco, e este de Nicot, francés que o deu a coñecer en Francia, tamén no XVI). Polo último, lanzáronse nomes como: bauxita "un mineral " por descubrirse en Les Baux-de-Provence cara 1822 ; berlina "tipo de coche", por inventarse en Berlín no século XVI; estroncio "un novo metal", de estronciana, e este de Strontian, localidade escocesa onde se encontrou a fins do século XVIII etc.
Tipos de deonomásticos
[editar | editar a fonte]Clasificación por estrutura morfolóxica
[editar | editar a fonte]Desde o punto de vista da súa morfoloxía pódense clasificar en:
- Deonomásticos primitivos: o substantivo común conserva a identidade lexemática, ou case, co onomástico orixinal. A adaptación ao xenio da linguaxe é mínima, xusto a necesaria para axustar o nome ás regras fonéticas, se procede doutro idioma. Son exemplos:
- anfitrión,
- mentor, de onomástico grego Méntor, ancián amigo de Ulises, que instruíu ao fillo deste Telémaco; sen dúbida o uso provén da fama dun libro de Fénelon.
- quinqué "sorte de lámpada", do apelido do francés A. Quinquet.
- sosia "dobre dun individuo", de Sosia, personaxe dunha obra de Plauto, Amphitryo.
- ribeiro, de Ribeiro, comarca da provincia de Ourense, famosa pola calidade dos seus viños.
- Deonomásticos derivados: o substantivo común procede dun onomástico, pero é un vocábulo derivado normalmente por medio de sufixación. Exemplos deste tipo son:
- baioneta "coitelo para escopetas e fusís", de Bayonne, nome francés de Baiona, que ao parecer foi onde se inventou.
- guillotina "aparato para decapitar", do nome do seu inventor, o doutor Joseph-Ignace Guillotin (1738-1814).
- masoquismo "unha patoloxía psíquica", do novelista Leopold Sacher-Masoch (1836-1895), en cuxas obras aparecían personaxes que se comportaban perversamente.
- paiolo "aparvado", derivado de paio "parvo", do antropónimo, corrente na época medieval, Paio, que á súa vez deriva do onomástico greco-latino Pelagius.
- Pero pode ser por outros procedementos de incremento do vocábulo orixinario, como a composición:
- xan-ninguén "un calquera; home sen carácter", de Xan, forma popular do antropónimo Xoán + ninguén, pronome indefinido, "ningunha persoa; substantivado:persoa carente de importancia".
- maríaviou "un dos nomes da milpéndora", a primeira parte contén o nome feminino María, mentres a segunda é, posibelmente onomatopeico. En realidade todo o sintagma é unha imitación do seu canto.
- domingolirón "outro nome da milpéndora", é unha imitación onomatopeica do seu canto, pero está interpretada coma se o paxaro dixese tal nome, derivado de Domingo, nome persoal e lirón, unha alternativa a leirón, designación dun roedor famoso polo seu sono invernal, prototipo do individuo durmiñón. Nalgunhas zonas é designado como Mingolirón, no que Mingo é un hipocorístico de Domingo.
- teresaponamesa "un nome do insecto, tamén denominado barbantesa, Mantis religiosa L."; o insecto semella traballar (outros interpretan que reza), neste caso o nome coida que está a servir nunha mesa imaxinaria, e danlle o onomástico persoal feminino Teresa, en formas antigas do galego Tareixa e Tereixa, de orixe grega.
Clasificación por orixe
[editar | editar a fonte]Pola súa orixe os deonomásticos poden ser máis variados:
- Derivados de nome de personalidades históricas:
- anabolena "muller salerosa; muller liviana", de Ana Bolena, segunda esposa de Henrique VIII de Inglaterra, coa que casou logo de divorciase de Catalina, mais que posteriormente sería decapitada, ao namorarse o rei doutra muller (obsérvese as acepcións dispares do seu nome).
- bechamel "unha salsa", de Louis de Bechaméil, chambelán de Lois XIV de Francia, en homenaxe.
- césar "emperador" do nome de Caio Xulio César, usado como paradigmático dos emperadores, romanos, e logo adaptado noutras linguas como designación común de monarcas, cf. alemán Kaiser ou ruso tsar.
- dalia "planta e flor", do botánico sueco Anders Dahl.
- silueta "especie de esbozo dun ser ou cousa, en especial a xeito de sombra", de Étienne de Silhouette, intendente do Tesouro en Francia, a mediados do século XVIII, aínda que o onomástico semella francés é unha adaptación do vasco.
- Derivados de nomes de personalidades literarias:
- ferragús "individuo delgado, pequeno e feo"[2], sen dúbida por contraposición ao xigante dos apólogos medievais Ferragut.
- donquixote ou quixote "heroe quimérico ou iluso", do personaxe Don Quixote, da novela de Cervantes.
- pantalóns "sorte de calzas" do francés pantalons, e este do italiano Pantalone, personaxe da Comedia dell'arte, que vestía tal tipo de calzas.
- sanchopanza e sanchopancesco "persoa de miras materiais", de Sancho Panza, cuxo carácter se contrapón ao de Don Quixote, na célebre novela de Cervantes.
- sífilis "doenza venérea", do personaxe Syphilis, dun poema homónimo do italiano Girolamo Fracastoro (1478-1553), no que trata sobre o problemas causados polo "mal francés" ou "morbo gallico", como se denominaba na época; e, por certo, venéreo procede de Venus, a deusa romana da beleza e o amor.
- Derivados de nomes de personalidades mitolóxicas ou de libros relixiosos[3]:
- adán "persoa que viste aldraxosamente", de Adán, nome do proxenitor da humanidade, consonte a Biblia; posibelmente a orixe sinestésica proceda de pinturas ou ilustracións.
- adonis "home de excepcional fermosura", de Adonis, nome dun personaxe mitolóxico, namorado de Afrodita.
- harpía "muller pérfida", do grego hárpya, denominación dun monstro con rostro de dona e corpo de boutre, que describiu Hesíodo.
- hermetismo "doutrina oculta; texto de difícil comprensión", de Hermes Trimexistos, personalidade exipcia a que se atribuía a fundación da Alquimia,
- marcial "de ánimo guerreiro", de Marte, deus romano da guerra.
- mouco "xordo, ou que se fai o xordo", de Malco, nome do soldado a quen san Pedro lle cortara unha orella, na liorta orixinada cando foran prender a Xesús, cfr. Malchus in REW 5259.
- onanismo, que os dicionarios definen con frecuencia como "vizo masturbatorio"; deriva de Onán, personaxe bíblico obrigado pola lei a fecundar á súa cuñada, viúva, ao que el se negaba practicando o coitus interruptus.
- Derivados de onomásticos correntes, sen relevancia:
- paio "aparvado", do antropónimo Paio, corrente na Idade Media, que deriva do onomástico greco-latino Pelagius.
- paranzulas "mal amañado"[4], sen dúbida de Pero Ansúrez,
- pascaxo "que fala sen pes nin cabeza"[5], que debe derivar do nome persoal Pascasio, cfr. pascaxón, -oa "que fala sen fixarse no que di"[6]
- pedro "apéndice do intestino groso do porco ou tripa cagueira", é chamada tamén pedropérez, un nome e apelidos moi comúns; o mecanismo de orixe ven ser: tripa cagueira > común "o lugar para defecar a xente" > a xente corrente chámase Pedro ou Pedro Pérez; lémbrese que Pérez é un apelido precisamente derivado de Pedro (Perez < Petrici). Pedro é tamén a designación, nos contos populares, do "raposo".
- perica "cabra", era o gando habitual na época medieval, a alcance de calquera fortuna.
- sancha "carracha", forma feminina de Sancho, nome máis corrente no Medioevo, moi frecuente entre reis e alta nobreza, os estratos superiores que zugaban na xente común, xusto o que as carrachas fan con animais e persoas.
- xan "o home dominado pola muller; o home bon e infeliz", por ser Xan, forma popular de Xoán, un onomástico moi común.
- xoaniña ou xoana "nome dun insecto, Coccinella septempunctata", é denominación tamén corrente en portugués, de Xoana, forma feminina de Xoán; noutros idiomas usáronse derivados de María, como en alemán e castelán.
- Derivados de nomes de lugares xeográficos reais:
- baldaquino "cubrición, orixinariamente de tecido, sobre o altar das igrexas", do italiano baldachino "de Bagdad", de onde procedían as teas, e cuxo nome antigo, en italiano, era Baldacco. .
- biquini "traxe de baño feminino de dúas pezas", é unha adaptación do nome do atol de Bikini, nas illas Marshall, na que os norteamericanos fixeron probas atómicas desde 1946. Por esa época Rita Hayworth expúñase cun traxe de baño de tal tipo. Porén os biquinis remóntanse á Antigüidade.
- maionesa ou maonesa "especie de salsa con ovo e aceite batidos", de Maó, localidade da illa de Eivisa, bautizada así en 1756, durante a época dunha batalla en Maó contra os británicos, tentando render a cidade, que ocupaban os últimos. En realidade procede do xentilicio e é unha abreviación do sintagma salsa maionesa.
- maratón "carreira atlética de algo máis de 42 km de lonxitude", o nome está dedicado á xesta da batalla de Maratón (490 a.C.), na que os atenienses venceron ao persas, e a Fidípedes, o soldado que correu os 42,195 km desde o lugar do combate até Atenas, para caer morto en canto anunciou a vitoria grega. Nos primeiros xogos olímpicos da era moderna, en 1896, comezouse a correr esta carreira con tal nome. Actualmente calquera carreira de tipo popular recibe, ás veces, incorrectamente, a denominación. O nome grego Marathón significa "fiúncho".
- pergamiño ou pergameo "material de escritura confeccionado con coiro", de Pérgamo cidade helenística da Asia Menor, onde se comezou a fabricar.
- porlan "cemento", por ser famoso o fabricado na localidade británica de Portland.
- sibarita "persoa de gustos exóticos e luxosos", xentilicio dos habitantes de Síbaris, cidade da antiga Magna Grecia, cuxos moradores tiñan fama de botarse á pompa e o luxo.
- Derivados de nomes de lugares xeográficos imaxinarios:
- liliputiano "de tamaño ínfimo, diminuto", de Lilliput, illa imaxinaria, poboada por seres diminutos, que aparece na obra de Jonathan Swift (1667-1745), "Viaxes de Gulliver".
- Derivados de títulos artísticos:
- cicerone "persoa que guía a outros nun lugar, mostrándolle o que hai de interese", do título Der Cicerone, libro guía para coñecer e visitar Italia, publicado polo erudito Jakob Burckhardt en 1855, que se converteu en prototipo da guía culta; naturalmente o título inspirábase no onomástico do erudito romano Cicerón(106 a.C., 43 a.C.).
- Derivados de marcas comerciais[7]:
- kleenex.
- celo.
- fórmica (ou formica, na pronunciación popular).
- uralita (ocasionalmente reelaborado como aurelita, por analoxía co antropónimo).
- vitrasa (en Vigo e arredores úsase para calquera autocar; da empresa "VIguesa de TRAnsportes, SA").
- castromil (igualmente có anterior, pero xa máis espallado por Galicia).
Clasificación polo uso
[editar | editar a fonte]Poden ser cultos ou populares. Ás veces é difícil, polo menos a primeira vista, decidir. Poderíase pensar que anabolena é culto, mais a súa fama fíxoo unha designación popular. En principio son de uso culto case todos os que teñen un étimo de tipo mitolóxico e literario, e tamén os acuñados en medios científicos, pero sempre con reservas, unha designación como dalia, relativamente recente está bastante espallada. Cando a orixe ven dun onomástico corrente, sen dúbida estamos perante un termo popular.
- Deonomásticos populares: antonia, baínto, beltrán, garcía, muradana, santiaguiño, xudas.
- Deonomásticos cultos: sibarita, sodomía, lesbiana, renio, sádico.
Deonomásticos noutras linguas
[editar | editar a fonte]- Alemán: Kaiser "emperador", do latín Caesar; Marienkäfer "xoaniña, Coccinella septempunctata L.", formado sobre María e Käfer "escaravello", análogo ao castelán mariquita ou o vasco mari-gorringo.
- Castelán: fúcar "home rico", dos alemáns Fugger, banqueiros de Carlos V; marica "pega", dun diminutivo de María; ojén "un augardente" elaborado en Ojén, Málaga; adefesio é unha "cousa mal amañada; persoa de aspecto ridículo", de "Ad Ephesios", título dunha epístola de Paulo de Tarso; unha vez que pasou á lingua vulgar, cara ao século XVI, o seu significado parece que foi "dsiparatadamente", de onde se pasou aos actuais; tamén para viños, así como uvas ou olivas: rioja, málaga, cariñena; maría (galletas e baño en auga quente para cociñar); destajo, dun traballador soviético apelidado Stakhanovich.
- Croata: kralj "rei" de Karl, o nome xermano de Carlomagno.
- Francés: gréve "folga", do nome da Place de la Gréve, en París, na que se reunían os folguistas; matou "gato macho", de *Mattulffus[8]; margot "pega", de idéntico nome propio de muller, cfr. castelán marica; sansonnet "estorniño", diminutivo de Sansón, nome dun heroe bíblico.
- Inglés: colt "tipo de pistola", de Samuel Colt (1814-1862), inventor; sandwich "especie de bocadillo", de John Montagu, 4º conde de Sanwich.
- Italiano: carpaccio "prato frío, consistente en lascas finas de carne ou peixe, condimentadas", o nome foi dado en honra do pintor Vittore Carpaccio (1465-1526), en ocasión dunha mostra das súas obras en Venecia, no ano 1963, e o prato foi ideado por G. Cipriani; maiolica "especie de porcelana antiga", da denominación antiga italiana Maiolica < Maiorica, da illa de Mallorca.
- Portugués: carrasco "verdugo" de Belchior Nunes Carrasco, que se fixo tristemente célebre no desempeño do seu oficio; pires "pratiño sobre o que se coloca unha cunca ou taciña", en relación co apelido Pires, equivalente de Pérez[9];
- Vasco:azeari ou azeri "raposo", do antropónimo medieval Azenari, remitido por Luís Mitxelena ao latín Asinarius, da mesma orixe có apelido Aznar[10]; erraldoi "xigante", de Roldán, o heroe carolinxio ; matxin "campesiño", forma diminutiva de Martiño, por ser nome frecuente entre labradores, cfr. o francés antigo jacques "campesiño" (de Jacques, "Xaime, Santiago"); petrikilo "curandeiro", do nome dun célebre meciñeiro de inicios do século XIX, tamén denominado Petriquillo.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Regula e Jernej, Grammatica italiana descritittiva, páxs. 62-63
- ↑ Otero, Aníbal, Vocabulario de San Jorge de Piquín. Santiago. 1977, s.v. Farragús, páx. 119
- ↑ Poden verse algúns máis en Adxectivos olímpicos ou Adxectivando mitos gregos Arquivado 12 de setembro de 2014 en Wayback Machine. no portaldaspalabras.com
- ↑ Otero, Aníbal, op. cit., s.v. paranzulas
- ↑ García, Constantino, Glosario de voces galegas de hoxe. Santiago. 1985, s.v. pascaxo, páx. 529
- ↑ Otero, Aníbal, op. cit., páx. 177
- ↑ Neste Setestrelo do Portal das palabras dáse conta tamén de plastilina, neopreno, lycra, plexiglás, teflón, nailon, pírex, rimmel, tergal, uralita, skai e napa (este último derivado dun topónimo).
- ↑ Darmesteter, A., La vie des mots, etudiée dans leurs significations. París. Libr. Delagrave. 1950,páx, 109
- ↑ o dicionario portugués de Almeida e Sampaio indican unha orixe hipotética no malaio piring, porén a etimoloxía popular, achégao ao apelido Pires, equivalente do galego Pérez
- ↑ Michelena, Luis, Apelidos vascos. San Sebastián. Txertoa. 1973, páx. 63
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Regula, M.; Jernej, J., Grammatica italiana descrittiva su basi storiche e psicologiche. Berna. Francke Verlag. 1975, 2ª ed.
- Ferreiro, Manuel, Gramática histórica galega. II. Lexicoloxía. Santiago de Compostela. Ed. Laiovento. 1997 - ISBN 84-89896-07-0
- Colonna, Barbara; Meldi, Diego; Carassiti, Anna Maria; Palitta, Gianni; Rosati, Elio; Roffo, Stefano, Dizionario Etimologico: L'origine delle nostre parole. Genova e Santarcangelo di Romagna. Odysseus e Opportunity Books. 1997, en especial Appendice, páx. 425 e ss. - ISBN 88-8129-796-5
- Corominas, Joan, Breve diccionario etimológico de la lengua castellana. Ed. Gredos. Madrid. 1973. 3ª edic. - ISBN 84-249-1332-9