[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Lémure voador filipino

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Cynocephalus volans»)
Cynocephalus volans
Rango fósil: eoceno - actualidade

Cría no pataxio da nai
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante
Clasificación científica
Superreino: Eukaryota
Reino: Animalia
Subreino: Eumetazoa
Superfilo: Deuterostomia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Superclase: Tetrapoda
Clase: Mammalia
Subclase: Eutheria
Infraclase: Placentalia
Superorde: Euarchontoglires
Clado Euarchonta
Orde: Dermoptera
Familia: Cynocephalidae
Simpson, 1945
Xénero: Cynocephalus
Boddaert, 1768
Especie: C. volans
Nome binomial
Cynocephalus volans
(Linnaeus, 1758)
Distribución de Cynocephalus volans
Distribución de Cynocephalus volans

Distribución de Cynocephalus volans

Cynocephalus volans (Linnaeus, 1758), que, aínda que non é un verdadeiro lémur, en moitos idiomas coñécese vulgarmente con termos que podemos traducir ao galego como lémure voador filipino,[1] é a única especie actual do xénero Cynocephalus, un dos dous que forman a familia dos cinocefálidos, que é a única integrante da orde dos dermópteros.[2]

Esta especie é endémica de Filipinas, onde as súas poboacións se concentran nas illas de Mindanao, Bohol e outras menores.[2][3]

A pesar dos seus nomes comúns, non é un lémure; de feito, nin sequera é un primate. Porén, como os esquíos voadores, ou os morcegos cos que foi algunha vez clasificado, está equipado cunha membrana ou pataxio que lle permite facer voos planados.

Estudos xenéticos recentes sitúano, porén, como próximo aos primates.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]
Xénero

O xénero Cynocephalus foi descrito en 1768 polo médico e naturalista holandés Pieter Boddaert, en Dierk. Meng., 2: 8.[4]

Especie

A especie foi descrita por primeira vez por Linneo na 10ª edición do seu Systema Naturae (tomo 1, p. 30),[2] co nome de Lemur volans,[5] xa que o clasificou como un lémure, é dicir, un prosimio.

Sinónimos

[editar | editar a fonte]
Xénero

Ademais de polo nome orixinario que lle deu Boddaert, e que é o actualmente válido, coñeceuse tamén polos sinónimos:[4]

  • Colugo Gray, 1870
  • Dermopterus Burnett, 1829
  • Galeolemur Lesson, 1840
  • Galeopithecus Pallas, 1783
  • Galeopus Rafinesque, 1815
  • Pleuropterus Burnett, 1829
Especie

Ademais de polo nome que lle adxudicou Linneo, actuamente válido, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos:[2]

  • Cynocephalus philippinensis Waterhouse, 1838
  • Cynocephalus philippensis (Lesson, 1840)

Etimoloxías

[editar | editar a fonte]

O nome xenérico, Cynocephalus, é a adaptación do termo do grego clásico κυνοκέφαλος kinoképhalos, derivado de κύων kýōn (ou κυνός kynós), "can", e κεφαλή kephlē, "cabeza".[6] O epíteto específico, volans, é o nominativo de volans, -antis, "que voa", tirado do verbo volo, "voar". Literalmente: "o de cabeza de can que voa".

Nomes vulgares

O nome vulgar cinocéfalo é unha adaptación evidente do nome do xénero Cynocephalus.

Colugo deriva de colugo, dunha lingua indo-malaia, quizais dunha lingua de Filipinas.[7]

Galeopiteco, nome empregado adoito na bibliografía internacional, é unha adaptación do nome do xénero Galopithecus Rüppell, 1842, o tipo da familia dos Galeopithecidae Gray, 1821, sinónimo de Cynocephalidae, cando se pensaba que estas animais formaban parte da orde dos Primates Linnaeus, 1758.[8]

Características

[editar | editar a fonte]
Galeoipiteco planando.
Mandíbula inferior.

O corpo mide aproximadamente 30 cm de longo.
Posúe unha membrana que une as patas e a cola, o pataxio, que deixa libre só a cabeza, o que lle permite planar sobre varias decenas de metros cando salta de árbore en árbore. Despregada, esta membrana pode alcanzar 60 cm de anchura, formando como unha especie de paracaídas.

A lonxitude total, cola incluída, é de 77 a 95 cm na idade adulta, cun peso de 1 a 1,750 kg.[9][10]

A súa pelaxe é mesta e suave, dunha cor agrisada con tons pardo-avermellados. Para permitir unha boa camuflaxe nas árbores onde vive ten pintas brancas no dorso , e un ton dourado ou amarelado na zona ventral.
As patas teñen cinco dedos cunhas garras fortes, curtas e curvadas, para garantir un bo agarre na codia das árbores; ademais, os membros anteriores son prénsiles.[9][10]

A cabeza ten un certo parecido á dun can.

Co fin de aumentar aínda máis a superficie total do pataxio, até os espazos interdixitais están palmados.[11]

Ten unha excelente visión nocturna grazas aos seus grandes ollos redondos.

A dentición é primitiva. Ten a particularidade de ter os incisivos en forma de peite, que lle serven tanto para esgazar os vexetais dos que se alimenta como para coidar a súa pel.[9][10]

Estado de conservación

[editar | editar a fonte]

En 2008 a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN) cualificou o status de Cynocephalus volans como LC (pouco preocupante), situación que mantén a día de hoxe (setembro de 2015), debido a que a súa poboación suponse que é grande, sendo pouco probábel que a súa diminución sexa suficiente como para cualificar o seu status nunha categoría ameazada, e aínda que houbo unha deforestación significativa na súa área de dispersión, a especie persiste en hábitats degradados. Porén, a explotación forestal comercial é unha ameaza.[3]

  1. "bUSCatermos. (Introducir o termo lémure e premer buscar)". aplicacions.usc.es. Consultado o 2020-12-22. [Ligazón morta]
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Cynocephalus volans en MSW.
  3. 3,0 3,1 González, J. C., Custodio, C., Carino, P. & Pamaong-José, R., asesores (2008): Cynocephalus volans na Lista vermella de especies ameazadas da UICN. Versión 2015.3
  4. 4,0 4,1 Cynocephalus en MSW.
  5. Lemur volans en Linnaeus, the Binomial System, and Primates, na darwiniana.org
  6. cynocephalus no Merriam-Webster Dictionary.
  7. colugo no Merriam-Webster Dictionary.
  8. Galeopithecidae Gray, 1821 en BioNames.
  9. 9,0 9,1 9,2 Galéopithèque Arquivado 15 de maio de 2008 en Wayback Machine. en le dictionnaire sur divirama. com
  10. 10,0 10,1 10,2 Le Galéopithèque Arquivado 12 de febreiro de 2010 en Wayback Machine. en ifrance
  11. Les colugos, de si proches cousins Arquivado 09 de marzo de 2008 en Wayback Machine., Sciences et Avenir.com, en nouvelobs.com

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Vaughan, T. A. (1986): Mammalogy. Third Edition. Fort Worth, Texas, USA: Saunders College Publishing.
  • Wilson, D. E. & Reeder, D. M., eds. (2005): Mammal Species of the World. A Taxonomic and Geographic Reference, 3ª ed. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-8221-4.
  • Yates, T. L. (1984): "Insectivores, elephant shrews, tree shrews, and dermopterans" en Anderson, S. & J. K. Jones, Jr., eds. Orders and Families of Recent Mammals of the World. Nova York: John Wiley and Sons, pp. 117–144.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]