Bicing
O Bicing é un servizo de bicicletas públicas da cidade de Barcelona. A empresa municipal B:SM (Barcelona de Serveis Municipals) xestiona o servizo, que foi adxudicado en 2007 á empresa estadounidense Clear Channel por un período de 10 anos e un custo de 22,3 millóns de euros. Clear Channel, pola súa parte, subcontratou o servizo á empresa Delfin Group.
O Bicing está financiado con parte dos ingresos da Área verde, as zonas de regulación de aparcamento do centro de Barcelona e os abonos dos usuarios. A área de implantación final do Bicing cubrirá toda a superficie continua da cidade con pendentes inferiores ao 3 %.
O servizo inaugurouse o 22 de marzo de 2007 e na primavera de 2008 chegou a ter 6000 bicicletas e 380 estacións repartidas por todos os distritos de Barcelona. En febreiro de 2011 tiña xa 120.000 abonados, aínda que chegou a ter 190.000.[1]
Servizo e tarifas
[editar | editar a fonte]Os usuarios pagan un abono anual (35 euros) e reciben un cartón. Con este cartón poden coller unha das 6000 bicicletas en calquera das 420 estacións repartidas pola cidade e teñen ata 30 minutos para facer o seu itinerario e deixar a bicicleta noutra estación. A partir dos primeiros 30 minutos cóbrase 51 céntimos de euro + IVE por cada media hora adicional ata un máximo de 2 horas, a partir das que se penaliza ao usuario con 3,05 euros/hora + IVE. Se se excede as 24 horas desde o momento de retirada da bicicleta cargarase no cartón de crédito asociada á conta Bicing unha multa de 150 euros.
O servizo Bicing é de 24 horas de luns a domingo, coa excepción de que de domingo a xoves e entre as 00:00 e as 05:00 só é posible devolver bicicletas.
Cabe destacar que entre cada estacionamento da bicicleta, o usuario deberá esperar 10 minutos para poder volver usar o servizo (esta medida foi imposta ao Concello de Barcelona polas empresas de alugueiro de bicicletas, agrupadas baixo a marca Bicitours, para evitar o uso lúdico das bicis por parte de residentes e/ou turistas, unha vez o servizo xa levaba tres meses en funcionamento).
Bicicletas e estacións
[editar | editar a fonte]As bicicletas están numeradas e teñen un deseño característico para evitar roubos. Son de cor branca e vermello, teñen tres marchas e luces dianteiras e traseiras que se acenden de forma automática, grazas a un sensor fotoeléctrico, pola noite. No guiador teñen unha estrutura metálica, que permite ao usuario levar unha pequena equipaxe, suxeitándoo coa axuda dunha goma elástica.
Ata finais de xullo de 2007 estaban inauguradas 96 estacións nos distritos de Ciutat Vella, L'Eixample e algúns puntos dos distritos de Sant Martí e Gràcia, con 1500 bicicletas. En maio do 2008, chegouse ás 321 estacións e máis de 3000 bicicletas e en xuño do 2008, o servizo dispuña de 384 estacións e 6000 bicicletas. Estas estacións adoitan estar preto de paradas de metro ou autobús, xa que un dos obxectivos do servizo é reducir o tempo entre transbordos e traxectos curtos. Debido ao éxito que ten o sistema, o Concello estendeu o servizo de Bicing a toda a cidade de Barcelona.
Outras cidades
[editar | editar a fonte]O éxito do Bicing convenceu a políticos noutros partes de España e América para propor un servizo parecido, por exemplo Madrid, L'Hospitalet de Llobregat e Buenos Aires. Valencia, Xixón, Sevilla, Zaragoza, Pamplona, Burgos, Xirona e Castelló teñen servizos semellantes.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ BTV (ed.). "A evolución do Bicing en catro anos". Consultado o 18 de marzo de 2011.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Barcelona |