Arte visigótica
A arte visigótica é aquela que designa as expresións artísticas creadas polos visigodos, que entraron na Península Ibérica no ano 415 e se converteron no pobo dominante da rexión até a invasión musulmá no 711. Este período da arte ibérica se notabiliza pola arquitectura, artesanado (especialmente ourivaría) e a escrita visigótica. O impulso artístico provén da man de Santo Isidoro (As Etimoloxías) e maila unidade política e relixiosa de Recaredo.
Contexto histórico
[editar | editar a fonte]A división do Imperio Romano por Teodosio produciu a ruptura da unidade cultural do mundo antigo. A crise do mundo romano apareceu no século III, debido á gran crise económica que padecía o Imperio e maila presión dos pobos xermánicos, que remataron co seu asentamento nestes territorios, dando lugar á aparición dun horizonte cultural fragmentado con manifestacións artísticas moi diversas en cada rexión.[1]
Características xerais
[editar | editar a fonte]A arte visigótica, a podemos atopar en forma de arquitectura, escultura e ourivaría, mais non en forma de pintura. A relixión xoga un papel fundamental, polo feito de que a arte e os espazos con finalidade política ou privada poden ser reutilizados da época hispanorromana, mais no aspecto relixioso hai unha ruptura total. As súas influencias son variadas, con aspectos da arte prerromana, grega, norteafricana, paleocristiá e bizantina.
Arquitectura
[editar | editar a fonte]O tipo de construcións son igrexas pequenas, situadas no campo e erguidas mediante perpiaños. As súas características principais sonː
- Preferentemente planta basilical ou de cruz grega, e ás veces unha mestura de ambas as disposicións. Espazos moi compartimentados.
- Ábsida rectangular ao exterior. A cada banda podía existir un recinto destina a sancristía (prótese e diakonikón). A capela separábase do resto do templo mediante un iconostasio.
- Arco de ferradura xeralmente sen clave, de extradorso vertical na zona peraltada, elevación de 1/3, e saimel e primeiras doelas de planos horizontais.
- Emprego de columnas e piares como soportes. Capiteis corintios moi sinxelos ou troncocónicos invertidos, con grosos cimacios que ancoran nos muros.
- Cubrición mediante bóvedas de canón ou de aresta, amais de cúpulas sobre os cruceiros.
- Muros de perpiaños formados por grandes bloques prismáticos aparellados a soga e tizón en seco (more gothico), ocasionalmente alternando con ladrillo ao xeito romano.
- Decoración a base de frisos de enrolamentos, cruces gammadas e temas vexetais e animais.
- Pequenos pórticos aos pés ou nos laterais.
Algunhas das igrexas que pertencen a esta arte son:
- Igrexa de Santa Comba de Bande, Ourense.
- Capela de San Xes de Francelos de Ribadavia, Ourense.
- Mosteiro de San Pedro de Rocas de Esgos, Ourense.
- Templo de Santalla de Bóveda de Lugo, Lugo.
- Igrexa de San Juan Bautista de Baños de Cerrato, Palencia.
- Cripta de San Antolín na catedral de Palencia, Palencia.
- Igrexa de San Pedro de la Nave en San Pedro de la Nave-Almendra, Zamora.
- Ermida de Santa María de Quintanilla de las Viñas, Burgos.
- Capela de São Frutuoso de Braga, Portugal.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Arte prerrománico hispano" (PDF). Xunta. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 07 de febreiro de 2016. Consultado o 4 de xaneiro do 2016.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Arte visigótica |