Lei 11/1988, do 3 de maio
Lei 11/1988, do 3 de maio, de protección xurídica das topografías dos produtos semicondutores.
Don Juan Carlos I, Rei de España.
A tódolos que a presente viren e entenderen, sabede:
Que as Cortes Xerais aprobaron e Eu veño en sancionar a seguinte Lei:
O papel que os produtos semicondutores desempeñan no mundo é de maior importancia cada día, non só no campo da industria electrónica mesma, senón en toda unha amplia gama de sectores industriais. O que sectores como o do automóbil, telefonía, comunicacións, o de fabricación de equipos militares, o de máquinas recreativas, os programas espaciais, etc., dependan cada vez máis desta tecnoloxía, lévanos a acepta-lo feito de que a nosa vida diaria está íntimamente ligada ó seu desenvolvemento.
As funcións dos produtos semicondutores dependen en grande medida das súas topografías. A estrutura e disposición dos elementos, así como das distintas capas que compoñen o circuito integrado, o que en definitiva constitúe a súa topografía, son resultado directo do deseño e representan unha parte importante do esforzo creativo, esixindo a súa concepción considerables recursos humanos, técnicos e financeiros.
Como consecuencia do proceso necesario, o coste do deseño resulta ser moi elevado, ó requeri-lo deseño do circuito funcional, o de cada elemento individual do circuito, o da súa disposición xeométrica e o das interconexións. Sen embargo, unha vez realizado o deseño, o coste de fabricación non é elevado.
Se concebir e deseñar un circuito integrado é costoso e difícil, o copialo é, pola contra, relativamente doado e o seu costo moi inferior ó necesario para o seu desenvolvemento.
Por iso considérase necesario establecer, en aras da innovación tecnolóxica, a protección dos creadores das topografías dos produtos semicondutores, de maneira que poidan amortiza-las súas inversións mediante a concesión de dereitos exclusivos.
Por outra parte, o Consello da Comunidade Económica Europea, en base ás anteriores consideracións, adoptou a Directiva 87/54/CEE, do 16 de decembro de 1986, sobre a protección xurídica das topografías dos produtos semicondutores, en cuio artigo 11 se establece que os Estados membros adoptarán as medidas necesarias para a súa proteción mediante a concesión de dereitos exclusivos.
- Artigo 1 Definicións
Ós efectos da presente Lei, entenderase por:
1. Produto semiconductor, a forma final ou intermedia de calquera produto:
a) Constituido por un sustrato que inclua unha capa de material semiconductor.
b) Que teña unha ou máis capas suplementarias de materiais condutores, aislantes ou semicondutores, dispostas en función dunha estrutura tridimensional predeterminada, e
c) Destinado a desempeñar, exclusivamente ou xunto con outras funcións, unha función electrónica.
2. Topografía dun produto semiconductor, unha serie de imaxes interconectadas, sexa cal fose a maneira en que estean fixadas ou codificadas:
a) Que representen a estrutura tridimensional das capas que compoñen o produto semicondutor.
b) Na cal cada imaxe teña a estrutura ou parte da estrutura dunha das superficies do produto semicondutor en calquera das súas fases de fabricación.
3. Explotación comercial, a venda, o aluguer, o arrendamento financeiro ou calquera outro método de distribución comercial, ou unha oferta con ditos fins.
Ós efectos da anterior definición, non se incluirá a explotación que se realice en condicións de confidencialidade, sempre que non se produza distribución a terceiros. Non obstante, si se incluirá a explotación que se realice en condicións de confidencialidade cando estas veñan esixidas por razóns de seguridade en relación a aplicacións militares.
- Artigo 2 Requisitos de protección
1. Protexeranse as topografías dos produtos semicondutores mediante a concesión de dereitos exclusivos, conforme ó establecido na presente Lei.
2. A topografía dun produto semicondutor será obxeto de protección na medida en que sexa o resultado do esforzo intelectual do seu creador e non sexa un produto corrente na industria de semicondutores. Cando a topografía dun produto semicondutor esté constituida por elementos correntes na industria de semicondutores, estará protexida só na medida en que a combinación de tales elementos, como conxunto, cumpra os requisitos mencionados.
- Artigo 3 Dereito á protección
1. O dereito á protección pertence ás persoas que sexan creadoras das topografías de produtos semicondutores, sen prexuízo do disposto nos apartados seguintes:
2.
a) O dereito á protección das topografías de produtos semicondutores, creadas polo traballador durante a vixencia do seu contrato ou relación de traballo ca empresa, rexirase polo establecido no Título IV, Invencións laborais, da Lei 11/1986, do 20 de marzo, de Patentes.
b) O dereito á protección das topografías de produtos semicondutores, creadas en virtude dun contrato non laboral, corresponderá á parte contractual que encargase a topografía, salvo que o contrato estipule o contrario.
3.
a) Beneficiaranse da protección da presente Lei, as persoas naturais mencionadas nos parágrafos 1 e 2 que teñan a nacionalidade dun Estado membro da Comunidade Europea ou que residan habitualmente no territorio dun estado membro, así como as persoas xurídicas mencionadas no parágrafo 2 que teñan un establecemento industrial ou comercial real e efectivo no territorio dun Estado membro da Comunidade Económica Europea.
b) Beneficiaranse igualmente da protección da presente Lei, as persoas naturais ou xurídicas que respondan ás condicións establecidas no apartado a) do parágrafo 3 deste artículo, que sexan as primeiras en explotar comercialmente nun Estado membro unha topografía que todavía non fose explotada comercialmente en ningún outro lugar e que recibisen, da persoa con dereito a dispor da topografía, a autorización para explotala comercialmente de forma exclusiva en toda a Comunidade.
4. O dereito á protección aplicarase, asimesmo, en favor dos causahabentes das persoas mencionadas nos parágrafos anteriores.
- Artigo 4 Rexistro
1. Para que a topografía dun produto semicondutor se beneficie dos dereitos exclusivos, concedidos con arranxo ó artigo 2, deberá presentarse unha solicitude de rexistro ante o Rexistro da Propiedade Industrial. Regulamentariamente establecerase a forma e condicións da solicitude de rexistro, da tramitación e resolución da mesma, así como da publicación do acordo de rexistro, no seu caso.
A solicitude de rexistro poderá presentarse igualmente nas Direccións Provinciais do Ministerio de Industria e Enerxía, salvo que a competencia para a execución en materia de propiedade industrial corresponda á Comunidade Autónoma, cuios órganos serán, neste caso, os competentes para recibi-la documentación. Nestes supostos, a unidade administrativa que recibise a solicitude fará constar, mediante dilixencia, o día, a hora e o minuto da súa presentación e a remitirán ó Rexistro da Propiedade Industrial.
Tanto a solicitude de rexistro como os restantes documentos que deban presentarse no Rexistro da Propiedade Industrial deberán estar redactados en castelán. Nas Comunidades Autónomas onde exista tamén outra língua oficial, ditos documentos poderán redactarse en dita língua, debendo ir acompañados da correspondente traducción en castelán, que se considerara auténtica en caso de dúbidas entre ambas.
Esta solicitude poderá presentarse antes de comenza-la explotación comercial ou nun prazo máximo de dous anos, contados a partir da data do comezo de dita explotación. Ca solicitude de rexistro deberá depositarse o material que identifique ou que represente a topografía, ou unha combinación de ditos elementos, así como unha declaración en documento público referente á data da primeira explotación comercial da topografía, cando dita data sexa anterior á data de solicitude de rexistro.
2. O material depositado con arranxo ó apartado anterior non será accesible ó público cando constitúa un secreto comercial. Non obstante, iso non afectará á revelación de dito material, como consecuencia de resolución xudicial ou doutras autoridades competentes, a quenes sexan parte dun litixio respecto da validez ou violación dos dereitos exclusivos mencionados no artigo 2.
3. Toda transferencia de dereitos exclusivos sobre as topografías de produtos semicondutores só surtirá efectos frente a terceiros de bona fe, se fose inscrita no Rexistro da Propiedade Industrial.
4. As persoas con dereito á protección das topografías de produtos semicondutores, en virtude do previsto na presente lei, que poidan demostrar que un terceiro solicitou e obtivo o rexistro dunha topografía sen autorización, poderán reivindicar ante os tribunais a titularidade da topografía, sen prexuízo de calesquera outros dereitos ou accións que poidan corresponderlle. A acción reivindicatoria só se poderá exercitar nun prazo de dous anos, contados dende a data de publicación do rexistro da topografía do produto semicondutor.
- Artigo 5 Contido dos dereitos exclusivos
1. Os dereitos exclusivos contemplados no artigo 2 incluen os de autorizar ou prohibir os seguintes actos:
a) A reproducción dunha topografía na medida en que esté protexida en virtude do parágrafo 2 do artigo 2, salvo a reproducción a título privado con fins non comerciais.
b) A explotación comercial ou a importación con tal fin dunha topografía ou dun produto semicondutor en cuia fabricación se empregase a topografía.
2. Os dereitos exclusivos contemplados no parágrafo 1 non se aplicarán ás reproduccións con fins de análise, evaluación ou ensinanza dos conceptos, procedementos, sistemas ou técnicas incorporados na topografía, ou da propia topografía.
3. Os dereitos exclusivos contemplados no parágrafo 1 non se extenderán ós actos relativos a unha topografía que cumpra os requisitos do apartado 2 do artigo 2 e cuia creación esté baseada no análise e a evaluación doutra topografía efectuados con arranxo ó apartado 2 do presente artigo.
4. Os dereitos exclusivos de autorización ou prohibición dos actos mencionados no apartado b) do parágrafo 1 do presente artigo non serán aplicables ós actos realizados en España con relación ás topografías ou produtos semicondutores que fosen comercializados nun Estado membro da Comunidade Económica Europea polo titular dos dereitos exclusivos ou co seu consentimento.
5. Non se poderá impedir a unha persoa a explotación comercial dun produto semicondutor, sempre e cando no momento de adquiri-lo produto non saiba ou careza de motivos fundados para pensar que o mesmo está protexido por un dereito exclusivo, concedido de acordo co previsto na presente lei.
Non obstante o anterior, no que se refire ós actos realizados despois de que a persoa saiba ou teña motivos fundados para pensar que o produto semicondutor está amparado por tal protección, o titular do dereito poderá esixir ante os tribunais o pago dunha remuneración adecuada.
6. O disposto no apartado anterior aplicarase, asimesmo, ós causahabentes da persoa mencionada no primeiro inciso de dito parágrafo.
- Artigo 6 Licenzas obrigatorias
Os dereitos exclusivos contemplados no artigo 2 poderán ser sometidos a licenzas obrigatorias cando existan motivos de interese pública que o aconsellen. A tales efectos, serán de aplicación os artigos 90, 100, 101 e 102 da Lei 11/1986, do 20 de marzo, de Patentes.
- Artigo 7 Duración da protección
1. Os dereitos exclusivos contemplados no artigo 2 nacerán na primeira no tempo, das datas seguintes:
a) Na que a topografía fose obxecto de explotación comercial por primeira vez en calquera lugar do mundo.
b) Na que se presentase a solicitude de rexistro en debida forma.
2. Os dereitos exclusivos expirarán transcorridos dez anos, contados a partir da primeira no tempo das seguintes datas:
a) A fin do ano no que a topografía fose obxecto de explotación comercial por primeira vez en calquera lugar do mundo.
b) A fin do ano no que se presentase a solicitude de rexistro en debida forma.
Non obstante, quedará sen efecto todo rexistro relativo a unha topografía que non fose obxecto de explotación comercial en ningún lugar do mundo no prazo de quince anos, contados a partir da data da súa primeira fixación ou codificación.
- Artigo 8 Accións por violación dos dereitos exclusivos
1. O titular dunha topografía en virtude da presente lei poderá exercitar ante os órganos da xurisdición ordinaria as accións civís e as medidas previstas no Título VII da Lei 11/1986, do 20 de marzo, de Patentes.
2. A persoa que, tendo dereito á protección en virtude do artigo 3, poida probar que un terceiro fraudulentamente reproduciu ou explotou comercialmente ou importou con tal fin unha topografía creada por ela, no período comprendido entre a súa primeira fixación ou codificación e o nacemento dos dereitos exclusivos conforme ó apartado 1 do artigo 7, poderá exercitar ante os tribunais a correspondente acción por competencia desleal.
- Artigo 9 Extensión da protección
A protección concedida ás topografías de produtos semicondutores, contemplada no artigo 2, só se aplicará á topografía propiamente dita con exclusión de calquera outro concepto, procedemento, sistema, técnica ou información codificada incorporados en dita topografía.
- Artigo 10 Sinal indicativa de protección
Os produtos semicondutores manufacturados sobre a base de topografías protexidas, de acordo co previsto na presente lei, poderán levar de maneira visible e para informar da existenza desta protección, unha indicación consistente nunha T maiúscula pechada dentro dun círculo.
- Artigo 11 Mantemento doutras disposicións lexislativas
As disposicións da presente lei serán aplicables sen prexuízo dos dereitos que recoñecen as vixentes disposicións lexislativas sobre patentes e modelos de utilidade.
Disposicións adicionais
editar- Primeira.
Crease a tasa por servizos prestados polo Rexistro da Propiedade Industrial en materia de protección xurídica das topografías dos produtos semicondutores á que serán de aplicación as seguintes regras:
1. Normas reguladoras. A tasa rexirase polo establecido na presente lei e, no seu defecto, pola Lei 230/1963, do 28 de decembro, Xeral Tributaria; pola Lei de Tasas e Exaccións Parafiscais, do 26 de decembro de 1958, e pola Lei 17/1975, do 2 de maio, sobre creación do Organismo autónomo Rexistro da Propiedade Industrial.
2. Feito imponible. A tasa gravará:
a) A solicitude de rexistro das topografías dos produtos semicondutores.
b) O deposito do material que identifique ou que represente a topografía o unha combinación de ditos elementos.
c) A inscrición de transferenzas de dereitos exclusivos sobre as topografías de produtos semicondutores.
3. Suxeitos pasivos. Serán suxeitos pasivos do pago da tasa os solicitantes do rexistro de topografías, ou do deposito do material ou da inscrición de transferenzas.
4. Cuotas. A tasa esixirase con arranxo á seguinte tarifa:
a) Tasa por solicitude de rexistro: 6.050 pesetas.
b) Tasa por deposito de material: 4.000 pesetas.
c) Tasa por inscrición de transferenzas. Por cada rexistro: 1.200 pesetas.
5. Devengo. A obrigación de contribuir nacerá no momento de solicitarse o rexistro ou a inscrición da transferenza ou ó realizarse o depósito do material.
6. Afectación. A tasa quedará afectada ó Rexistro da Propiedade Industrial, debendo integrarse no seu presuposto de ingresos o importe que se obteña da súa recadación.
7. Xestión. Baixo a dirección e control do Ministerio de Economía e Facenda, a xestión da tasa estará a cargo do Rexistro da Propiedade Industrial, quedando autorizada a autoliquidación da mesma.
8. Modificación. As leis de presupostos xerais do Estado poderán modifica-las cuotas establecidas na tarifa para adaptalas á variación que experimente o coste dos servizos que retribúe ou a coiuntura económico-social.
- Segunda.
A Ley de Procedemento Administrativo aplicarase supletoriamente ós actos administrativos regulados na presente Lei, que poderán ser recorridos na orde contencioso-administrativa, de conformidade co disposto na súa Lei de Xurisdición Contencioso-Administrativa.
Disposicións derradeiras
editar- Primeira.
Autorízase ó Goberno para dicta-las medidas e disposicións que resulten precisas para o desenvolvemento e aplicación do disposto na presente Lei.
- Segunda.
Autorízase ó Goberno para modifica-las definicións dos puntos a) e b) do parágrafo 1 do artigo 1, cando estas sexan revisadas polos órganos das Comunidades Europeas, ca fin de adapta-las definicións ó progreso técnico.
- Terceira.
Autorízase ó Goberno para modifica-lo artigo 3.3, ca fin de amplia-lo dereito á protección a persoas orixinarias de terceiros países ou territorios, que non se beneficien da protección, cando así se estableza polos órganos das Comunidades Europeas.
Asimesmo, o Goberno poderá amplia-la protección a persoas que non se atopen incluidas no apartado anterior, mediante a celebración do correspondente acordo co Estado do cal sexan orixinarias, seguindo o procedemento previsto no artigo 3, apartados 6 a 8 da Directiva 87/54/CEE, do 16 de decembro de 1986.
- Cuarta.
A presente Lei entrará en vigor ós catro meses da súa publicación no «Boletín Oficial del Estado».
Por tanto,
mando a tódolos españois, particulares e autoridades que garden e fagan gardar esta Lei.
Palacio da Zarzuela, Madrid, a 3 de maio de 1988.
- Juan Carlos R. -
O Presidente do Goberno,
Ver tamén
editar- Real Decreto 1465/1988, do 2 de decembro (aproba o regulamento de aplicación da Lei)
- Real Decreto 855/1989, do 7 de xullo
- Real Decreto 1369/1992, do 13 de novembro
- Real Decreto 1370/1992, do 13 de novembro
- Real Decreto 2068/1993, do 26 de novembro
- Orde do 24 de xullo de 1995 do Ministerio de Industria e Enerxía
- Orde do 2 de novembro de 1995 do Ministerio de Industria e Enerxía
- Real Decreto 149/1996, do 2 de febreiro
- Orde do 20 de febreiro de 1997 do Ministerio de Industria e Enerxía