Cambises II
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde outubro de 2015.) |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 559 a. C. Ecbatana, Irán |
Morte | 522 a.C. Ecbatana, Irán |
Causa da morte | Gangrena |
Lugar de sepultura | Pasárgada (pt) |
Rei de Reis | |
530 a. C. – 522 a. C. ← Ciro II – Darío I → | |
Faraón | |
525 a. C. – 522 a. C. ← Psamético III (pt) – Darío I → | |
Gran Rei | |
Datos persoais | |
Relixión | Zoroastrismo |
Actividade | |
Ocupación | monarca |
Período de tempo | Antigo Exipto, A Baixa Época e XXVII dinastia egípcia (pt) |
Outro | |
Título | Faraón |
Familia | Dinastía aqueménida |
Cónxuxe | Atossa Roxane Fedímia |
Pais | Ciro II e Cassandana |
Irmáns | Esmerdis Atossa Artistona Roxane |
Descrito pola fonte | Enciclopedia soviética armenia Dictionary of African Biography, Enciclopedia militar Sytin |
Cambises II (en persa کمبوجیه Kambūdxīye /kʲæmbuːʤiˈɛ/, persa antigo Kambūdxiya), morto en 522 a.C., foi un rei de Persia da dinastía aqueménida (528 – 522 a.C.), fillo e herdeiro de Ciro II o Grande, fundador do Imperio persa aqueménida.
Ascenso ao trono
[editar | editar a fonte]Cando Ciro II conquistou Babilonia no ano -539, Cambises foi o encargado de dirixir as cerimonias relixiosas (segundo conta a Crónica de Nabónido), e no cilindro que contén a proclamación de Ciro aos babilonios, o nome de Cambises está ligado ao do seu pai nas oracións a Marduk. Nunha taboíña fechada no primeiro ano do reinado de Ciro, Cambises é mencionado como rei de Babel; con todo a súa autoridade debeu ser efémera, pois ata o ano -530 Cambises non foi asociado ao trono, cando Ciro partiu cara á súa última campaña contra os masaxetas da Asia Central. Acháronse numerosas taboíñas en Babilonia deste momento da súa ascensión e do seu primeiro ano de reinado, e onde Ciro é denominado "rei de nacións" (sinónimo de "rei do mundo").
Trala morte do seu pai na primavera de -528, Cambises converteuse no soberano único do Imperio persa. As taboíñas atopadas en Babilonia acerca do seu reinado abarcan ata o seu oitavo ano de reinado, concretamente ata marzo do -521. Heródoto (3. 66) establece o seu reinado desde a morte de Ciro II, e outórgalle unha duración de sete anos e cinco meses, desde o ano -528 ata o verán do -521.
Campañas africanas
[editar | editar a fonte]Era bastante normal que, trala conquista dos países asiáticos por parte de Ciro, Cambises decidise emprender a conquista de Exipto, o único estado independente que subsistía en Oriente. Antes de partir coa súa expedición, mandou asasinar ao seu irmán Esmerdis, o cal fora designado por Ciro como gobernador das provincias orientais do Imperio. Esta información é proporcionada por Darío I na inscrición de Behistún, mentres que os autores gregos clásicos indican que o seu asasinato se produciu trala conquista de Exipto.
A guerra comezou no -525, cando o faraón Amasis II foi sucedido polo seu fillo Psamético III. Cambises preparara a marcha do seu exército a través do deserto do Sinaí coa axuda de tribos árabes, que lle prepararon depósitos de auga, esenciais para cruzar o deserto. A esperanza do anterior faraón exipcio, Amasis II, para conxurar a ameaza persa baseábase nunha alianza cos gregos. Con todo, a súa esperanza foi va cando comprobou que as cidades chipriotas e o tirano Polícrates de Samos (quen posuía unha poderosa frota) decidiron pasarse ao bando persa, como tamén fixera Fanes de Halicarnaso, comandante das tropas gregas mercenarias en Exipto, e o exipcio Udjahorresne de Sais, xefe da frota exipcia.
Finalmente, na decisiva batalla de Pelusio, os exipcios foron derrotados polos persas, e pouco despois Menfis caía en mans de Cambises. Psamético foi capturado, e posteriormente executado tras intentar unha rebelión. As inscricións exipcias deste período mostran que Cambises adoptou oficialmente os títulos e costumes dos faraóns, aínda que é factíbel crer que non ocultou o seu desprezo polos costumes e a relixión exipcias.
Desde Exipto, Cambises planificou a conquista dos reinos nubios de Napata e Meroe, situados no actual Sudán, pero o seu exército foi incapaz de atravesar o deserto nubio, sufrindo elevadas perdas que o obrigaron a retirarse. Nunha inscrición achada en Napata, que actualmente está no Museo de Berlín, o rei nubio Nastesen describe a súa vitoria sobre as tropas de Kembasuden e a captura dos seus barcos, personaxe que se identifica con Cambises.(1) Da mesma forma, outra expedición de Cambises ao oasis de Siwa tamén fracasou, ademais de ter que renunciar ao seu proxecto de conquistar Cartago debido á negativa dos seus mariñeiros fenicios a atacaren aos seus compatriotas, sendo a frota dos seus súbditos fenicios esencial para cruzar o mar Mediterráneo e salvar así o deserto libio.
O final de Cambises
[editar | editar a fonte]Mentres Cambises levaba a cabo estas tentativas de expansión por África, en Persia un mago chamado Gaumata fíxose pasar polo irmán de Cambises, Esmerdis, que o rei ordenara matar previamente e en segredo, ante o temor de que se rebelase contra el tras partir cara a Exipto. Desta forma Gaumata conseguiu o apoio do pobo, tras ditar varias medidas favorábeis, polo que Cambises decidiu emprender o retorno a Persia e castigar ao usurpador. Con todo, comprobando finalmente que non podería vencer a revolta, acabou suicidándose en marzo do -521, tal como narra Darío I na inscrición de Behistún, mentres que Heródoto e Ctesias afirman, con menor credibilidade, que a súa morte se debeu a un accidente. Heródoto narra que Cambises morreu en Ecbatana de Siria, a actual Hama (3.64); Flavio Xosefo sinala que a súa morte se produciu en Damasco (Antigüidades, xi. 2. 2); mentres que Ctesias fala da cidade de Babilonia, algo dificilmente posíbel.(2)
Tradicións acerca de Cambises
[editar | editar a fonte]Hai varias fontes principais que proporcionan a información existente acerca do reinado de Cambises, entre as que destacan as dos autores gregos Heródoto e Ctesias. O primeiro fálanos de Cambises no seu relato da historia de Exipto (3. 2-4; 10-37), onde Cambises aparece como o fillo lexítimo de Ciro e de Nitetis, filla do faraón Apries. A morte de Apries a mans do usurpador Amasis II foi o feito que decidiu a Cambises a vingarse do usurpador.
Esta versión da historia é corrixida polas tradicións persas que tamén recolle Ctesias (Athen. Xiii. 560) e tamén Heródoto, e que explican que Cambises desexaba contraer matrimonio cunha das fillas de Amasis, pero o faraón exipcio, consciente de que só as mulleres persas eran declaradas raíñas consortes, comprendeu que a súa filla acabaría formando parte do harén real persa. Desta forma decidiu enviar a Cambises a unha filla do seu predecesor Apries, quen, humillado ao descubrir este engano, decidiu vingarse preparando a invasión de Exipto.
Amasis xa morrera para cando Cambises conquistou o país, polo que a súa vinganza recaeu no seu fillo Psamético, ao que fixo beber o sangue do deus-touro Apis, polo cal foi castigado coa tolemia, segundo as fontes clásicas. Desta forma, Cambises na súa tolemia acabou coa vida do seu irmán e a súa irmá Roxana, perdendo finalmente o seu imperio a mans dun usurpador e morrendo por mor dunha ferida (quizais autoinducida) na cadeira, o mesmo lugar onde mandara ferir ao animal sagrado. Outra historia relacionada con Cambises é a de Fanes de Halicarnaso, o xefe dos mercenarios gregos ao servizo do faraón Amasis II, que decidiu buscar a protección do rei persa, e que pagou a súa traizón coa cruel morte dos seus dous fillos, que permaneceron en Exipto.
A tradición persa, pola contra, conta que a causa da súa tolemia foi o asasinato do seu irmán Esmerdis, o cal, unido aos abusos da bebida, foron sinalados como causas da súa prematura ruína.
Todas estas tradicións baséanse en diferentes pasaxes tardías de Heródoto, complementados con detalles familiares pouco fiábeis dos fragmentos de Ctesias. Coa excepción da escasa información que proporcionan as taboíñas babilonias e algunhas inscricións exipcias, a única fonte de información coetánea que posuímos do reinado de Cambises é o relato de Darío I na inscrición de Behistún. É por iso que é difícil ter unha imaxe correcta acerca do carácter real de Cambises, aínda que todo apunta certamente a que se tratou dun soberano déspota e sanguinario.
O exército perdido de Cambises
[editar | editar a fonte]De acordo con Heródoto, Cambises enviou un exército de 50.000 homes para someter o oráculo de Amón, localizado no oasis de Siwa. Cando xa atravesara a metade do deserto que separa o oasis do val do Nilo, unha tormenta de area abateuse sobre o exército, sepultándoo para sempre. Moitos exiptólogos consideran esta historia como unha lenda, aínda que moita xente tratou de atopar os restos deste exército durante moito tempo. Entre eles cóntanse o conde László Almásy (no que se basea a novela O paciente inglés, de Michael Ondaatje) e o moderno xeólogo Tom Brown. Hai quen pensa que nalgunhas escavacións petrolíferas recentes se acháron evidencias que demostran a existencia deste exército. A novela de Paul Sussman O enigma de Cambises narra a historia das expedicións arqueolóxicas que rivalizaron en busca dos seus restos.(3)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Schafer, H. (1901): Die Aethiopische Königsinschrift des Berliner Museums
- Lincke, A (1897): "Kambyses in der Sage, Litteratur und Kunst des Mittelalters", en Aegyptiaca: Festschrift für Georg Ebers, Leipzig, pp. 41–61.
- Sussman, P. (2004) El enigma de Cambises. (ISBN 84-9793-231-5)
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Imperio persa
- Ciro II o Grande
- Esmerdis
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Cambises II (inglés) Arquivado 22 de setembro de 2008 en Wayback Machine. En www.livius.org
Imperio Persa | ||
---|---|---|
Segue a: Ciro II |
Cambises II | Precede a: Esmerdis |
Dinastía Aqueménida |