David (Donatello)
David | |
---|---|
Artista | Donatello |
Data | 1440 |
Técnica | Escultura en bronce |
Dimensións | 158 cm × cm |
Localización | Museo Nacional do Bargello (Florencia) |
O David de Donatello é unha escultura exenta en bronce de 158 cm, realizada contra o ano 1440 (ou no 1430 segundo algúns estudosos) por encarga de Cosme de Medici, que a quería para os xardíns do seu novo pazo de Florencia.[1] Actualmente, atópase no Museo Nacional do Bargello. É unha escultura representativa do Quattrocento italiano, inspirada na época clásica e cunha composición claramente praxiteliana. Aínda que trata un tema bíblico, na escultura pódese ollar a gran semellanza que garda cun heroe da Antigüidade clásica. É a primeira estatua exenta da escultura renacentista que se fixo en bronce totalmente espida.[2][3]
Dende o ano 2007 estase a facer unha restauración da obra para proceder á súa limpeza. Os traballos poden ser seguidos polos visitantes do Bargello mediante un ventanal que mostra a sala onde se efectúan os traballos de mellora.[4]
Contexto
[editar | editar a fonte]A principios do século XV xurdiu en Europa unha sociedade mercantil, coa creación de bancos nas cidades máis prósperas, como París ou Florencia; nesta última, a prosperidade permitiu o ascenso ao poder da familia Médici coa súa conseguinte influencia política; e converteríanse nos grandes mecenas de todas as artes. A pesar de que os artistas continuaban sendo considerados como artesáns, melloraron a súa posición social grazas aos mecenados que procuraban elevar a posición dos seus artistas protexidos a oficios liberais.[5] Seguindo as observacións de Leon Battista Alberti: "...o artista neste contexto social non debe ser un simple artesán, senón un intelectual preparado en todas as disciplinas e en todos os terreos".
Ao longo do século XV apareceu en Italia o período denominado coma o quattrocento ou o rinascimento dell'antichità, movemento artístico que evolucionou as técnicas da pintura, especialmente o debuxo. No quattrocento utilizouse a perspectiva como medio para conseguir unha maior exactitude na expresión da realidade dende un determinado punto de vista[6], e perfeccionouse a técnica ao óleo. A arquitectura inspirouse na arte grega, cunhas liñas máis puras e con canons dunha grande harmonía; igualmente, na escultura, observouse un retorno á imitación da figura clásica, coa anatomía como centro de atención e buscando a perfección do corpo humano. Grandes artistas, como os arquitectos Filippo Brunelleschi e Leon Battista Alberti, os pintores Masaccio, Sandro Botticelli, Filippo Lippi e Piero della Francesca, e os escultores Ghiberti ou Donatello, contribuíron ao esplendor da arte desta época.[7]
No ano 1436, Brunelleschi rematou a cúpula de Santa María del Fiore, a catedral de Florencia, un dos proxectos arquitectónicos máis importantes da cidade. En 1426 a Adoración dos Magos de Masaccio representou a renovación da pintura da época; as súas figuras perden o xesto grácil da arte gótica e ocupan un espazo verdadeiro dentro das leis da perspectiva lineal e o contraste da cor. En Florencia, esta concepción da arte xa practicábase por Brunelleschi, vinte e catro anos máis novo que Masaccio, e Donatello, co que había unha diferenza de quince anos.[8]
En 1425, o escultor Ghiberti recibiu o encargo da realización da porta este ou Porta do Paraíso para o baptisterio de San Xoán (Florencia), conseguindo nesta obra unha gran perfección no baixorrelevo. O axudante de Ghiberti foi Donatello.
Detalles biográficos do autor
[editar | editar a fonte]Donato dei Niccolò dei Betto Bardi, nado en Florencia (1386-1466), é o escultor máis representativo da escultura quattrocentista italiana. Discípulo de Ghiberti até que chegou a independendizarse, e protexido de Brunelleschi (con quen estudou as ruínas clásicas de Roma), é un renovador de toda a escultura europea, e sobre todo da técnica do fundido en bronce. Por outra parte, estudou profundamente o ser humano como centro e razón de ser do Universo ao cal trata en toda unha gama de caracteres e valores, intentando penetrar na súa psicoloxía. As súas obras máis sobresaíntes son a Cantoría da Catedral de Florencia, o San Xurxo de Orsanmichele (en Florencia), a estatua ecuestre do Condottiero Gattamelata (en Padua) e o David, encargada por Cosme de Médici que foi colocada no patio do pazo dos Médici ata o ano 1495, cando Piero de Médici foi expulsado da cidade, sendo a estatua trasladada ao patio do Palazzo Vecchio.[9]
Historia
[editar | editar a fonte]Descoñécese cando se realizou e as circunstancias que arrodean á obra, mais do pouco que se sabe é que foi encargada por Cosme de Medici á volta do exilio, cando Donatello adquirira xa fama en Florencia despois da súa formación inicial no taller de Ghiberti. Posibelmente tivera un destino público polo que a súa finalidade sería conmemorativa e simbólica: triunfo da intelixencia e triunfo dos Medici e, seguramente, estaba destinada para o seu novo pazo en Florencia, o que é coñecido como Palacio Medici Riccardi. Porén, a primeira referencia que se ten da obra é en 1469, nunha descrición da voda de Lourenzo, fillo de Piero, con Clarice Orsini e na que se cita que o David estaba sobre unha columna no patio do Palacio Médici.[10]Foi encargada por Cosme de Medici,
Donatello viaxou a Roma xunto con Brunelleschi para coñecer as ruínas romanas e se Brunelleschi revolucionou a arquitectura, Donatello fixo o mesmo na escultura tanto nas obras de vulto redondo coma nos relevos onde logrou plasmar a profundidade por medio da técnica do schiacciato, é dicir conseguir a tridimensionalidade diminuíndo paulatinamente o vulto das formas.
Historia de David e Goliat
[editar | editar a fonte]David era fillo de Xesé, da tribo de Xudá. Vivía en Belén co seu pai e os seus irmáns, e pertencía a unha familia humilde que se dedicaba ao pastoreo. Como se relata en Samuel 17:51, os feitos iniciáronse cando o pai o envío onde estaba acampado o exército israelita para que obtivese noticias dos seus tres irmáns máis vellos. Ao chegar ao campamento, David decatouse de que un filisteo moi forte, un xigante chamado Goliat, estaba a desafiar en combate individual calquera inimigo; diante deste guerreiro ningún israelita se atrevía a enfrontarse. A pesar que era moi novo e inexperto na arte da guerra e que Goliat medía dous metros e medio, David rezou a Deus e pediu permiso ao rei Saúl para poder enfrontarse ao gran guerreiro. Lembrou ao rei que cando un león e un oso atacaran ao seu rabaño, fora capaz de matalos co seu tirafonda. Entón o rei deulle permiso para combater co xigante.
Así pois, David dirixiuse cara a onde estaba Goliat. Ía vestido cunha armadura do rei pero por ser demasiado pesada quitouna. Foi ata un torrente onde colleu cinco pedras e chegou ao campo de batalla co tirafonda como única arma. Goliat riuse de David ao velo tan novo, con aspecto delicado e mal armado. Entón o pastor puxo unha pedra no tirafonda e empezou a xirala e ao lanzala foi directamente á fronte do xigante derrubándoo a terra. David rapidamente colleu a espada de Goliat e cortouno a cabeza.
Análise da obra
[editar | editar a fonte]Donatello interpretou este tema bíblico (tomado do Primeiro libro de Samuel) rompendo a tradición e o representa espido coma un heroe clásico;[10] de feito, foi o primeiro nu integral, de vulto redondo, que apareceu na escultura renacentista.[2][11]
Descrición
[editar | editar a fonte]Fai a representación dun nu ponderado, natural, pero moi expresivo debido á firmeza das liñas compositivas xerais. Relátase a vitoria de David sobre Goliat, un xigante filisteo. Donatello mostra un David adolescente, nu, co pé sobre a cabeza de Goliat, que acaba de cortar coa propia espada do seu inimigo e que David aínda a suxeita na súa mandereita. Coa outra man soporta a pedra coa que feriu a Goliat. Ten a expresión serena e cobre a súa cabeza con sombreiro de palla típico da Toscana do que sobresaen as guedellas do pelo; leva tamén unha coroa de follas de amaranto, en clara alusión ao heroísmo grego, e os seus pés están calzados con botas. Na cabeza de Goliat encóntrase un helmo traballado polo miúdo con relevos historiados e adornos vexetais típicos do primeiro Renacemento (chamados «in candelieri»), e onde está representado un baixorrelevo dunha carroza alada por putti.[12]
A composición está moi estudada. A perna dereita dun David adolescente soporta o peso dun corpo lixeiro, mentres que a esquerda apoia sobre a cabeza do xigante derrotado. O ángulo xerado aquí contrarrestarase co brazo esquerdo apoiado na cadeira. O atrevido espido de David —leva só sombreiro e botas de coiro— realza a inclinación das cadeiras e recrea a curva praxitélica (como se mencionou anteriormente), ao tempo que dá movemento e sensualidade á anatomía do pastor. A superficie pulida e case negra do bronce mellora o atractivo do corpo xuvenil. A espada que sostén, a pedra na súa outra man e a súa mirada satisfeita tamén nos dan, a pesar da súa mocidade, unha idea da súa valentía. O Renacemento adoptou os elementos básicos que describira Vitruvio, quen mantiña:
...que a proporción da forma humana debía servir de paradigma para as proporcións das creacións do home. Xa que a natureza deseñou o corpo humano de forma que os seus membros estean debidamente proporcionados á figura no seu conxunto; Parece que os antigos tiñan unha boa razón para a súa regra, que nos edificios perfectos os diferentes membros deben manter relacións simétricas exactas co esquema xeral no seu conxunto.D'Architectura (século I a. C.) Vitruvio
A modelaxe muscular é moi suave, borrosa, case feminina e o acabado que presenta o bronce é completamente liso para simular a suavidade da pel e constitúe un magnífico exemplo de estatuaria de bronce.[13]
Interpretación
[editar | editar a fonte]Mais Donatello non só representa un tema bíblico de gran popularidade e cun aire relixioso, senón que tamén lle imprime un ton mitolóxico e social. Así, David está representado tras a súa vitoria sobre o xigante Goliat, despois de matalo coa súa honda e despois de cortarlle a cabeza, que aparece aos seus pés. A actitude que presenta o corpo, apoiado na perna dereita, mentres a esquerda se presenta lixeiramente dobrada, o que se pode valorar como contrapposto, innovación atribuída ao escultor Policleto.[14] Porén, para outros autores, ese contrapposto estaría moi esaxerado polo que supón unha clara influencia do estilo de Praxíteles, coñecido no mundo da arte como a "curva praxitélica" até o punto de ser denominado o "Praxíteles florentino".[15] En calquera caso, contribúe a romper a lei da frontalidade proporcionando unha movemento máis harmonioso para o corpo.
Representacións de esculturas de David na arte
[editar | editar a fonte]O propio Donatello realizara anteriormente unha escultura de David, encargada para os contrafortes do coro da catedral de Florencia; para o mesmo sitio encargaron outra a Nanni dei Banco na que debía representar a Isaías. Se se comparan ambas as dúas esculturas obsérvase unha flexión do corpo de Isaías que continúa sendo gótica e que parece non ter un eixe central, a do David de Donatello presenta un contrapposto perfecto. Donatello realizouna en mármore cunha altura de 190 cm; a gran meticulosidade do rematado recorda a influencia que adquiriu cando traballou con Ghiberti.[16]
Verrocchio realizou un David en 1467-1470, en bronce, que é máis descarado e audaz, ademais de estar vestido; queda reflectido na escultura o mesmo momento vitorioso que o David de Donatello. Encóntrase no Bargello de Florencia. Michelangelo realizou un David en mármore no período de 1501-1504, cunha altura de máis de cinco metros; é o símbolo da tensión no instante previo de lanzarse ao combate contra Goliat. Encóntrase na Galería da Academia de Florencia.[17][18] Bernini executou cara aos anos 1623-1624 unha estatua barroca de medida real e en mármore. Representa a David no momento fugaz e sutil de disparar a súa pedra. Atópase na Galería Borghese de Roma.[19] Antonin Mercié realizou unha estatua en bronce no ano 1871, onde o David ten a cabeza de Goliat aos seus pés, como no de Donatello, pero leva un turbante e está a envaiñando a súa espada. Existen numerosas representacións, a maioría incorporan unha peza de tea cubrindo a zona xenital, aínda que as nádegas quedan ao descuberto. A escultura orixinal encóntrase no Museo de Orsay, en París.[20]
-
A primeira versión do David (1408-1409). Museo Nacional do Bargello, Florencia. Marmore; altura 1,91 cm
-
David de Miguel Anxo (1501-1504)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Pijoan (1966), páx. 102
- ↑ 2,0 2,1 VV.AA. (1984), p. 721
- ↑ "Donato di Niccolo Donatello". epdlp.com (en castelán). Archived from the original on 03 de marzo de 2016. Consultado o 19 de febreiro de 2024.
- ↑ "El 'David' de Donatello se restaurará en Florencia a la vista del público" (en castelán). El Mundo. 28 de xuño. Consultado o 19 de novembro.
- ↑ Sureda, Juan (1988), pp. 18-19
- ↑ Castelfranchi Vegas, Liana (1997), p. 9
- ↑ Sureda, Juan (1988), pp. 10-13
- ↑ Sureda, Juan (1988), pp. 159-160
- ↑ Volum 7, La Gran Enciclopèdia en català, 2004, Barcelona, Edicions 62 ISBN 84-297-5435-0
- ↑ 10,0 10,1 Paoletti e Radke (2002), p. 257
- ↑ Encarta MSN (2007). "Donato di Niccolo Donatello" (en castelán). El poder de la palabra. Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2016. Consultado o 19 de novembro.
- ↑ Gilman (2008), p. 61
- ↑ Ceysson, 1996, p. 32.
- ↑ Plinio o Vello, Naturalis Historia (XXXIV, 56).
- ↑ Lord Balcarres (1903). Donatello (en inglés). Londres/ Nova York: Duckword and Co./ Charles Scribner's Sons. p. 69.
- ↑ Ceysson, Bernard, pp. 28-29
- ↑ Volumen 6, Historia Universal del Arte, 1984, Madrid, Ed. SARPE, p. 793 ISBN 84-7291-594-8
- ↑ "Michelangelo Buonarroti: David" (en inglés). Art and the Bible. 2008. Consultado o 19 de novembro.
- ↑ "David (1623)" (en español). Historia del arte. Arquivado dende o orixinal o 24 de febreiro de 2007. Consultado o 19 de novembro.
- ↑ "Antonin Mercié (1845-1916)" (en francés). Aracade - L'art à contre-courant. Arquivado dende o orixinal o 05 de novembro de 2008. Consultado o 19 de novembro.
Reprodución do David de Antonin Mercié con roupa cubrindo a zona xenital
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: David |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Argan, G.C. (1987). Renacimiento y Barroco I. De Giotto a Leonardo da Vinci (en castelán). Madrid: Akal. ISBN 84-7600-243-2.
- Castelfranchi Vegas, Liana (1997). El Arte en el Renacimiento (en castelán). Barcelona: M. Moleiro Editor. ISBN 84-88526-26-1.
- Ceysson, Bernard (1996). La Escultura, La tradición de la escultura antigua desde el siglo XV al XVIII (en castelán). Barcelona: Carroggio. ISBN 84-7254-245-9.
- García Gaínza, María Concepción (1988). «Escultura en el Renacimiento». Historia Universal del Arte de Espasa. El Renacimiento (Volumen 6). ISBN 84-320-8374-7 - Páxinas 63-108.
- Gardner, Helen, Fred Kleiner y Christin Mamiya (2006). Gardner's Art through the ages : the Western perspective. Thomson/Wadsworth, Australia. ISBN 0-495-00478-2 - Páxina 473.
- Gilman, Benjamin Ives (2008). Manual of Italian Renaissance Sculpture As Illustrated in the Collection of Casts at the Museum of Fine Arts, Boston. Riverside Press,Boston. ISBN 978-0-554-80357-9 - Páxina 61.
- Greenhalgh, M. (1982). Donatello and his sources. Duckworth, Londres. ISBN 0-8419-0827-3 - Páxina 166.
- Janson, Horst y Anthony Janson (2003). History of art : the Western tradition. Prentice-Hall, Upper Saddle River. ISBN 0-13-182623-9 - Páxinas 408 - 423.
- Paoletti, John; Radke,, Gary (2002). El arte en la Italia del Renacimiento. Colección: Arte y estética, nº 62 (en castelán). Madrid: Editorial akal. ISBN 84-460-1149-2.
- Pijoan (1966). Historia del Arte, Volumen 3. Barcelona, Salvat Editores. ISBN 84-345-3242-5.
- Pope Genessy, J. (1989). La escultura italiana en el Renacimiento. Madrid. ISBN 84-89569-24-X.
- Sureda, Juan (1988). Historia Universal del Arte, El Renacimiento I. Barcelona: Editorial Planeta. ISBN 84-320-8905-2.
- VV.AA. Gran Historia del Arte (volume V: El Renacimiento (I) (en castelán). Barcelona: Editorial Planeta. ISBN 84-395-7423-1.
- VV.AA. (1984). Historia Universal del Arte (vol. 05: Desde el Otoniano al Renacimiento) (en castelán). Madrid: SARPE. ISBN 84-7291-593-X.