[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Vitoria

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Gasteiz»)
Modelo:Xeografía políticaVitoria
Gasteiz (eu) Editar o valor en Wikidata
Vista no inverno
Imaxe

Localización
lang=gl Editar o valor en Wikidata Mapa
 42°50′48″N 2°40′23″O / 42.8467, -2.6731
EstadoEspaña
Comunidade autónomaPaís Vasco
ProvinciaÁraba
CuadrillasCuadrilla de Vitoria Editar o valor en Wikidata
Capital de
CapitalVitoria-Gasteiz City (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Contén a división administrativa
Aberasturi (en) Traducir
Abetxuko (en) Traducir
Amárita (en) Traducir Editar o valor en Wikidata../... 64+
Poboación
Poboación255.886 (2023) Editar o valor en Wikidata (924,41 hab./km²)
Xeografía
Superficie276,81 km² Editar o valor en Wikidata
Bañado porRío Zadorra Editar o valor en Wikidata
Altitude525 m Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Datos históricos
FundadorSancho VI de Navarra Editar o valor en Wikidata
Creación1181 Editar o valor en Wikidata
Evento clave
Santo padrónNosa Señora das Neves Editar o valor en Wikidata
Organización política
• Alcaldesa Editar o valor en WikidataMaider Etxebarria (en) Traducir (2023–) Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Código postal01001–01015 Editar o valor en Wikidata
Fuso horario
Código INE01059 Editar o valor en Wikidata
Outro
Irmandado con

Sitio webvitoria-gasteiz.org Editar o valor en Wikidata

Vitoria ou Gasteiz[1] (en castelán: Vitoria; en éuscaro: Gasteiz; oficialmente Vitoria-Gasteiz)[2] é unha cidade e concello do norte de España, capital da provincia e territorio histórico de Áraba, en Euskadi. É ademais a sede do Parlamento e do Goberno autonómicos.

Enclavada nun cruzamento de camiños, foi un importante punto estratéxico tanto no plano militar como no comercial e cultural ó longo da historia. Xa desde tempos romanos, nos que a calzada que unía Astorga e Bordeos pasaba por Áraba, estas terras foron un eixo de comunicacións entre a Meseta Central e Europa.

A actual Vitoria busca un modelo de desenvolvemento urbano de calidade, primando criterios de cohesión social, habitabilidade, respecto ó contorno, accesibilidade, conservación, recuperación do patrimonio e programas de integración e participación social. É unha cidade cunha intensa historia que se manifesta nun valioso patrimonio monumental.

Durante 2012 Vitoria foi Capital Verde Europea.

Evolución urbana

[editar | editar a fonte]

As edificacións da cidade foron recibindo os diferentes estilos arquitectónicos: gótico, renacemento, barroco, neoclasicismo e romanticismo. A planificación foi unha constante no seu devir histórico, desde o seu primeiro ensanche medieval a comezos do século XIII, ata os seus modernos barrios e parques periféricos. o seu casco vello mantén íntegro o trazado gótico e as súas rúas elípticas e estreitas, con empinados cantóns e antigos e recobrados pazos.

Vitoria foi refundada polo rei navarro Sancho VI a partir da cidade fundada no 581 por Leovixildo para celebrar a vitoria visigoda sobre os vascóns. Pasou a depender de Castela en 1200, converténdose nunha das prazas comerciais máis importantes do País Vasco durante séculos. O trazado da améndoa urbana foi deseñado entre os séculos XII e XIV. Os nomes das rúas conservan os das actividades gremiais daquela época: Coitelaría, Zapatería, Ferrería, Pintorería... O renacemento tamén deixou pegada na cidade en forma de elegantes pazos construídos por familias nobiliarias.

Fóra do casco medieval existen outros espazos emblemáticos, como a Praza de España e os Arquillos, do neoclasicismo. Foron ideados polo arquitecto local Justo Antonio de Olaguíbel para salvar o forte desnivel que separaba a antiga cidade da zona cara a que se estendeu no século XVIII.

Torre medieval de Doña Ochanda

Fundación e Idade Media

[editar | editar a fonte]

No ano 581 o rei visigodo Leovixildo fundou a cidade de Victoriacum, tratando de emular as fundacións romanas, como celebración da vitoria contra os vascóns, sobre o que, por razóns etimolóxicas, suponse o outeiro ocupado polo primitivo poboado de Gasteiz. Algúns historiadores opinan que Victoriacum non estaba na actual Vitoria-Gasteiz ou na antiga Gasteiz, senón nunha zona próxima, probablemente ós pés do monte Gorbeia, onde na actualidade está a vila de Vitoriano.

Ó parecer Vitoria xa tiña unha muralla defensiva no século X. En 1181 o rei navarro Sancho VI refundou a vila como Nueva Victoria. En 1200 Vitoria incorporouse á Coroa de Castela ó ser tomada polas tropas do rei Afonso VIII, que a dotou do seu primeiro ensanche gótico na ladeira oeste. Afonso X o Sabio estendeuna en 1256 cara ao leste con novas rúas gremiais. Foi importante a súa xudería, antes da expulsión dos hebreos ordenada polos Reis Católicos. O vello camposanto xudeu aínda se conserva en forma de parque cun monumento conmemorativo do seu pasado. En 1431 o rei Xoán II de Castela outorgoulle o título de cidade. En 1463 foi unha das cinco vilas fundadoras da Irmandade de Áraba xunto con Sajazarra, Miranda de Ebro, Pancorbo e Agurain.

Século XIX

[editar | editar a fonte]

O 21 de xuño de 1813 tivo lugar a Batalla de Vitoria, onde as tropas francesas, movéndose en retirada, foron derrotadas polo Duque de Wellington, perdendo de camiño a Alsasua gran parte do botín roubado. Con esta batalla practicamente se puxo fin á Guerra da Independencia Española. Cando chegou a noticia a Viena a finais de xullo dese mesmo ano, Johann Nepomuk Mälzel encargou a Ludwig van Beethoven a composición dunha sinfonía con motivo do feito. Trátase do op. 91 Wellingtons Sieg, tamén coñecida como Die Schlacht bei Vitoria ou Siegessymphonie.

En 1843 chegou a autorización para reformar o Convento de Santa Clara nun Instituto de Ensino Medio, actualmente sede do Parlamento Vasco. En 1853 comezaron as clases, culminando así un vello soño da cidade. O vello Instituto de Ensino Medio foi testemuña de boa parte da vida cultural da cidade.

En 1969, a partir da revolución de 1868, creouse a Universidade Libre, truncándose antes de empezar o curso 1873-1874 en boa parte por culpa da segunda guerra carlista. Nela estiveron xente como Ricardo Becerro de Bengoa, Julián Apraiz ou Federico Baraibar. Este último, gran helenista, foi unha das primeiras persoas que impartiu clases de éuscaro en Vitoria (extraoficiais).

Século XX

[editar | editar a fonte]

O 3 de marzo de 1976, en plena transición Española tiveron lugar os sucesos de Vitoria, con graves enfrontamentos entre a policía e traballadores en folga. O desaloxo da igrexa, na que se celebraba unha asemblea, acabou co ametrallamento dos asemblearios por parte da policía, causando a morte de 5 deles e feridas de bala a máis dun centenar.

O 20 de maio de 1980, por decisión do Parlamento Vasco mediante a Lei de Sedes, Vitoria converteuse na capital da Comunidade Autónoma do País Vasco.

Demografía

[editar | editar a fonte]

Vitoria triplicou a súa poboación nas últimas décadas. A partir dos anos 60 e 70 do século XX, atraída polo crecemento experimentado polo sector industrial, moita man de obra comezou a emigrar á urbe desde o resto de España. Na actualidade, mercede á súa condición de capital vasca, o sector dos servizos continúa alentando un aumento da poboación.

Fonte: INE. Elaboración gráfica de Wikipedia.

Economía

[editar | editar a fonte]

Vitoria ten fábricas de empresas multinacionais como Mercedes Benz, Michelin, Gamesa ou Daewoo, así como con empresas locais que provén de subministracións a aquelas. A esta actividade industrial hai que engadir a dos servizos, centrada no comercio e as actividades administrativas.

O Camiñante, na rúa Dato

Idiosincrasia e cultura

[editar | editar a fonte]

A cidade recibiu a influencia de diferentes culturas, que se foron sumando ó substrato nativo vasco. Na segunda metade do século XX chegaron a ela gran número de emigrantes procedentes do resto de España, ós que se sumaron nos últimos anos persoas chegadas de Latinoamérica e do norte de África. Como consecuencia, Vitoria é unha cidade activa e multicultural. Segundo un estudo, é a segunda cidade de España con mellor calidade de vida despois de Xirona[Cómpre referencia]. É ademais a cidade española con máis zonas verdes, con 42 m² por persoa contando o Anel Verde da cidade[3], e a segunda contando só as áreas verdes dentro da cidade con 23,4 m² por persoa[4].

A capital vasca ten varios museos de primeira orde. O novo Centro-Museo Vasco de Arte Contemporánea (ARTIUM) ofrece unha colección de arte vasca e española desde os comezos do século XX ata a actualidade. Na casa-hotel do Conde de Dávila (de 1912), en pleno paseo de Frai Francisco (famoso polos seus suntuosos e en ocasións excéntricos pazos de principios do século XX), está o Museo de Belas Artes de Vitoria. Este centro ofrece unha brillante selección de costumismo vasco, tallas románicas e góticas, trípticos flamengos e cadros dos séculos XVIII e XIX. Xunto co Mueso de Arqueoloxía, situado na Praza da Burullería, forma parte dunha rede museística que completan o Museo de Armería (tamén no Paseo de Frai Francisco, xunto a Ajuria Enea), o Museo de Ciencias Naturais (na impoñente Torre de Doña Otxanda, do século XV) e o Museo Fournier de Naipes (coa maior colección de naipes do mundo mercede á contribución da empresa local Heraclio Fournier, fundada en 1868). Por outra parte, numerosas galerías de arte distribúense pola cidade, acollendo exposicións de todo tipo.

Na terceira semana de xullo ten lugar anualmente o Festival de Jazz de Vitoria, polo que pasaron músicos como Ella Fitzgerald, Dizzy Gillespie, Miles Davis, Chick Corea, Bobby McFerrin ou Wynton Marsalis, quen compuxo un álbum de homenaxe ó festival.

Fonte de Wallace no centro de Vitoria

O festival de rock independente Azkena Rock Festival converteuse nun dos máis importantes do estado, traendo a bandas como Pearl Jam, Iggy Pop & The Stooges, Wilco, Queens of the Stone Age, Bad Religion, Deep Purple ou Fun Lovin Criminals.

Pero a manifestación festiva máis importante da cidade son as festas da Virxe Branca, entre o 4 e o 9 de agosto, así como o Día do Blusa (celebrado o 25 de xullo desde 1926), coa súa tradicional mercado de allos, a Romaría de Olarizu (o primeiro luns despois da Virxe de setembro) e a festividade de San Prudencio, o patrón da provincia (28 de abril), coa celebración da Romaría nas campas de Armentia.

Monumentos e lugares de interese

[editar | editar a fonte]
  • Catedral de Santa María (Catedral Vella). É un edificio gótico do século XIV cunha torre do XVII. Baixo o pórtico ábrense tres portadas decoradas con estatuas e relevos. No interior, as capelas conteñen imaxes góticas, flamengas e renacentistas italianas. Nas capelas da esquerda pódense ver pinturas de Rubens e van Dyck. A catedral está en período de restauración e foi estudada por expertos de todo o mundo polas súas curiosidades arquitectónicas, entre elas as deformacións que sufriu debido a reformas e restauracións anteriores.
Interior da Catedral Nova
ARTIUM
  • Museo Vasco de Arte Contemporánea (ARTIUM). A súa colección permanente está considerada como unha das mellores e máis importantes en arte contemporánea vasca e española. Foi inaugurado o 26 de abril de 2002 e é un museo aberto e dinámico.


  • Museo Diocesano de Arte Sacra de Álava. Situado no deambulatorio da Catedral Nova, ofrece mostras do patrimonio artístico relixioso da provincia, dividida en seccións de talla en pedra, talla en madeira, pintura sobre táboa, pintura sobre lenzo, ourivería e mobiliario litúrxico.
Pórtico Vello, igrexa de San Pedro
  • Museo das Ciencias Naturais. Está instalado na Torre de Doña Otxanda, un exemplo de arquitectura medieval. É ademais un centro de investigación e divulgación das Ciencias Naturais.
  • Museo de Arqueoloxía. Aloxado nunha casa de entramado de madeira do século XVI, expón dolmens, esculturas romanas atopadas en Áraba e pezas medievais.
  • Museo Fournier de Naipes. Ten como sede o pazo de Bendaña. A fabricación de naipes foi unha das actividades máis características de Vitoria. No museo expóñense máis de 6.000 barallas, algunhas delas moi antigas.
  • Museo de Belas Artes. Nunha mansión renacentista, o museo mostra tallas do século XIV, trípticos flamengos do XVI, cadros de mestres españois como Ribera, e pintura moderna española, con obras de Picasso ou Zuloaga entre outros. O museo presta especial atención á pintura costumista vasca.
  • Museo de Armería de Álava. Moi cerca do anterior, nel pódense ver armas de tódalas épocas, desde hachas prehistóricas ata pistolas do século XX. Hai unha gran colección de armamento medieval e a reconstrución da batalla de Vitoria, librada en 1813 durante a guerra da Independencia.
  • Centro Cultural Montehermoso. Edificio do século XVI, na actualidade moi reformado. Historicamente tivo varios usos. En 1994 deixou de ser a sede da Diocese de Vitoria, e en 1997, coa anexión do antigo Depósito de Augas, converteuse no Centro Cultural Montehermoso, concibido como espazo de exposicións artísticas e representacións musicais.
  • Praza da Virxe Branca. É o centro neurálxico da cidade. Alí conflúen algunhas das rúas máis típicas do casco antigo e do Ensanche. Está rodeada de casas antigas con miradoiros acristalados. No seu centro érguese un monumento conmemorativo da batalla de Vitoria.
  • Praza Nova. É unha gran praza porticada concibida polo arquitecto Antonio de Olaguibel en 1781 para unir o casco antigo co novo Ensanche, daquela en construción. Un dos elementos máis importantes do conxunto é a Casa Consistorial, de decoración neoclásica.
  • Los Arquillos. Esta rúa asoportalada construíuse entre os séculos XVIII e XIX. Por medio dunha serie de edificios escalonados sálvase o desnivel existente entre a cidade antiga e o ensanche. Descende desde a praza do Machete ata a parte traseira da praza de España.
  • Pazo de Ajuria Enea. Desde 1980 é a sede do goberno vasco e residencia oficial do Lehendakari. Foi construído en 1918 como residencia da familia de Serafín Ajuria, e é un exemplo da arquitectura vasca da época.

O principal equipo da cidade é o Baskonia, finalista da Euroliga de baloncesto en varias ocasións, gañador da Recopa de Europa en 1996 e campión en varias ocasións da liga ACB. No fútbol o Deportivo Alavés milita na primeira división e xoga no Estadio de Mendizorrotza. O equipo foi subcampión da copa da UEFA en 2001, tras perder a final ante o Liverpool FC. Tamén destacan os éxitos doutros grandes deportistas a nivel individual, como Martín Fiz, Iker Romero ou Almudena Cid. Tamén son vitorianos os escaladores Juanito Oiarzabal, cuarto home en ascender os 14 oitomiles sen osíxeno, e Iker Pou, un dos máximos expoñentes mundiais en escalada en roca.

A cidade conta co pavillón Fernando Buesa Arena, un recinto multiúsos con capacidade de entre 8.700 e 10.400 espectadores en función do acontecemento. É usado como feudo local polo Tau Baskonia. Acolleu tamén acontecementos como concertos, espectáculos de trial e tres Copas do Rei de baloncesto (2004, 2006 e 2008). O número de abonados á rede deportiva da cidade rolda os 80.000, cifra moi alta para unha urbe de 230.000 habitantes.

Urbanismo

[editar | editar a fonte]
Vista panorámica da cidade desde Olárizu, no 2007

Desde o punto de vista urbanístico Vitoria é unha cidade de tamaño medio, cun trazado adaptado ás tradicións de cada momento histórico. O casco medieval desenvólvese en forma de améndoa en torno ó outeiro fundacional, que pola súa situación privilexiada como única elevación na planicie alavesa, converteuse nun bastión defensivo cobizado polos reinos de Navarra e Castela durante os séculos XI e XII. O recinto amurallado é anterior a esta guerra entre navarros e casteláns, e débese á labor emprendida polo Conde de Áraba, fillo bastardo do rei Ramiro I de Aragón, no século XI, para a defensa da aldea. Os muros defensivos da vella Gasteiz foron construídos entre 1050 e 1100. Debido a esa primeira función defensiva, as súas rúas estreitas e sombrías rodean o óvalo orixinario, en compactas ringleiras de vivendas paralelas entre si e con respecto ás murallas medievais (das que só se conservan algúns tramos e portóns). Entre 1854 e 1856 tivo lugar unha epidemia de cólera que mudou a fisionomía da cidade. Derribáronse os portais, que eran casas fortes, que daban acceso ás rúas Correría (casa forte dos Nanclares), Zapatería (casa forte dos Soto) e Ferrería (casa forte dos Abendaño) e que servían para protexer a cada gremio barrial. Á entrada da actual praza da Virxe Branca encontrábase o portal de Santa Clara, que estaba unido pola muralla ó Convento de San Antonio. No século XIX, e ante a evidencia de que a cidade estaba a quedar pequena, planificouse un ensanche en estilo neoclásico, e pouco a pouco a planificación da cidade foi dando a Vitoria a súa forma actual.

A améndoa medieval, como adoita ser coñecida, ten multitude de xoias arquitectónicas, como o Pazo de Bendaña, sede do Museo Fournier de naipes (erixido en 1525 por Juan López de Arrieta no soar ocupado antes pola torre defensiva erixida polos Maeztu). O Pazo Escoriaza-Esquivel, do século XV, construído por Claudio de Arziniega. O Pazo de Vila Suso, do século XVI, no que habitou Martín de Salinas, embaixador de Carlos I. Pero o maior tesouro medieval de Vitoria é a Catedral Vella de Santa María.

Praza da Virxe Branca e Monumento á Batalla de Vitoria

A historia da Catedral Vella é en si mesma unha síntese da historia de Vitoria. Edificada sobre o camposanto da primitiva aldea vascoa de Gasteiz (hoxe visitable mercede ás escavacións), a igrexa de Santa María derrubouse co incendio de 1202, e Afonso VIII de Castela (que conquistara a praza apenas 2 anos antes), ordenou reconstruír a cidade e levantar no lugar do anterior templo unha nova igrexa que cumpriría dous propósitos ben distintos: salvar almas e gardar armas. Así naceu a Catedral de Santa María, aínda igrexa, como un templo-fortaleza que servía de entrada á cidade. O proxecto foi cambiando cos séculos, de tal forma que cada modificación se fixo sen ter en conta as anteriores. Isto aconteceu no século XV (cando a igrexa se converteu en colexiata), e finalmente nos anos sesenta do século XX, cando se decidiu reverter as obras de fortalecemento dos muros exteriores e ampliar as ventás por motivos puramente estéticos. Isto acabou obrigando a pechar o templo por temor a que se colapsase durante as misas. Na actualidade volve estar aberta, e permite ir vendo os diferentes estilos arquitectónicos da construción. Desde os vestixios da aldea orixinaria, raíz da Vitoria actual, ata o redeseño gótico de mediados do século XX, pasando por alicerces de máis dun milenio de antigüidade, e plans románicos e góticos, todos perfectamente discernibles pola cor dos materiais utilizados en cada etapa. Ken Follett, autor de The pillars of the Earth, dixo trala súa estancia na cidade que Santa María era unha das tres catedrais máis interesantes do mundo[Cómpre referencia].

Paseo de Frai Francisco

Desde a Idade Media ata o século XVIII a poboación de Vitoria e o trazado das súas rúas mantívose case sen variacións. Pero a finais do século XVIII o aumento do número de habitantes fixo necesaria a ampliación da cidade extramuros. Para solucionar o problema da diferenza de altura entre o núcleo orixinal sobre o outeiro, e a chaira debaixo, erixíronse os Arcos e a Praza Nova, que suavizan a transición cara ao tan necesario ensanche neoclásico (século XIX), de amplas rúas e xardíns, tendo como maior expoñente na rúa Dato, o Parque da Florida, e a Praza da Virxe Branca, coas súas fachadas repletas de miradoiros.

Finalmente, os novos barrios de Vitoria foron construídos conforme a un Plan Urbanístico que privilexia os parques, as zonas de lecer e a calidade de vida, compaxinando o mantemento da identidade da cidade coa necesidade de aloxar á crecente poboación. Tomando como referencia o barrio de San Martín, primeiro barrio novo planificado desta forma, a cidade aumentou a súa extensión a unha gran velocidade, crecemento concentrado nos últimos anos nos barrios de Lakua, Salburua e Zabalgana.

O Anel Verde está conformado por unha rede de parques e espazos verdes que rodea a cidade, destinado a ser o pulmón da futura Vitoria, e enlazar a cidade co espazo rural. O anel inclúe os parques de Salburua, Zabalgana, Armentia, Río Alegría, Gamarra, Abetxuko, e Atxa-Landaberde, se ben aínda faltan zonas en integrarse a el.

A cidade de Vitoria recibiu varios premios internacionais polo seu desenvolvemento urbano.

Comunicacións

[editar | editar a fonte]
  • Por estrada: Vitoria está comunicada tanto co resto de capitais vascas como coa meseta castelá, xa que é cidade de paso da autoestrada AP-1, e ten dúas autovías no seu termo municipal. Tamén conta coa estrada A-620 Vitoria-Altube e o seu enlace coa A-68 Logroño-Bilbao.
  • Por ferrocarril: A liña Madrid-Irún ten en Vitoria unha das súas paradas máis importantes. Media ducia de trens unen cada día a cidade con Madrid, destacando o servizo Alvia, que, vía Valladolid, utiliza a infraestrutura do AVE para chegar en 3 horas e 43 minutos a Madrid. Tamén hai conexións con Castela e León, Galicia, Cataluña, Alacant, Asturias, Lisboa e París. Porén, non hai ningún comboi directo a Andalucía, nin conexión ferroviaria con Bilbao. A chegada do AVE á cidade, comunicándoa con Madrid, Bilbao e Donostia, as dúas últimas mediante o Y vasco, está prevista para o ano 2013.
  • Por avión: O aeroporto de Vitoria foi construído para ser o gran aeroporto do norte de España [Cómpre referencia] e substituír o de Bilbao, pero non conseguiu consolidarse como tal. O escaso número de vos de pasaxeiros contrasta coa súa consolidación como aeroporto de carga, sendo o cuarto aeroporto con maior transporte de mercancías de España.[5]

Festividades e eventos

[editar | editar a fonte]
  • 28 de abril: San Prudencio, patrón da provincia;
  • 1 de maio: A Nosa Señora de Estíbaliz, Patroa da provincia;
  • Última semana de xuño e primeira de xullo: Festival Internacional de Xogos.
  • 15 ó 21 de xullo: Festival de Jazz de Vitoria-Gasteiz;
  • 25 de xullo: Día do Blusa (os blusas son mozos ataviados con blusóns típicos dos aldeáns organizados en cuadrillas;
  • Finais de xullo: Mercado do Camiño. Exposición e venda de produtos típicos, especialidades gastronómicas artesás de distintas Comunidades;
  • 4 ó 9 de agosto: Festas da Virxe Branca;
  • Primeira semana de setembro: FesTVal, Festival de Televisión e Radio;
  • Luns seguinte á virxe de setembro: romaría de Olárizu;
  • tódolos xoves e sábados: mercado agrícola na Praza de Abastos e na Praza de Simón Bolívar.

Vida nocturna

[editar | editar a fonte]

A vida nocturna de Vitoria está considerada como unha das máis concorridas do norte peninsular[Cómpre referencia]. Isto débese principalmente a que máis do 80% dos pubs, clubs e discotecas da cidade están concentrados en tan só media ducia de rúas, habendo nalgúns casos varios locais de marcha na zona antiga uns a carón dos outros, o que non está permitido segundo a normativa vixente. Os xoves adoitan saír os universitarios.

Un dos déficits de Vitoria-Gasteiz respecto á vida nocturna céntrase na escasa oferta que ten a cidade a partir das 3 da madrugada, xa que aínda que o número de discotecas é bastante amplo e están todas no centro da cidade, trátase de locais de reducidas dimensións, que nalgúns casos deben pechar os seus accesos a unha hora determinada ó ter a capacidade completa. Actualmente debátese a posibilidade de abrir macro-discotecas no arrabalde da cidade, pero a idea non gusta no sector hostaleiro da cidade.

Transporte urbano

[editar | editar a fonte]
Autobús articulado de TUVISA esperando na parada da Catedral Nova

Debido ó crecemento da cidade con macro-distritos tanto polo norte (Lakua), como polo leste (Salburua e Santo Tomás) e o oeste (Zabalgana e Mariturri) Vitoria viuse obrigada a afrontar importantes retos respecto á xestión da mobilidade interna do tráfico. Un dos vértices desta xestión é a empresa TUVISA (Transportes Urbanos de Vitoria Sociedad Anónima), que nos últimos tres anos e medio ampliou a rede de liñas de autobuses urbanos de 13 a 18, así como as súas frecuencias de paso.

Actualmente un dos retos da compañía é dar servizo ós novos distritos do leste e do oeste da cidade, así como amoldarse á nova realidade que xorderá trala implantación do Tranvía de Vitoria, prevista para decembro de 2008.

Ademais do servizo de taxis, a cidade conta cun servizo de alugueiro gratuíto de bicicletas nos seus centros cívicos.

Concejos e cidade de Vitoria

Dentro do concello de Vitoria cómpre distinguir entre a cidade e os numerosos núcleos rurais que foron agregados ó concello en diferentes momentos históricos e que seguen conservando certa autonomía administrativa baixo a denominación de concejos.

A efectos administrativos e estadísticos estes núcleos rurais agrúpanse en tres zonas: zona leste, zona noroeste e zona suroeste.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Vitoriano.
  2. Gasteiz, que é o nome en éuscaro, é o nome da primitiva aldea que coroaba o outeiro. Vitoria é o nome en castelán e Vitoria-Gasteiz é a única forma oficial, bilingüe. En galego, a RAG admite indistintamente Vitoria e Gasteiz.
  3. "zonas verdes de Vitoria". Arquivado dende o orixinal o 29 de setembro de 2007. Consultado o 20 de xullo de 2008. 
  4. "zonas verdes de Vitoria". Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2007. Consultado o 20 de xullo de 2008. 
  5. "La carga se consolida, con un incremento del 30% en marzo de 2007". Arquivado dende o orixinal o 07 de xullo de 2009. Consultado o 20 de xullo de 2008. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]