[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Cuarta cruzada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cuarta cruzada
Parte de Cruzadas
Data 1202-1204
Lugar Balcáns
Resultado Creación do Imperio latino
Cambios territoriais Disolución do Estado bizantino.
Creación de estados cruzados nos Balcáns.
Líderes
Bonifacio de Montferrato
Lois de Blois
Enrico Dandolo
Isaac II Anxo
Aleixo III Anxo
Aleixo V Ducas
Kaloyan de Bulgaria
Emerico de Hungría
Forzas en combate
Tropas:
  • 10 000 cruzados[1]
  • 10 000 venecianos[1]

Frota

  • 210 navíos venecianos[2]
Tropas:
  • 16 000 bizantinos[3]

Frota:

  • 20 navíos bizantinos[4]

A cuarta cruzada (1202-1204) foi unha expedición militar organizada como unha cruzada para reconquistar Terra Santa, pero que variou o seu rumbo, terminando coa conquista e o saqueo de Constantinopla, capital do Imperio bizantino, que pasou a chamarse entón Imperium Romaniae.

Antecedentes

[editar | editar a fonte]

A terceira cruzada non lograra o seu obxectivo de recuperar Xerusalén, que continuaba baixo dominio musulmán. O tratado que Ricardo «Corazón de León» e Saladino asinaran en 1192 deixaba en poder dos cristiáns tan só unha estreita franxa costeira desde Tiro até Jaffa, aínda que garantía a seguridade dos peregrinos cristiáns que viaxasen a Xerusalén[5].

O papa Inocencio III, desexoso de establecer a autoridade da Santa Sé en todo o orbe cristián, tiña un grande interese polos asuntos dos Estados cristiáns de Oriente.

Doutra banda, na última década do século XII fora intensificándose a rivalidade entre Henrique VI de Alemaña e o emperador bizantino Isaac II Anxo. A anterior expedición alemá, guiada por Frederico I Barbarroxa, desfíxose por mor da morte do emperador. Henrique, o seu fillo e sucesor, esixía de Bizancio a entrega da rexión dos Balcáns e o pago dos danos sufridos pola expedición de Barbarroxa. A súa política en Oriente, aceptando os xuramentos de vasalaxe dos reis de Armenia e de Chipre, era de deliberada hostilidade contra Bizancio. É posíbel que Henrique tivese xa en mente a posibilidade de dirixir unha nova cruzada contra Constantinopla. Con todo, faleceu en 1197 en Mesina, á idade de 32 anos. O seu sucesor no trono alemán, Filipe de Suabia, tiña ademais intereses persoais en Bizancio, xa que estaba casado con Irene Anxelina, filla do emperador Isaac II Anxo, que fora deposto en 1195 polo seu irmán.

A cidade-estado de Venecia, principal potencia marítima no Mediterráneo oriental, tiña fortes intereses comerciais nos territorios bizantinos, e moi especialmente na capital, Constantinopla. Desde finais do século XII gozaban de privilexios especiais para comerciar no Imperio bizantino, pero en 1171 o emperador Manuel I Comneno ordenou a detención dos comerciantes venecianos e a confiscación dos seus bens, o cal provocou unha suspensión da actividade comercial entre Venecia e Bizancio que se prolongou por espazo de quince anos. En 1185, Venecia acordou renovar as relacións comerciais co emperador Andrónico I Comneno, así como aboar unha cantidade en concepto de compensación polas propiedades confiscadas en 1171, que nunca chegou a facerse efectiva. Bizancio, ademais, explotaba en beneficio propio a rivalidade comercial de Venecia con outras cidades-estado italianas, como Xénova e Pisa. O obxectivo de Venecia, por tanto, era asegurarse a supremacía comercial en Oriente, desprazando definitivamente aos seus rivais.

Preparativos

[editar | editar a fonte]
Mapa da cruzada

En 1198, o novo papa Inocencio III comezou a predicar unha nova cruzada. O seu chamamento, con todo, tivo pouco éxito entre os monarcas europeos. Os alemáns estaban enfrontados ao poder papal, en tanto que Francia e Inglaterra atopábanse combatendo unha contra a outra. Con todo, grazas ás acesas prédicas de Fulco de Neuilly, organizouse finalmente un exército cruzado nun torneo organizado en Ecry[6] polo conde Teobaldo de Champaña en novembro de 1199. Teobaldo foi nomeado xefe deste exército, do que tamén formaban parte Balduno VI de Hainaut, conde de Flandres, e seu irmán Henrique; Lois, conde de Blois, Godofredo III de la Perche, Simón IV de Montfort, Enguerrando de Boves, Reinaldo de Dampierre e Godofredo de Villehardouin, entre outros moitos señores do norte de Francia e dos Países Baixos. Máis tarde engadíronse á empresa algúns cabaleiros alemáns e varios nobres do norte de Italia, como Bonifacio, marqués de Monferrato.

A expedición atopouse co problema de transporte, pois carecía dunha frota para trasladarse a Oriente, e a ruta terrestre era pouco menos que imposíbel por mor da decadencia do poder bizantino nos Balcáns. Decidiuse que se faría un desembarco en Exipto, desde onde se avanzaría por terra até Xerusalén. En 1201 morreu Teobaldo de Champaña, e os cruzados elixiron como novo xefe da expedición a Bonifacio de Monferrato. Este, firme partidario dos Hohenstaufen, coñeceu na corte de Filipe de Suabia a Aleixo, fillo do deposto emperador Isaac II Anxo, quen desexaba contar coa axuda dos cruzados para recuperar o trono imperial que lle correspondía por herdanza.

Namentres, os cruzados enviaron mensaxeiros a Venecia, Xénova e outras cidades para contratar o transporte da expedición. Un dos enviados foi o historiador Godofredo de Villehardouin. Finalmente chegouse a un acordo con Venecia en abril de 1201, polo cal a República se encargaba do transporte até Exipto dun exército de 33 500 cruzados (xunto con 4500 cabalos), a cambio de 85 000 marcos de prata. Cando chegou o momento de embarcar, en xuño de 1202, os cruzados, cuxo exército era sensibelmente menos numeroso do que previran, non puideron reunir a cantidade acordada. Venecia negouse a transportar o exército a menos que se pagase íntegra a cantidade acordada. Os cruzados pasaron o verán acampados na illa de San Nicolao de Lido, sen poder partir, ata que finalmente Bonifacio de Monferrato puido chegar a un acordo con Venecia.

Toma de Zara

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: cerco de Zara.

Os venecianos estaban postos a mal co rei Emerico de Hungría pola posesión de Dalmacia. O reino húngaro herdara en 1091 os territorios de Croacia e Dalmacia tras a morte do rei Dmitar Zvonimir de Croacia, xa que a raíña viúva Helena de Hungría chamou ao seu irmán o rei Ladislau I de Hungría, a quen lle outorgou ditas rexións. Considerándoo un punto estratéxico, a República de Venecia sempre tentou estender a súa influencia sobre esa rexión. Zara era unha cidade debatida que pasara dunhas mans a outras nun período relativamente curto. No curso desta guerra, Venecia perdéraa recentemente a mans húngaras. A súa proposta foi permitir o adiamento do pago da cantidade que se lles debía a cambio de que os cruzados os axudasen a conquistar esta cidade. Bonifacio de Monferrato e o dux Enrico Dandolo puxéronse de acordo. A pesar do desagrado do papa, que desautorizou esta expedición, a frota partiu de Venecia o 8 de novembro de 1202, e dous días despois os cruzados atacaban Zara, que foi conquistada o día 15 do mesmo mes. O papa optou por excomungar a todos os expedicionarios, aínda que máis adiante rectificou e perdoou aos cruzados, mantendo a excomuñón só para os venecianos.

Mentres o exército cruzado invernaba en Zara, chegou un mensaxeiro de Filipe de Suabia portando unha oferta do pretendente ao trono bizantino, Aleixo. Se o exército cruzado se desviaba até Constantinopla e o axudaba a reconquistar o seu trono, Aleixo non só estaba disposto a garantir o pago da débeda que os cruzados contraeran con Venecia, senón que ademais comprometíase a achegar á cruzada un continxente de 10 000 soldados, así como fondos e provisións para emprender a conquista de Exipto.

Tanto Monferrato como Dandolo aceptaron o cambio de plans. Algúns cruzados opuxéronse, argüíndo que se emprenderan a cruzada era para loitar contra os musulmáns; abandonaron o exército e embarcáronse cara a Siria. A maioría, con todo, optou por continuar.

En abril chegou Aleixo a Zara e poucos días despois a frota partiu de novo. O 24 de xuño de 1203, o exército cruzado atopábase ante Constantinopla.

Os cruzados en Constantinopla

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: cerco de Constantinopla (1203).

Tras atacar sen éxito as cidades de Calcedonia e Crisópole, na costa asiática do Bósforo, o exército cruzado desembarcou en Gálata, alén do Corno de Ouro. Os seus primeiros intentos de conquistar Constantinopla non tiveron froito, pero o 17 de xullo os venecianos lograron abrir unha brecha nas murallas. Crendo inminente a caída da cidade, o emperador Aleixo III decidiu fuxir, levándose consigo á súa filla favorita e unha bolsa chea de pedras preciosas, e refuxiouse na cidade tracia de Mosinópole. Os dignitarios imperiais, para resolver a situación, sacaron do cárcere ao deposto emperador Isaac II Anxo, pai de Aleixo, e restaurárono no trono. Tras uns días de negociacións, chegaron a un acordo cos cruzados polo cal Isaac e Aleixo serían nomeados coemperadores. Aleixo IV foi coroado o 1 de agosto de 1203 na igrexa de Santa Sofía.

Para tentar cumprir as promesas que fixera a venecianos e cruzados, Aleixo viuse obrigado a recadar novos impostos. Comprometeuse tamén a conseguir que o clero ortodoxo aceptase a supremacía de Roma e adoptase o rito latino, pero se atopou cunha forte resistencia. Confiscou algúns obxectos eclesiásticos de prata para pagar aos venecianos, pero non era suficiente. Durante o resto do ano 1203, a situación foi volvéndose máis e máis tensa: por unha banda, os cruzados estaban impacientes por ver cumpridas as promesas de Aleixo; por outro, os seus súbditos estaban cada vez máis descontentos co novo emperador. A isto uníanse os frecuentes enfrontamentos na rúa entre cruzados e bizantinos.

O xenro de Aleixo III, tamén chamado Aleixo, converteuse no xefe dos descontentos e organizou, en xaneiro de 1204, un tumulto que non tivo consecuencias. En febreiro, os cruzados deron un ultimato a Aleixo IV, quen se confesou impotente para cumprir as súas promesas. Estalou unha sublevación que, tras algunhas vicisitudes, entronizou a Aleixo V Ducas. Aleixo IV foi esganado nunha cela, e o seu pai Isaac II morreu pouco despois en prisión.

Conquista da cidade

[editar | editar a fonte]
Os cruzados entran en Constantinopla, por Delacroix
Artigo principal: cerco de Constantinopla (1204).

En marzo, os cruzados deliberaron sobre o que conviña facer. Decididos a recuperar a cidade pola forza e a colocar no trono a un emperador latino, non lograban, con todo, pórse de acordo acerca de quen sería o mellor candidato de entre eles a ocupar o trono imperial. Bonifacio, o xefe da expedición, non estaba ben visto polos venecianos. Finalmente decidiuse que se formaría un comité electoral, composto de seis delegados francos e seis venecianos, que elixiría ao emperador.

Atacaron por primeira vez a cidade o 6 de abril de 1204, pero foron rexeitados cun gran número de baixas. Seis días despois renovaron o ataque. Os cruzados lograron abrir unha brecha na muralla no barrio de Blanquerna. Ao mesmo tempo, produciuse un incendio na cidade, e a defensa bizantina esborrallouse. Os cruzados e os venecianos entraron na cidade. Aleixo V fuxiu a Mosinópole, onde un ano antes se refuxiara o seu sogro, Aleixo III. Os nobres ofreceron a coroa a Teodoro Láscaris, xenro tamén de Aleixo III, pero este rexeitouna e fuxiu a Asia coa súa familia, o patriarca de Constantinopla e varios membros da nobreza bizantina. Estableceuse en Nicea, onde fundou o Imperio de Nicea, depositario da lexitimidade bizantina.

A cidade foi saqueada durante varios días[7]. Os cronistas fanse eco das atrocidades perpetradas polos conquistadores. Do saqueo non se libraron as igrexas nin os mosteiros, e na mesma Santa Sofía foron destruídos o iconostasio de prata e varios libros e obxectos de culto. Segundo relata Nicetas Coniates:

Esnaquizaron as santas imaxes e guindaron as sagradas reliquias dos mártires a lugares que me dá vergoña mencionar, esparexendo por todas partes o corpo e o sangue do Salvador [...] En canto á profanación da Gran Igrexa, destruíron o altar maior e repartiron os anacos entre eles [...] E introduciron cabalos e mulas na igrexa para poder levarse mellor os recipientes sagrados, o púlpito, as portas e todo o mobiliario que atopaban; e cando algunhas destas bestas escorregaban e caían, atravesábanas coas súas espadas, luxando a igrexa co seu sangue e excrementos. Unha vulgar rameira foi entronizada na cadeira do patriarca para lanzar insultos a Xesucristo e cantaba cancións obscenas e bailaba inmodestamente no lugar sagrado [...] Tampouco non mostraron misericordia coas matronas virtuosas, as doncelas inocentes e mesmo as virxes consagradas a Deus.
Citado en Norwich (2000, p. 290).

Finalmente, restableceuse a orde e procedeuse a unha repartición ordenada do botín segundo o que se pactou previamente: tres oitavas partes para os cruzados, outro tres oitavas para os venecianos e un cuarto para o futuro emperador. A pesar das pretensións de Bonifacio de Montferrato, o comité elixiu emperador a Balduíno IX de Flandres, primeiro monarca do Imperio latino. Os cruzados chamaron a este acontecemento Partitio terrarum imperii Romaniae (partición do Imperio romano de Oriente).

  1. 1,0 1,1 Phillips 2004, p. 269.
  2. Phillips 2004, p. 106.
  3. Queller & Madden 1999, p. 185.
  4. Phillips 2004, p. 157.
  5. "Fourth Crusade" in War and Religion. Santa Barbara, California: ABC–CLIO. 
  6. A localidade de Asfeld, ver: Louis Paris; Henri Fleury. La chronique de Champagne (en francés). Techener. 
  7. "Fourth Crusade" in War & Religion, Vol. 2. Santa Barbara, California: ABC–CLIO. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]