[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

COS-B

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
COS-B
TipoObservatorio espacial
OrganizaciónESA
Data de lanzamento9 de agosto de 1975[1][2][3]
Foguete portadorDelta 2913[2][4][5]
Sitio de lanzamentoBase Vandenberg da Forza Aérea[2]
Obxectivo da misiónObservación do ceo en raios gamma.[2][4]
Regreso18 de xaneiro de 1986[1]
NSSDC ID1975-072A
Masa277,5 kg[2][4][6]
Dimensións140 cm de diámetro x 121 cm de altura[2][4]

COS-B (acrónimo de Celestial Observation Satellite[4]) foi un observatorio espacial da Axencia Espacial Europea lanzado o 9 de agosto de 1975 mediante un foguete Delta 2913 desde a Base Vandenberg da Forza Aérea.[2][4][5] Inicialmente pretendíase lanzar o satélite mediante un foguete Europa 2, pero descartouse tralos diversos fallos técnicos co mesmo.[4]

Características

[editar | editar a fonte]

A misión de COS-B consistiu na observación da radiación gamma celeste no rango de enerxías entre 25 MeV e 1 GeV co obxectivo de estuda-los púlsares de raios gamma, cartografar a Galaxia en raios gamma e facer un estudo en detalle do púlsar Geminga.[7]

O satélite foi inxectado nunha órbita altamente elíptica cun apoxeo de 100.000 km e un perixeo de 350 km e unha inclinación orbital de case 90 graos.[2]

O satélite tiña forma cilíndrica, cun diámetro de 140 centímetros e unha altura de 121 centímetros. Tendo en conta as catro antenas que sobresaían da parte inferior do cilindro, a altura total era de 172,2 cm.[2]

COS-B obtiña información sobre a súa orientación a partir dun sensor solar e dun sensor de albedo terrestre. A actitude controlábase mediante un sistema de control que usaba gas frío (nitróxeno) como propulsor. O mesmo sistema servía para axustar a rotación do satélite a unha velocidade de 10 revolucións por minuto, engadíndose un par de tobeiras de precesión para axustar o momento angular.[2]

O sistema de telemetría usaba un transmisor en tempo real de 6,5 watts de potencia e cunha taxa de transmisión de datos de 160 ou 320 bps, seleccionable. A enerxía eléctrica era proporcinada por 9480 células solares montadas en 12 subpaneis no cilindro do satélite.[2]

A misión deuse por finalizada en abril de 1982[4] tras funcionar case o triplo do inicialmente estimado (6 anos e 8 meses fronte a dous anos previstos)[7]. O satélite reentrou na atmosfera o 18 de xaneiro de 1986.[1]

Instrumentación

[editar | editar a fonte]

Como único instrumento, COS-B levaba a bordo un telescopio de raios gamma, que funcionou sen problemas durante toda a misión salvo problemas puntuais coa cámara de chispas e a perda normal de rendemento co paso do tempo.[4]

  1. 1,0 1,1 1,2 N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "COS B" (en inglés). Consultado o 1 de xaneiro de 2012. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 NASA (4 de novembro de 2011). "COS-B" (en inglés). Consultado o 1 de xaneiro de 2012. 
  3. "Letter dated 18 November 1975 from the Permanent Representative of the United States of America addressed to the Secretary-General" (PDF) (75-26865). 2 de decembro de 1975. Consultado o 1 de xaneiro de 2012. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 4,8 Gunter Dirk Krebs (2011). Gunter's Space Page, ed. "COS B" (en inglés). Consultado o 1 de xaneiro de 2012. 
  5. 5,0 5,1 Gunter Dirk Krebs (2011). Gunter's Space Page, ed. "Delta-2913" (en inglés). Consultado o 21 de xuño de 2012. 
  6. Mark Wade (2011). "COS" (en inglés). Consultado o 1 de xaneiro de 2012. 
  7. 7,0 7,1 HEASARC (NASA), ed. (26 de xuño de 2003). "The COS-B Satellite" (en inglés). Consultado o 1 de xaneiro de 2012. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]