Časlaŭ Sipovič
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 25 de novembro de 1914 (Xuliano) Dziedzina, Belarús |
Morte | 4 de outubro de 1981 (66 anos) Londres, Reino Unido |
Lugar de sepultura | cemiterio de St Pancras e Islington |
Bispo titular | |
2 de xullo de 1960 – Diocese: diocese de Mariamme | |
Datos persoais | |
Relixión | Igrexa católica e Igrexa católica bizantina belarusa |
Educación | Universidade de Vilnius Pontificia Universidade Gregoriana |
Actividade | |
Ocupación | bispo católico (1960–), sacerdote católico (1940–), diácono (1939–), escritor, tradutor |
Consagración | Ivan Buchko |
Descrito pola fonte | Obálky knih, |
Časlaŭ Sipovič[1] (en belaruso Часлаў Сіповіч), nado o 8 de decembro de 1914 en Dziedzinka (hoxe na rexión de Viciebsk, Belarús; entón parte do Imperio Ruso), e finado o 4 de outubro de 1981 en Londres (Reino Unido), foi un bispo da Igrexa católica bizantina belarusa.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos, estudos e sacerdocio
[editar | editar a fonte]Časlaŭ Sipovič naceu o 8 de decembro de 1914 en Dziedzinka, unha pequena vila do noroeste de Belarús, e foi o maior dos oito fillos que tiveron os seus pais, un matrimonio católico. Segundo o seu irmán máis novo, herdou da súa nai o amor pola lingua belarusa.[2]
Manifestou inclinación para o sacerdocio dende moi novo, e en 1928 entrou na escola superior levada por sacerdotes bielorrusos da Congregación dos Padres Marianos na vila de Druja.[2] Nove anos despois, en 1933, deixou os estudos para entrar no noviciado de dita congregación, e logo de facer votos temporais volveu aos estudos. Marchou posteriormente á Universidade de Vilnius para prepararse para o sacerdocio, até que en 1938, nas vacacións de verán, o goberno da Segunda República de Polonia expulsou de Druja aos relixiosos e aos estudantes bielorrusos, por consideralos unha ameaza para o estado.[3] Aos estudantes negóuselles tamén a posibilidade de continuar os seus estudos na Universidade, polo que parte deles marchou a Varsovia, e outra parte a Roma a continuar alí os seus estudos. O mesmo Sipovič foi un deles, e tomou entón a decisión de adoptar o rito bizantino.[4]
En Roma foi ordenado sacerdote o 16 de xuño de 1940[5] por Aleksandr Evreinov, e posteriormente completou os seus estudos de Teoloxía na Pontificia Universidade Gregoriana en 1942, e posteriormente doutorouse no Pontificio Instituto Oriental cunha tese sobre o metropolita de Kíiv Yason Smohozhevskyi.[4][6]
Co gallo da segunda guerra mundial chegaron a Italia moitos refuxiados bielorrusos, entre eles dous sacerdotes: Leŭ Haroška e Piotr Tatarynovič. Os tres acudiron á Santa Sé para explicar as necesidades dos bielorrusos, e foi nomeado o letón Boļeslavs Sloskāns visitador apostólico para os bielorrusos.[7] Posteriormente, os sacerdotes dividíronse: Tatarynovič quedou en Roma, Haroška marchou a Francia e Sipovič marchou a Gran Bretaña.
Gran Bretaña
[editar | editar a fonte]Sipovič chegou a Inglaterra o 9 de abril de 1947, e alí fundou a Asociación de Bielorrusos en Gran Bretaña. Colaborou tamén na publicación da revista de espiritualidade bielorrusa "Božym šliacham" xunto con Haroška.[7] En outubro de 1947 foi estabelecida a Misión Católica Bielorrusa de Rito Bizantino en Inglaterra, e el foi nomeado o seu primeiro reitor; e en 1954 foi un dos fundadores da Sociedade Anglo-Bielorrusa.[8]
Bispo e visitador apostólico
[editar | editar a fonte]En xaneiro de 1960 o bispo Boļeslavs Sloskāns, visitador apostólico para os bielorrusos no exterior, anunciou que por mor da súa saúde non podería seguir a exercer dito cargo, e comunicoulle ao papa Xoán XXIII a necesidade dun bispo bielorruso que lle substituíra.[9] Sipovič foi nomeado bispo titular de Mariamme en xullo de 1960,[5] e consagrado bispo en Múnic o seguinte 4 de agosto polo bispo greco-católico ucraíno Ivan Buchko,[5] visitador apostólico para os fieis ucraínos en Europa Occidental.[9]
O 2 de xullo de 1963, sen deixar os seus encargos anteriores, foi nomeado Superior Xeral da Congregación dos Padres Marianos, cargo que ocupou até a súa renuncia o 28 de xullo de 1969.[5] Participou tamén neses anos no Concilio Vaticano Segundo, onde foi parte da Comisión para os Relixiosos e da Comisión para a Reforma da lexislación canónica oriental. Viaxou arredor do mundo, visitando tanto as casas da súa orde relixiosa como as comunidades bielorrusas na diáspora.[9]
Á súa volta, Sipovič dedicouse á creación da Francis Skaryna Byelorrussian Library and Musseum, que abriu as súas portas en 1971.[10] Foi unha figura senlleira da diáspora bielorrusa no Reino Unido, e membro fundador da Asociación de Bielorrusos en Gran Bretaña. Non últimos dez anos da súa vida a súa saúde empeorou, e tivo que reducir as súas viaxes, dedicando moito tempo a escribir, destacando a súa publicación en 1978 dunha análise da Liturxia Pontifical de San Xoán Crisóstomo en antigo eslavo eclesiástico e latín.[10] Logo da institución da Pontificia Comisión para a Revisión do Código de Dereito Canónico Oriental (Pontificia Commissio Codici Iuris Canonici Orientalis Recognoscendo) por Paulo VI, foi nomeado membro da mesma.[11]
O bispo Sipovič finou o 4 de outubro de 1981, poucos meses despois dunha operación de próstata que se lle complicara seriamente, e momentos despois de celebrar a Divina Liturxia na capela dos santos Pedro e Paulo. Está enterrado no cemiterio de St Pancras e Islington, en Londres.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Tamén Ceslao Sipovic, Ceslaus Sipovich, Ceslaus Sipovitch e Czesław Sipowicz.
- ↑ 2,0 2,1 Nadsan, 1981, p.5.
- ↑ Nadsan, 1981, p.7.
- ↑ 4,0 4,1 Nadsan, 1981, p.8.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 "Bishop Ceslao Sipovic, M.I.C.". Catholic.Hierarchy.org (en inglés). Consultado o 9 de xuño de 1914.
- ↑ Transcrición do nome en lingua ucraína. Tamén citado como Jason (Junosza) Smogorzewski (polaco) e Jason Smaharžeǔski (transcrición do bielorruso).
- ↑ 7,0 7,1 Nadsan, 1981, p.9.
- ↑ Nadsan, 1981, p.10.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 Nadsan, 1981, p.11.
- ↑ 10,0 10,1 Nadsan, 1981, p.12.
- ↑ Pontificia Commissio Codici Iuris Canonici Orientalis Recognoscendo, ed. (1975). "Istituzione e composizione della Commissione" (PDF). Nuntia (Libreria Editrice Vaticana) (1): 11. OCLC 9237479.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Nadsan, Aliaksandr (1981). "Bishop Ceslaus Sipovich (1914-1981)". The Journal of Byelorussian Studies (Londres) V (1). Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 09 de xuño de 2014.
- Надсан, Аляксандр (2004). Біскуп Чэслаў Сіповіч сьвятар і беларус. Minsk. ISBN 9789856425281.
Dignidades da Igrexa católica | ||
---|---|---|
Predecesor: Boļeslavs Sloskāns |
Visitador apostólico dos fieis greco-católicos belarusos no exterior 1960 - 1981 |
Sucesor: Uladzimir Tarasievič |
Predecesor: Stanislavs Škutāns |
Superior Xeral da Congregación dos Padres Marianos 1963 - 1969 |
Sucesor: Józef Sielski |
- Nados en 1914
- Nados na rexión de Viciebsk
- Marianos da Inmaculada Concepción
- Alumnos da Pontificia Universidade Gregoriana
- Alumnos do Pontificio Instituto Oriental
- Historiadores de Belarús
- Bispos católicos de Belarús
- Finados en 1981
- Bispos da Igrexa católica bizantina belarusa
- Alumnos da Universidade de Vilnius
- Relixiosos católicos de Belarús
- Membros da Pontificia Comisión para a Revisión do Código de Dereito Canónico Oriental