Angela Dorothea Merkel, nada en Hamburgo o 17 de xullo de 1954, é unha políticaalemá, que ocupou o cargo de chanceleresa de Alemaña entre 2005 e 2021. Dirixiu unha coalición formada polo seu partido, a CDU (Unión Democrática Cristiá), e a CSU (Unión Social Cristiá), xunto co SPD (Partido Socialdemócrata de Alemaña).
Angela naceu en Hamburgo, Alemaña, co nome de Angela Dorothea Kasner. Era filla de Horst Kasner, sacerdote luterano, e da súa muller Herlind, profesora. En 1954, a familia mudou para Templin. Merkel criouse no campo, a apenas oitenta quilómetros de Berlín, dentro de Alemaña Oriental.
Estudou física na Universidade de Leipzig dende 1973 ata 1978. Traballou dende entón ata 1990 no Instituto Central de Física-Química da Academia das Ciencias, graduándose cun doutoramento en física e traballando en química cuántica. Obtivo un sobresaínte pola súa tese titulada [1] Nesa época na RDA formou parte da CDU de Alemaña Oriental.
En 1989, trala caída do Muro de Berlín, formou parte do partido Demokratischer Aufbruch, co que se converteu en deputada voceira. Despois da reunificación alemá, foi elixida parlamentaria. Co goberno de Helmut Kohl foi ministra de Mulleres e Xuventude. En 1994, fíxose ministra de Medio Ambiente, o que supuxo o inicio da súa vistosa carreira política.
Estivo casada dende 1977 ata 1982 con Ulrich Merkel. Divorciaron e casou outra vez en 1998 con Joachim Sauer.[2]
Trala derrota electoral do goberno de Kohl en 1998, Angela Merkel fíxose secretaria xeral da CDU. Xa en 1999, o seu partido comezou a superar o SPD, pero xurdiron algúns problemas: houbo un escándalo que afectou o propio Kohl e a Wolfgang Schäuble, o líder da CDU. A raíz disto, Angela foi elixida para substituír a Schäuble.
Dende 2002 ata 2005 foi gañando pouco en pouco apoios tanto no seu partido coma na sociedade alemá. Apoiou os Estados Unidos na Guerra de Iraq e propuxo reformas para face-la industria alemá máis competitiva.
En 2005, foi escollida candidata polo seu partido e gañou as eleccións alemás por unha estreita marxe de votos. Isto provocou que tivese que facer unha coalición co partido de esquerdas SPD, a raíz da cal converteuse na chanceleresa ou xefa de goberno de Alemaña.