[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Carreira cara ao mar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mapa en inglés da carreira cara ao mar apuntando as batallas máis importantes.

A Carreira cara ao mar é o nome que se lle da a un período da primeira guerra mundial, no que ambos exércitos trataron de envolver ao inimigo avanzando a través dos flancos. Trátase da última operación da guerra móbil, sendo o teatro de operacións o nordeste de Francia. Ningún dos dous bandos conseguiu o seu obxectivo e a guerra estancouse nunha fronte estática, cuxo máximo expoñente foi a trincheira.

A carreira comezou en setembro de 1914, cando os exércitos alemáns foron detidos na Primeira Batalla do Marne e rematou en novembro de 1914, cando se estableceron trincheiras desde a fronteira suíza ata as costas belgas. Deste xeito, ningún dos exércitos era quen de furar as defensas do inimigo. Durante os meses que durou a carreira producíronse diversos enfrontamentos nas localidades francesas da rexión.

Entre as numerosas batallas que forman parte desta carreira destacan: a primeira batalla do Aisne (13 ao 28 de setembro de 1914), a batalla de Albert (25 ao 29 de setembro), a Primeira batalla de Artois (27 de setembro ao 10 de outubro), a batalla da Bassée (10 de outubro ao 2 de novembro), a batalla de Messines (12 de outubro ao 2 de novembro), a batalla de Armentières (13 de outubro ao 2 de novembro) e a batalla de Yser (18 de outubro ao 30 de novembro).

Francia enviou ao X Exército cara Amiens a mediados de setembro, avanzando dende o día 25 cara ao leste. Pola súa banda, o VI Exército do Imperio Alemán avanzou o 26 de setembro cara Thiepval e Bapaume. As tropas alemás pretendían avanzar cara a canle da Mancha para illar Bélxica, cortar as liñas de subministración das tropas expedicionarias británicas e ocupar rexións francesas de grande importancia agrícola e industrial.

Non obstante, os alemáns atoparon unha férrea defensa franco-británica e non puideron acadar todos os seus obxectivos. Tomaron Lens e Ypres, mentres que os británicos mudaron as rutas de abastecemento e habilitaron Calais como porto militar de sunministracións.

Pouco a pouco a longa fronte foise estabilizando despois dunha serie de batallas. Os xermanos tentaron romper as liñas aliadas furándoas en Ypres. Os aliados resistiron a acometida e aguantaron, a pesar de sufrir grandes baixas. Cara novembro, a maioría das rexións estaba ocupada por un ou outro bando.