Cristovo Lecapeno
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 890 |
Morte | 931 (40/41 anos) |
Emperador bizantino | |
921 – 931 | |
Actividade | |
Ocupación | monarca |
Familia | |
Familia | Lakapenos |
Cónxuxe | Sophia |
Fillos | Irene Lecapena |
Pais | Romano I e Teodora |
Irmáns | Estevo Lecapeno Constantino Lecapeno Teofilacto de Constantinopla Helena Lecapena |
Cristovo Lecapeno (en grego: Χριστόφορος Λακαπηνός Khristóforos Lekapenós) foi o fillo máis vello do emperador Romano I e coemperador de 921 até a súa morte en 931.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Cristovo foi o primeiro fillo home de Romano I e a súa esposa Teodora e o segundo despois da súa irmá Helena. Os seus irmáns máis novos eran Ágata, que casou con Romanos Argyros; Estevo e Constantino (coemperadores de 924 até 945); Teofilacto, patriarca de Constantinopla de 933 a 956; e outras dúas irmás máis, das cales se ignora o nome e son coñecidas só polos seus matrimonios cos magistri officiorum Romano Mosele e Romano Saronites[1].
Non se sabe nada dos primeiros anos de Cristovo; era sen dúbida adulto ao redor de 919-920 e tiña unha filla casadeira en 927, por tanto naceu probabelmente ao redor de 890–895[2]. Antes do ascenso do seu pai ao poder casou con Sofía, filla do adiñeirado patricio Nicetas de Peloponeso[3].
Cando Romano logrou que a súa filla Helena casase co novo emperador Constantino VII na primavera 919, asumiu o papel de gardián do emperador co título basileopatōr —pai do emperador—, Cristovo sucedeuno no seu posto como megas hetaireiarches —comandante da garda de Palacio[4][5]. Romano coroouse a si mesmo como emperador en decembro de 920 e eventualmente avanzou en precedencia por diante do mozo Constantino. Para consolidar aínda máis a súa posición e planeando levar á súa propia familia por encima da lexítima dinastía macedónica, Romano coroou a Cristovo como coemperador o 20 de maio de 921.[6] Ademais, cando a súa nai Augusta Teodora morreu en febreiro de 922, a súa esposa Sofía foi elevada á dignidade de Augusta xunto a Helena[7].
En 927, como parte dun acordo de paz, a súa filla María, rebautizada Eirene/Irene («paz») para a ocasión, casou co emperador búlgaro Pedro I. Romano aproveitou a ocasión para avanzar a Cristovo por diante de Constantino na precedencia, facéndoo primeiro entre o grupo de coemperadores (en 924, os seus irmáns máis novos Estevon e Constantino tamén foran coroados como coemperadores)[8][9]. En 928, Nicetas tentou infrutuosamente incitalo a depor ao seu pai e foi desterrado. O motivo detrás de todo isto foi talvez a mala saúde de Cristovo e os temores da súa esposa e o seu sogro, de que a súa morte prematura causaría que perdesen o seu status[10]. Cristovo morreu en agosto de 931, Romano lamentou moito a súa morte, derramou bágoas «como os exipcios» e despois diso dedicouse cada vez máis a actividades relixiosas. Pouco despois, Sofía tamén se retirou da corte e entrou nun mosteiro, onde morreu[11][12].
Familia
[editar | editar a fonte]A través do seu matrimonio con Sofía, Cristovo tivo tres fillos:[13]
- María-Irene (? - ca. 965), emperatriz consorte de Pedro I de Bulgaria[14].
- Romano, aínda neno no momento da morte de Cristovo. Segundo Zonaras, foi favorecido polo seu avó, quen pensaba darlle o lugar do seu pai como coemperador, pero morreu pouco despois.
- Miguel, aínda neno ao momento da morte do seu pai, converteuse en clérigo cando a súa familia perdeu o poder en 945. Chegou a alcanzar altas dignidades como magistros e rhaiktor, pero non se sabe nada máis da súa vida posterior[15].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Cawley 2011, Romanos Lekapenos.
- ↑ Grierson & Bellinger (1973), p. 528
- ↑ Runciman (1929), p. 64
- ↑ Runciman (1929), p. 60
- ↑ Kazhdan (1991), p. 442
- ↑ Runciman (1929), pp. 65–66
- ↑ Runciman (1929), p. 67
- ↑ Previté-Orton, Charles William (1975) Cambridge Medieval History, Shorter: Volume 1. «The Later Roman Empire to the Twelfth Century». ISBN 0-521-09976-5 p. 256
- ↑ Runciman (1929), pp. 67, 97
- ↑ Runciman (1929), pp. 71–72
- ↑ Runciman (1929), p. 78
- ↑ Grierson & Bellinger (1973), p. 526
- ↑ Kazhdan (1991), p. 1204
- ↑ Runciman (1929), pp. 78, 237
- ↑ Runciman (1929), pp. 78, 234
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Grierson, Philip; Bellinger, Alfred Raymond, eds. (1973), Catalogue of the Byzantine Coins in the Dumbarton Oaks Collection and in the Whittemore Collection, vol. 3: Leo III to Nicephorus III, 717–1081, Dumbarton Oaks, ISBN 978-0-88402-045-5
- Kazhdan, Alexander, ed. (1991), Oxford Dictionary of Byzantium, Oxford University Press, ISBN 978-0-19-504652-6
- Runciman, Steven (1988) [1929], The Emperor Romanus Lecapenus and His Reign: A Study of Tenth-Century Byzantium, Cambridge University Press, ISBN 978-0-521-35722-7 [1]