[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Darnell Jackson

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Modelo:Xogador da NBA Darnell Edred Jackson, nado o 7 de novembro de 1985 en Oklahoma City, Oklahoma, é un xogador profesional de baloncesto estadounidense que xoga no BC Donetsk de Ucraína, aínda que está inactivo. Mide 2,03 metros de altura e xoga na posición de aleiro.

Traxectoria deportiva

Universidade

Non foi até o noveno grao cando comezou a xogar a baloncesto.[1] Tralo seu paso polo instituto xogou durante catro tempadas cos Jayhawks da Universidade de Kansas, aínda que até o último ano non se fixo cun oco no cinco titular. Na súa primeira tempada tan só fixo 2 puntos e 1,7 rebotes por partido.[2] No seu segundo ano en Kansas subiu a súa achega, xogando algo máis de quince minutos por partido, pero mediada a tempada foi suspendido pola NCAA por nove partidos, tras aceptar diñeiro de Don Davis, un afeccionado dos Jayhawks e amigo da familia, algo completamente prohibido na liga universitaria.[3] Este feito foi só unha parte do mal ano que pasou Jackson, xa que a súa avoa morreu atropelada por un condutor bébedo a principios de 2005. Dende entón, cando anota unha canastra golpéase tres veces no peito simbolicamente, unha pola súa avoa, outra pola súa nai e outra por Don Davis.[4] Unha vez regresou ás canchas, fixo o seu mellor partido ante Iowa State, ao conseguir 13 puntos e 8 rebotes.[5]

Na súa tempada junior foi o terceiro mellor reboteador do equipo, tras promediar facer 5,1 por partido.[1] Conseguiu o primeiro dobre-dobre da súa carreira tras lograr 10 puntos e 10 rebotes ante Oral Roberts no segundo partido da tempada,[6]

Xa na súa tempada senior foi elixido no terceiro mellor quinteto da Big 12 Conference e no mellor quinteto de xogadores máis mellorados.[2] Foi titular nos últimos 35 partidos, sendo o máximo reboteador do equipo con 267 rexeites.[1] Bateu o seu record anotador ante Boston College, ao conseguir 25 puntos, aos que engadiu 9 rebotes e 2 roubos de balón.[7] Acabou a tempada cunha media de 11,2 puntos e 6,7 rebotes por partido. No total da súa andaina como universitario fixo 6,8 puntos e 4,9 rebotes de media.[8]

Profesional

Foi elixido na quincuaxesimosegunda posición do Draft da NBA de 2008 por Miami Heat, mais os seus dereitos foron case inmediatamente traspasados a Cleveland Cavaliers, equipo polo que asinou contrato en setembro de 2008.[9] Previamente disputara a liga de Verán que se celebrou en Las Vegas, onde en 5 partidos fixo 5,8 puntos e 5,4 rebotes en 24,6 minutos de xogo.[10] O 23 de marzo de 2010 foi cortado polos Cavaliers para facer sitio no equipo a Zydrunas Ilgauskas, e logo contratado por Milwaukee Bucks, aínda que permaneceu inactivo. Co comezo da tempada 2010-11 asinou con Sacramento Kings.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas