[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Cristóbal Balenciaga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaCristóbal Balenciaga
Biografía
NacementoCristóbal Balenciaga Eizaguirre
21 de xaneiro de 1895 Editar o valor en Wikidata
Getaria, España Editar o valor en Wikidata
Morte1972 Editar o valor en Wikidata (76/77 anos)
Xàbia, España Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupacióndeseñador, deseñador de moda, empresario, modisto Editar o valor en Wikidata
Obra
Arquivos en

Descrito pola fonteModeMuze (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm0050069 BNE: XX1457160 WikiTree: Eizaguirre-1 Find a Grave: 14602094 Editar o valor en Wikidata

Cristóbal Balenciaga Eizaguirre, nado en Getaria (Guipúscoa) o 21 de xaneiro de 1895 e finado en Xàbia (Alacant) o 23 de marzo de 1972, coñecido simplemente como Balenciaga, foi un prestixioso deseñador de moda español. Considerado un dos creadores máis importantes da alta costura, desempeñou o seu traballo principalmente na cidade de París durante máis de tres décadas.[1] Anteriormente tivo formación de xastre e diversas marcas propias en España.[2] Contemporáneo de Coco Chanel e Christian Dior, é o modisto de alta costura español máis importante da historia xunto a Manuel Pertegaz e Elio Berhanyer.[3]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Naceu na localidade guipuscoana de Getaria (Euskadi), no seo dunha familia humilde e católica. O seu pai, pescador, morreu no mar e a súa nai era costureira.

Desde neno soñaba con ser modisto e no seu tempo libre debuxaba os deseños que vía. Aos trece anos, Micaela Elío y Magallón, VII marquesa de Casa Torres (avoa da futura raíña Fabiola de Bélxica), quen veraneaba en Getaria, sentiuse tan conmovida ante as ansias do mozo por aprender o oficio da moda que decidiu exporlle un reto. Entregoulle un anaco de tea xunto a un dos seus máis exclusivos vestidos co obxectivo de que o copiase e demostrase o seu talento. O resultado contentou tanto á marquesa que dende entón converteuse na súa mecenas.

Entre 1918 e 1924 formou a casa Balenciaga Lizaso coas irmás Lizaso. Acabaron por separárense por mor dunha discusión.

Tras uns anos de incipiente éxito, en 1919 Balenciaga abriu unha tenda, Eisa (en homenaxe ao seu apelido materno) en Donostia, que se expandiría cara a Madrid e Barcelona.[4][5] A Familia Real e a aristocracia española levaban os seus deseños. Cando estalou a Guerra civil española, viuse forzado a pechar as súas tendas e trasladouse a París.[4][5] Abriu o seu taller parisiense na avenida George-V en agosto de 1937.[5]

Impuxo un estilo totalmente innovador, cunha liña de ombreiros caídos, cintura pinzada e cadeiras redondas. A partir dos anos 1950 empezou a ser recoñecido e despregou toda a súa creatividade.

Moitos deseñadores bosquexaban as súas creacións mais non as confeccionaban. Cristóbal Balenciaga, por contra, tiña un pleno dominio da costura e do manexo de tecidos. Coco Chanel chegou a afirmar:

É o único de nós que é un verdadeiro couturier (costureiro)

Manifestou predilección polos tecidos con peso, enriquecidos con bordados a man, abelorios ou pedrería.

Destacaban os vestidos negros, os abrigos cadrados sen pescozo nin botóns, a manga xaponesa, o vestido túnica ou os impermeábeis transparentes.

Vestidos deseñados por Cristóbal Balenciaga

Balenciaga era quen de crear un vestido cun pano de tea, sen apenas cortes nin costuras, en moi pouco tempo. A súa habilidade para crear volumes e formas era asombrosa. Dáballe ás pezas un acabado perfecto, case escultórico, en que encubría os botóns e puntadas. O seu nivel de esixencia levábao mesmo a desarmar un vestido enteiro de non quedar plenamente satisfeito con el. Creaba deseños exclusivos para as súas máis distinguidas clientas sen necesidade de probas. Marlene Dietrich afirmou que Balenciaga coñecía as súas medidas e que ningún dos seus vestidos requiriu retoques posteriores.

Foi un apaixonado dos grandes pintores españois, en especial de Velázquez e Goya, aínda que os seus modelos tamén mostran influencias cubistas. Dicíase que a súa percepción da muller era máis xaponesa que occidental. Por exemplo, malia os seus modelos non resultaren eróticos dende unha perspectiva occidental (por seren volumes que encerraban ou á muller) destacan moito a caluga, un elemento moi erótico no Xapón.

As súas clientas da alta sociedade e do mundo do espectáculo incluía a Greta Garbo, Grace Kelly, Ava Gardner, Audrey Hepburn ou Jackie Kennedy. Fixo os vestidos de voda[6] da raíña Fabiola de Bélxica (conservado no Museo Balenciaga de Getaria) e da duquesa de Cádiz[7] (na colección do Museu del Disseny de Barcelona). Unha das súas principais admiradoras e clienta foi a millonaria estadounidense Rachel L. Mellon, para quen realizou centos de pezas, actualmente no Museo Balenciaga en Getaria.

Balenciaga non só destacaba polos seus deseños, senón tamén polo seu carácter reservado e o seu método de traballo rigoroso e discreto. Recibía os seus clientes mediante cita previa e organizaba desfiles privados. Non lle gustaban as multitudes e gardaba con celo a súa vida privada.

Un dos seus últimos traballos foi o uniforme das auxiliares de voo de Air France, o seu único achegamento ao prêt-à-porter. Compartiu a actitude de Coco Chanel e rexeitouno desde os inicios. Con todo, Chanel accedeu a crear coleccións prêt-à-porter, ao contrario que Balenciaga.

Balenciaga decidiu retirarse en 1968, coa chegada do prêt-à-porter, tras cincuenta anos en activo. Agás o caso de Air France, unicamente confeccionou alta costura, por iso é considerado por moitos como o verdadeiro pai desta arte. Foi nomeado cabaleiro da Lexión de Honra de Francia en recoñecemento á súa traxectoria.[8]

Con todo, Balenciaga tivo problemas durante o seu apoxeo. Inicialmente rexeitou unirse á Chambre Syndicale de la Haute Couture ao rexeitaba as súas esixencias, mais acabou por se unir. En 1956 decidiu separarse do calendario oficial de desfiles da Chambre e comezou a presentar as súas coleccións ante a prensa xusto antes de enviarllas aos seus clientes para evitar copias e gañar visibilidade. Por consecuencia disto foi expulsado da cámara. Desde entón os seus deseños, malia seren, en teoría, «alta costura», non o eran no sentido legal. Así, para a Chambre, Balenciaga formou parte dos modistos de alta costura.

Balenciaga definiu deste xeito a súa profesión:

Un bon modisto debe ser: arquitecto para os patróns, escultor para a forma, pintor para os debuxos, músico para a harmonía e filósofo para a medida.

Retirada e falecemento

[editar | editar a fonte]
Vestido de cóctel de tafetá negro deseñado por Balenciaga en 1951

Balenciaga decidiu retirarse da vida activa en maio de 1968 e o 1 de xullo a prensa anunciaba o peche da súa central de París e dos seus talleres de Madrid. Dito peche foi repentino, e colleu por sorpresa mesmo ao seu persoal.

A perda de rendibilidade económica do negocio da alta costura foi un dos principais motivos do peche.[9] Por unha banda, os altos impostos franceses retiñan a maior parte dos beneficios da casa. Por outra banda, dende os Estados Unidos de América deixouse de comprar alta costura francesa, en boa medida pola política antiestadounidense do xeneral De Gaulle. Preto de 70 por cento da clientela de Balenciaga procedía de dito país.

Tras retirarse, regresou a España. Instalouse na súa casa de Altea, onde lle gustaba pintar, conversar e comer na compañía dalgúns dos seus axudantes españois.

Excepcionalmente, catro anos despois da súa retirada, aceptou deseñar o vestido de noiva de Carmen Martínez-Bordiú, filla dunha das súas clientas máis importantes, Carmen Franco y Polo, e neta do ditador Francisco Franco. A voda celebrouse o 8 de marzo de 1972 e dito vestido foi a última obra de Balenciaga.

Ese mesmo mes Balenciaga foi pasar unhas vacacións ao parador nacional de turismo de Xàbia (Alacant). Inesperadamente o 23 de marzo finou dun infarto de miocardio, con 77 anos. Foi enterrado en Getaria, a súa localidade natal.

O Museo Balenciaga en Getaria

O peche de Balenciaga en 1968 non supuxo a desaparición da "marca Balenciaga". Esta estivo inactiva até 1986, cando Jacques Bogart S.A. adquiriulles os dereitos da marca aos herdeiros de Balenciaga.[10]

Aínda que desligada da figura do seu creador, Balenciaga mantívose activa no mundo da moda desde entón. Comprende, entre outros, produtos de alta costura, prêt-à-porter, perfumaría, xoias e complementos. A empresa Balenciaga mantívose activa principalmente na gama de perfumaría e accesorios. Na actualidade, os bolsos Balenciaga son uns dos complementos máis desexados, así como os zapatos, pola gran orixinalidade no deseño. Nas coleccións históricas do Museu Tèxtil i d'Indumentària de Barcelona destacan as de chapeus e toucados de Balenciaga, cunha gran variedade de formas.

No taller de Cristóbal Balenciaga formáronse moitos modistos, algúns dos cales alcanzarían fama internacional e chegarían a ter firma propia. Entre eles están Paco Rabanne, André Courrèges, Emanuel Ungaro, Hubert de Givenchy ou Óscar de la Renta.

A súa obra foi obxecto de numerosas exposicións en museos. A primeira foi unha antoloxía do Metropolitan Museum of Art de Nova York en 1973 (The World of Balenciaga), que se exhibiu durante sete meses, con 180 modelos expostos. Os traxes de Balenciaga estaban acompañados de pinturas de Goya, Velázquez, El Greco, Zuloaga, Miró ou Picasso, nas que se inspiraron os deseños do modisto. Foi a primeira vez que un museo de arte coma o MET ascendía vestidos á categoría de obras de arte. En España tivo lugar tamén unha exposición homónima, El mundo de Balenciaga, nas salas nobres do Palacio de Biblioteca y Museos Nacionales de Madrid.

Na súa vila natal estabeleceuse unha fundación co obxectivo de crear un museo dedicado á súa figura. Tras numerosos problemas, gañado o proceso xudicial sobre presuntas irregularidades na súa xestión, inaugurouse finalmente en Getaria o 10 de xuño de 2011 o Museo Balenciaga.[11][12][13][14] Conta cunhas 1200 pezas, aínda que só se mostra unha parte de xeito simultáneo. As obras están expostas sobre manequíns invisíbeis.

O escultor Eduardo Chillida, amigo seu, fíxolle unha escultura a xeito de homenaxe. Así mesmo, a cidade de Donostia ten un paseo que leva o seu nome no barrio de Igueldo, onde Balenciaga tivo unha casa.

A mediados de 2022 comezou a rodarse en Disney + unha serie inspirada na súa vida, a primeira serie española desta plataforma. [15]

Presenza en museos

[editar | editar a fonte]

Amais do Museo Balenciaga, outros museos expoñen pezas do deseñador. O Museu Téxtil i d'Indumentària do Disseny Hub Barcelona ten unha extensa colección de vestidos e complementos (especialmente chapeus). Tamén o Museo do Traxe de Madrid inclúe vestidos de Balenciaga na súa colección de moda.[16]

  1. de Amézaga, Abraham (23 de marzo de 2022). "Las últimas horas de Balenciaga". El Correo. Consultado o 24 de xullo de 2022. 
  2. ARZALLUZ, Miren, Cristóbal Balenciaga, la forja del maestro (1895-1936), Donostia-San Sebastián, Diputación Foral de Gipuzkoa y Nerea, 2010.
  3. Miranda, Beatriz (9 de novembro de 2010). "Balenciaga, la Ñ de la moda". El Mundo (en castelán). Consultado o 24 de xullo de 2022. 
  4. 4,0 4,1 "Cristóbal Balenciaga". Victoria & Albert Museum. Arquivado dende o orixinal o 29 de maio de 2007. Consultado o 6 de xuño de 2007. 
  5. 5,0 5,1 5,2 Charleston, Beth Duncuff (outubro de 2004). "Cristóbal Balenciaga (1885-1972)". The Costume Institute, The Metropolitan Museum of Art. Consultado o 6 de xuño de 2007. 
  6. España, 50 años de moda, Barcelona, Ajuntament de Barcelona, 1987-1988, p. 25.
  7. España, 50 años de moda, Barcelona, Ajuntament de Barcelona, 1987-1988, p. 27
  8. Alzugaray, Juan José; Aguirre, Juan José Alzugaray (2004-09-01). Vascos relevantes del siglo XX (en castelán). Encuentro. ISBN 978-84-7490-733-9. 
  9. "Balenciaga, ¿el mejor modista de la historia?". Kroomdos (en castelán). 27 de novembro de 2017. Consultado o 1 de xuño de 2018. 
  10. "Balenciaga, ¿el mejor modista de la historia?". Kroomdos (en castelán). 27 de novembro de 2017. Consultado o 1 de xuño de 2018. 
  11. Torriente, Eugenia de la (11 de maio de 2010). "La geometría estética de Balenciaga vuelve a casa". El País (en castelán) (Bilbo). ISSN 1134-6582. Consultado o 24 de xullo de 2022. 
  12. Torriente, Eugenia de la (2 de xuño de 2011). "Balenciaga vuelve al mar". El País (en castelán) (Getaria). ISSN 1134-6582. Consultado o 24 de xullo de 2022. 
  13. Azurmendi, Nerea (11 de xuño de 2011). "El museo se viste de diario". El Diario Vasco (en castelán) (Getaria). Consultado o 24 de xullo de 2022. 
  14. "Cristóbal Balenciaga Museoa" (en castelán). Consultado o 24 de xullo de 2022. 
  15. Fernández Abad, Ana (31 de xullo de 2022). "Contradicciones, hermetismo y maestría: la historia de Balenciaga se convierte en serie". El País (en castelán) (Oiartzun). ISSN 1134-6582. Consultado o 3 de agosto de 2022. 
  16. "Museo del Traje - Ministerio de Cultura y Deporte". Consultado o 24 de xullo de 2022. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Arzalluz, Miren, Cristóbal Balenciaga, la forja del maestro (1895-1936), Donostia, Deputación Foral de Guipúscoa e Nerea, 2010
  • Bowles, H., "Balenciaga and Spain", Nova York, Rizzoli, 2010
  • Jouve, M. A., e Demornex, J., "Balenciaga", París, Éditions du Regard, 1988
  • Jouve, M. A., "Balenciaga", París, Assouline, 1998
  • Miller, L. E., "Cristóbal Balenciaga", Londres, Batsford, 1993
  • Miller, L. E., "Cristóbal Balenciaga (1895-1972). Modisto de modistos", Barcelona, Gustavo Gili, 2007
  • VV.AA. "Balenciaga", catálogo del Museo Cristóbal Balenciaga de Getaria, Donostia, Nerea, 2011

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]