[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Cicloturismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bicicleta equipada para o cicloturismo.
Ruta cicloturista nos Países Baixos.

O cicloturismo é, primeiro e sobre todo, o turismo feito en bicicleta. Non se poden separar as dúas partes desta actividade que implica ante todo lecer e que está moi afastada, na súa orixe, de calquera práctica competitiva individual.

Calquera persoa que practique esta actividade é un cicloturista.

A finalidade do cicloturismo é descubrir sitios, paisaxes, lugares ou ir ao encontro de poboacións utilizando a bicicleta como medio de locomoción. Porén, moitos ciclistas cren facer cicloturismo simplemente porque non participan nunha competición de ciclismo. A busca dunha prestación, calquera que sexa o nivel, é unha simple práctica deportiva na que toda noción de turismo desapareceu.

Modalidades de cicloturismo

[editar | editar a fonte]

O cicloturismo pódese clasificar dependendo da distancia cuberta, a duración da viaxe e o tipo de material utilizado.

A randonée ou excursión é un traxecto dunha xornada ou media xornada (neste caso, o cicloturista pode ser nomeado excursionista ciclista, a tendencia máis próxima ao deporte). Non require material particular, agás reparar unha picada e levar bebida e comida.

A longue randonée ou excursión longa consiste en facer unha ruta de varios centenares de quilómetros cun equipo de cámping (caso do ciclo-campismo) e de reparación máis completo. É necesaria tamén roupa especial para facer fronte aos avatares meteorolóxicos. Pódese percorrer así un país, ou ir a unha cidade distante atravesando un ou varios países. Mesmo se pode dar a volta ao mundo en bicicleta, levando unha importante cantidade de material para poder reparar (case) todo tipo de avarías en todas as circunstancias.

As brevets ciclistas permiten percorrer longas distancias (a partir de 100 km) en grupo e a unha velocidade regulada por capitáns de estrada.

En Europa continental estanse construíndo e acondicionando numerosas vías, chamadas vías ciclistas, rotas cicloturísticas ou vías verdes, de uso exclusivo para bicicletas; formando nalgúns países do norte de Europa unha tépeda rede comparábel á rede de estradas. Nuns casos estas vías enlazan vilas e cidades á marxe dos grandes fluxos de circulación motorizada, outras seguen itinerarios naturais de gran valor turístico. Tanto unhas como outras dan acceso a equipamentos dedicados ao turismo: zonas de lecer, cámpings, comercios...

As repercusións económicas desta práctica son o suficientemente importantes para que as colectividades locais teñan en conta o desenvolvemento deste tipo de equipamentos.

Paul de Vivie alias Vélocio é sen dúbida un personaxe imprescindíbel do cicloturismo. Á vez teórico e organizador, desde 1881 conduce os velocípedos que fabrican os irmáns Gauthier en Saint-Étienne, para despois pasar a ser un dos primeiros usuarios das chamadas bicis de seguridade.

En 1896 empézanse a formar na rexión xuntanzas dos primeiros entusiastas (nun principio só eran homes, a maioría xente importante, mais a muller acabaría tamén participando). Estes pioneiros fundaron a Escola Stéphanoise. Empezan entón as primeiras excursións (Lión-Niza en menos de 24 horas).

Algúns buscaban unha forma de hixiene de vida, relativamente estrita para a época, preconizando certas prohibicións alimentarias que non todos os membros da Escola Stéphanoise compartían. Porén todos eles seguen en xeral algúns principios, froito da longa experiencia do fundador. Son coñecidos desde 1930 como os sete mandamentos de Vélocio:

  1. Facer poucas e curtas paradas, co fin de non perder o ritmo.
  2. Tomar comidas lixeiras e frecuentes, comer antes de ter fame e beber antes de ter sede.
  3. Non chegar ata un cansazo anormal, que se traduce na perda de apetito e de sono.
  4. Abrigarse antes de ter frío, desabrigarse antes de ter calor, e non temer expoñer a epiderme ao sol, ó aire e á auga.
  5. Eliminar da alimentación, cando menos en ruta, o viño, a carne, e o tabaco.
  6. Nunca forzar, pedalear dentro das propias posibilidades, sobre todo durante as primeiras horas cando un se sente pleno de forzas e está tentado a gastar demais.
  7. Nunca pedalear por amor propio.

Paul de Vivie foi o editor durante 43 anos do xornal O Ciclista, que fundou en 1887. Vexetariano, defensor (entre outros) do motor humano, da polimultiplicidade (o nome dado ao cambio de ritmo de pedaleo naquela época), estaba en plena forma física cando foi atropelado por un tranvía saíndo da súa casa. Na súa mesa achouse un exemplar en texto orixinal do libro que estaba lendo, Cartas a Lucilio de Séneca, aberto sobre unha páxina onde se podía ler:

A morte ségueme e a vida escápaseme... se saio: pode que non entres... en todo lugar, o intervalo que separa a vida da morte é curto.

Deste xeito, o ciclismo fíxose o deporte máis popular en Saint-Étienne ata a aparición do AS Saint-Étienne, se ben cada ano unha proba cronometrada que leva o seu nome reúne a un milleiro de ciclistas que, partindo da cidade, soben ó Col (Porto) da República ou Col du Grand Bois.

Equipamento

[editar | editar a fonte]

A bici é o centro das preocupacións materiais do ciclotourista. Debe ser robusta para soster o peso das equipaxes e soportar as vicisitudes da viaxe. Debe ser tamén segura e confortable. A sela e a posición corpórea do ciclista teñen que ser coidadas moi particularmente co fin de evitar que as longas horas pasadas a pedalear tornen nun calvario.

Os puristas e os máis conservadores son fieis a un modelo chamado excursionista. Coas súas rodas de 650 mm de diámetro, estas máquinas son particularmente fiables e robustas (cun cadro de tubos de aceiro de moi alta calidade), a miúdo fabricadas á medida, con todo detalle de equipamento destinado a facilitar a vida sobre a estrada baixo calquera condición meteorolóxica: gardalamas en duraluminio, portavultos feitos de tubos de aceiro lixeiros, cambio moi suave, sela de coiro, bolso dianteiro, anchos bolsos laterais para o cámping... Contrariamente ás aparencias, tales bicicletas son notabelmente lixeiras: de 10 a 11 kg sen carga.

Cada vez máis cicloturistas elixen a bicicleta reclinada, que ofrece un mellor rendemento, especialmente a plena carga (a súa aerodinámica é mellor, e a súa estabilidade tamén por ter o centro de gravidade máis baixo). Outros escollen o triciclo reclinado (chamado trike) polo seu confort e estabilidade. Porén, estes vehículos baixos sobre rodas teñen dificultades para atopar o seu lugar entre a circulación automobilística. Son máis populares nos países nórdicos, onde dispoñen dunha extensa rede de ciclovias.

Aínda que raro hoxe en día, o tándem (bicicleta de dúas prazas con dous pedais) ten fortes defensores entre os cicloturistas. Símbolo da parella unida no esforzo, permite economizar forzas contra o vento e o rozamento da estrada, nunha proximidade que permite a conversa. Tamén axuda a descubrir aos indecisos ou menos seguros as alegrías do cicloturismo.

Para aumentar a carga útil que pode transportar un cicloturista, se pode facer uso dun remolque. Existen varios tipos. Os remolques baixos cunha soa roda son os máis lixeiros e máis manexábeis. Está fortemente desaconsellado o uso dunha mochila, tanto por incómoda como por desestabilizadora.

O sixilo do cicloturista e a súa baixa velocidade (20 km/h de media para os máis adestrados), impóñenlle un esforzo adicional para facerse visíbel aos automobilistas cos que comparte a estrada, tanto de día como na noite e especialmente con choiva. Un brazalete fluorescente no brazo esquerdo (se se circula pola dereita), e levar vestimenta clara ou fluorescente axuda a aumentar a visibilidade durante o día. Unha iluminación regulamentaria (faro dianteiro branco ou amarelo, luz traseira vermella), robusta e eficaz, é indispensábel, mesmo se non se ten pensado viaxar pola noite. De feito, non é raro que unha etapa se prolongue de forma inesperada ata o crepúsculo. Xeralmente os sistemas de dinamo (alternador) alimentados polo xiro da roda son os preferidos; son sinxelos e robustos e teñen sobre as lámpadas a pilas a tripla vantaxe de seren económicas, ecolóxicas e operativas en todo momento (non é necesario comprobar se a pila está cargada). Teñen o incoveniente de deixar de funcionar ao se parar e ás veces cando chove forte (a roda da dinamo esvara sobre a roda). Existen tamén alternadores integrados nos cambios que soportan mellor a choiva, mais non son desembragábeis. Os catadióptricos son útiles, non só na parte traseira (obrigatorios de cor vermella), senón tamén nos laterais (de cor laranxa, van fixados nos raios das rodas). Son igualmente recomendábeis as bandas fluorescentes nos bolsos laterais e na vestimenta. Estes sistemas pasivos non poden, con todo, substituír un sistema de iluminación apropiado porque só son visíbeis de preto e cando os faros inciden sobre o ciclista.

O ciclo-campista debe levar unha tenda de campaña lixeira e robusta (canadense, iglú, hamaca de cámping). Tamén debe levar un saco de durmir e algún material para cociñar (cociña portátil, cuncas e outros pequenos utensilios). A viaxe en grupo permite compartir certas cargas comúns imprescindíbeis (cociña, tenda...).