Mauritshuis
Koninklijk Kabinet van Schilderijen Mauritshuis Mauritshuis | |
---|---|
Logotipo do museo Mauritshuis | |
Coordenadas | 52°4′49″N 4°18′51″L / 52.08028, -4.31417 |
País | Países Baixos |
Cidade | , A Haia |
Director | Emilie E. S. Gordenker |
Construción | 1640 |
Inauguración | 1822 |
Visitantes | 500.476 (2015) 414.239 (2016) |
Na rede | |
https://www.mauritshuis.nl e https://www.mauritshuis.nl/en/ | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
O Mauritshuis (en galego: "Casa de Mauricio"), oficialmente Gabinete Real de Pinturas Mauritshuis (en neerlandés: Koninklijk Kabinet van Schilderijen Mauritshuis), é un museo da cidade da Haia, nos Países Baixos, famoso por albergar varias obras mestras de Rembrandt (como A lección de anatomía) e tres das escasísimas pinturas de Vermeer, entre elas dúas mundialmente coñecidas: A rapaza da perla e Vista de Delft.[1][2]
É un dos museos holandeses máis coñecidos e concorridos; en 2016 tivo 414.239 visitantes e o ano anterior chegou ao medio millón.[3]
O edificio
O edificio atópase no grande estanque coñecido como Hofvijver, moi preto do Binnenhof, un complexo de edificios que acolle, entre outras institucións do Estado, a oficina do Primeiro Ministro e o Parlamento dos Países Baixos. Foi construído en 1640 para o conde Xoán Mauricio de Nassau (que lle dá o nome), daquela gobernador da efémera posesión holandesa en Pernambuco, Brasil.
Os arquitectos do edificio foron Jacob Van Campen e Pieter Post. Foi convertido en museo en 1822 para albergar o Gabinete Real de Pinturas.[4][5]
O Mauritshuis foi un museo de xestión estatal ata a súa privatización en 1995. A fundación creada nese momento fíxose cargo tanto do edificio como da colección, que se entregou nun préstamo a longo prazo. O edificio, no entanto, segue a ser propiedade do Estado, que llo aluga á fundación.
O edificio forma parte da rede de monumentos nacionais dos Países Baixos (Rijksmonument) desde 1967.[6]
Período de clausura (2012-2014)
Entre 2012 e 2014, o museo pechou as súas portas para abordar un ambicioso proxecto de renovación e ampliación, cun custo aproximado de 31 millóns de euros. Durante o período de clausura, unha selección das súas obras exhibiuse noutro museo da cidade, aínda que varias das máis famosas itineraron por varios países co fin de captar fondos.[7]
Os salóns do vello palacio foron renovados respectando a súa ambientación renacentista; empregáronse tecidos de seda francesa para tapizar as paredes. Tamén se restauraron unhas pinturas de Giovanni Antonio Pellegrini que formaban parte da decoración do salón principal. Pero a intervención máis substancial foi a incorporación ao museo dun edificio próximo, que permanecía sen uso; para o sumar ao conxunto museístico construíuse un corredor soterrado que o conecta co palacio orixinal. Este segundo edificio alberga salas de exposicións temporais, así como as oficinas e demais espazos de uso interno. O Mauritshuis xa renovado reabriu as súas portas o 27 de xuño de 2014.[8]
Durante esta clausura temporal por obras de reforma, o museo prestoulle A rapaza da perla a Kobe, cidade xaponesa tristemente famosa polo terremoto que a arrasou en xaneiro de 1995. En 2013, ese cadro de Vermeer e outros de Rembrandt, Frans Hals,Carel Fabritius, etc., viaxaron nunha mostra temporal á colección Frick de Nova York, institución que en 2015 respondeu xenerosamente prestándolle ao Mauritshuis un grupo de 36 obras.[9]
A colección
A colección de pintura que alberga o museo céntrase especialmente na pintura do século XVII (o século de ouro da pintura holandesa), con obras de autores holandeses de sona, como:[10][11]
- Rembrandt van Rijn: Andrómeda (ca. 1629), Lección de anatomía do Dr. Nicolaes Tulp (1632); Susana e os vellos (1636); Saúl e David (1650); Retrato de vello (1667); Autorretrato (1669).
- Johannes Vermeer: Diana e as súas compañeiras (ca. 1655), Vista de Delft (ca. 1660), A rapaza da perla (ca. 1665).
- Jan Steen: A nena doente (ca. 1660-1665); Moisés e a coroa do faraón (ca. 1670); Como canta o vello, o mozo toca a gaita (ca. 1663-1665).
- Paulus Potter: O boi (1647).
- Frans Hals: O neno que ri (ca. 1627).
- Carel Fabritius: O xílgaro (1654).
- Cornelis van Haarlem: A matanza dos inocentes (1590).
- Hendrick Avercamp: Escena sobre o xeo (ca. 1610).
- Jacob van Ruisdael: Vista do castelo de Bentheim (ca. 1650)
- Gerard de Lairesse: Aquiles descuberto entre as fillas de Licomedes (ca. 1685).
Tamén hai obras de:
- Hans Holbein o Novo: Retrato de Jane Seymour (ca. 1540).
- Rogier van der Weyden: A lamentación de Cristo (1460-1464).
- Rubens: Vella e neno con candeas (ca. 1616).
- Jacob Jordaens: A adoración dos pastores (ca.1617).
- Andy Warhol: Retrato da raíña Beatriz de Holanda (1985).
Galería de obras salientables
-
Frans Hals, O neno que ri (ca. 1627).
-
Frans Hals, Retrato de Jacob Olycan (1625).
-
Paulus Potter, O boi (1647).
-
Jacob Jordaens, A adoración dos pastores (ca.1617).
-
Hendrick Avercamp, Escena sobre o xeo (ca. 1610).
-
Carel Fabritius, O xílgaro (1654).
-
Hans Holbein o Novo, Retrato de Jane Seymour (ca. 1540).
-
Cornelis van Haarlem, A matanza dos inocentes (1590).
Notas
- ↑ "Mauritshuis". En Encyclopaedia Britannica (en inglés)
- ↑ "Mauritshuis. Het koninklijk kabinet van schilderijen". En DenHag.nl (en neerlandés)
- ↑ "Opening year attracts a record numer of visitors". No sitio web oficil do Mauritshuis (en inglés)
- ↑ "Mauritshuis. The Building". No sitio web oficial do Mauritshuis (en inglés)
- ↑ "History of the building". No sitio web oficial do Mauritshuis (en inglés)
- ↑ Ficha do Mauritshuis na listaxe de Rijksmonument (en neerlandés)
- ↑ "Highlights Mauritshuis. In Gemeentemuseum The Hague Arquivado 08 de novembro de 2016 en Wayback Machine.". En Gemeentemusum ( en inglés)
- ↑ Abergel, M. "Pays-Bas : le musée du Mauritshuis rouvre le 27 juin". En Le Quotidien du Tourisme. 11 de xuño de 2014 (en francés)
- ↑ "Mauritshuis wordt nooit een hal". En De Volkshrant (en neerlandés)
- ↑ Launet, E. "Les tableaux à plumes du Mauritsuis Arquivado 25 de outubro de 2020 en Wayback Machine.". En Libération. 26 de outubro de 2014 (en francés)
- ↑ "History of the collection". No sitio web oficial do Mauritshuis (en inglés)
Véxase tamén
Ligazóns externas
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Mauritshuis |