[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Anglicismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os anglicismos son estruturas ou termos provenientes do inglés que se usan nunha lingua diferente. Están moi espallados en case todas as linguas vivas e adoitan concorrer con numerosos neoloxismos e tecnicismos de campo semánticos modernos como o deporte, a informática, a tecnoloxía ou o mercado laboral.

Anglicismos lexicais

[editar | editar a fonte]

En galego, algúns anglicismos están completamente incorporados ao léxico. Son os que apareceron para nomear conceptos novos ou descoñecidos para realidade galega do seu momento (por exemplo bisté, drenaxe, folclore, mitin, tícket, túnel ou xampú), máis ou menos adaptados ortograficamente. As circunstancias da súa presenza na lingua son equiparables ás doutros préstamos ao longo da historia como avalancha, guerra, albanel ou tortilla (do francés, alemán, árabe e castelán respectivamente).

Tamén son anglicismos calcos como baloncesto, rato, rañaceos, autoservizo, campo a través, hora punta ou pano de aceiro.

Hai moitos outros, de incorporación máis recente, considerados prescindibles por contaren con alternativas propias, como párking (aparcadoiro), hobby (afección ou pasatempo) ou show (espectáculo). Son de uso frecuente, por economía lingüística, por falta de enxeño para inventar unha nova palabra, ou por moda, entre outras razóns.

Denantes xa da globalización, téñense rexistrado certos anglicismos, especialmente nas Rías Baixas e outras zonas costeiras, introducidos polo contacto entre mariñeiros, que, con distintos graos de penetración na fala, pasaron a convivir cos seus sinónimos autóctonos. Algúns exemplos son bruso (cepillo, de brush), piche (alcatrán ou petróleo, de pitch) ou canivete (navalla pequena, de knife).

Anglicismos sintácticos

[editar | editar a fonte]

Canto á gramática, vénse apreciando un uso do xerundio consonte os esquemas sintácticos do inglés que é alleo á tradición en galego. Por exemplo:

Un uso do xerundio seguindo a lóxica do inglés no canto de Un uso do xerundio que segue a lóxica do inglés.

Adestrou moito, proclamándose campioa olímpica en Río 2016 en troques de Adestrou moito e proclamouse campioa olímpica en Río 2016.

Cómpre encher as casas do formulario, entregándoo asinado antes do venres no canto de Cómpre encher as casas do formulario e entregalo asinado antes do venres.

Tamén se considera un anglicismo sintáctico pouco natural o abuso da pasiva analítica, moi frecuente na escrita, no canto da pasiva reflexa ou da voz activa. Por exemplo:

Proclamouse campioa olímpica mellor ca Foi proclamada campioa olímpica.

Nesta lexislatura aprobáronse leis mois importantes, mellor ca Nesta lexislatura foron aprobadas leis moi importantes.

As pastillas amolentáronlle a febre ou A febre amolentoulle coas pastillas mellor ca A febre foille amolentada coas/polas pastillas.