Xigantes (mitoloxía grega)
Na mitoloxía grega e romana, os xigantes (en grego: Γίγαντες, Gígantes, en singular: Γίγας, Gígas) foron unha raza fantástica de gran forza e agresividade. Protagonizaron a Xigantomaquia, a batalla que tiveron contra os deuses olímpicos.[2] Segundo Hesíodo, os xigantes eran descendentes de Xea (a Terra), nados do sangue que caeu cando Urano (o Ceo) foi castrado polo seu fillo, o titán Cronos [3].
"Pois cantas gotas de sangue desprenderon, recolleunas todas Xea e, transcorrido o tempo, deu a luz ás poderosas Erinias, ós grandes Xigantes, resplandecentes co brillo das súas armas, con longas lanzas nas súas mans, e ás Ninfas que chaman Melias na inmensa terra" [4].(Hesíodo: Teogonía 183-188)
Xea enxendrou ós Xigantes para vingar ós Titáns, tamén fillos seus, que foran encerrados no Tártaro por Zeus trala Titanomaquia.
O número de Xigantes estímase en 24 [5], aínda que os diferentes mitógrafos discordan nas cifras que dan. Tampouco coinciden os nomes que proporcionan. Pseudo-Apolodoro só menciona 13 nomes pero engade que había máis: "ó resto exterminouno Zeus fulminándoos cos raios" [6]. Hixino dá unha lista de 23, entre os que inclúe algúns que nada teñen que ver cos xigantes do mito, a outros están marcados como dubidosos [7].
Cómpre advertir que hai moitos máis personaxes mitolóxicos descritos como xigantes (por exemplo, Xerión, Tifón ou Atreo). Grimal atribúe a adición destes xigantes, propia de tradicións máis modernas, a unha inclusión abusiva dos mitógrafos de seres xigantescos, de gran forza, ou mesmo monstruosos, pero que non pertencen á raza dos Xigantes fillos de Xea e do sangue de Urano [8].
Nómina dos Xigantes
editarNon será ata o Período helenístico que comeza a darse nome ós diferentes Xigantes e identificar a cada deus co que se enfrontou cada Xigante[9]:
- Agrio, ó que mataron as Moiras.
- Alcioneo, morto por Heracles. Era o máis forte dos Xigantes.
- Clitio, queimado polas teas de Hécate.
- Efialtes, morto polas frechas de Apolo e Heracles, coas que lle atravesaron os ollos.
- Encélado, enterrado por Atenea baixo o monte Etna.
- Éurito, morto por Dioniso a golpes do seu tirso.
- Gratión, morto por Artemisa.
- Hipólito, morto por Hermes.
- Mimas (ou Mimante), morto por Hefesto, que o sepultou baixo ferro fundido, ou por Ares.
- Palas (ou Palante), morto por Atenea, que logo se protexeu coa súa pel como escudo.
- Polibotes, sepultado por Poseidón baixo un fragmento da illa de Cos ou de Nisiro que lle botou enriba.
- Porfirión (ou Porfirio), morto pola acción conxunta de Zeus e de Heracles, tras intentar violar a Hera, esposa de Zeus.
- Toante, tamén morto polas Moiras.
Orixe
editarO nome "xigantes" está asociado normalmente con "nados da terra"[10], e a Teogonía de Hesíodo explicítao ó describir que os xigantes son os descendentes de Xea (a Terra). De acordo con Hesíodo, Xea, muller de Urano, tivo moitos fillos: unha primeira xeración de titáns, os ciclopes e os hecatonquiros [11].
Mais Urano odiaba os seus fillos, e tan axiña como nacían, encerrábaos dentro de Xea, causándolle a ela moita anguria. E entón Xea fixo unha fouce de aceiro e deulla a Cronos, o máis novo dos seus fillos titáns, e agochouno (presumiblemente aínda dentro do cuerpo de Xea) para agardar por unha emboscada.[12]
Cando Urano quixo xacer con Xea, Cronos castrou ó seu pai, e as pingas de sangue que caeron recibiunas Xea, que deu a luz ós xigantes. Os xenitais de Urano -que Cronos lanzou ó mar- crearon unha escuma branca da cal xurdiu Afrodita.
O mitógrafo Pseudo-Apolodoro di que os xigantes proveñen da unión de Xea e Urano, e non fai ningunha conexión coa castración de Urano, dicindo sinxelamente que Xea "irritada polo acontecido ós titáns, enxendra con Urano os xigantes" [13].
O lugar do seu nacemento e escenario da guerra foi Flegras, na península de Palene, a máis occidental das tres que compoñen a Calcídica (Macedonia). Timeo di que a guerra tivo lugar no sur de Italia, de onde lles vén a relación popular cos volcáns desta zona.
Descrición
editar- Artigo principal: Xigantomaquia.
Os Xigantes eran enormes criaturas [14], de aspecto terrorífico e inmensa forza, con longas barbas e mesto cabelo; tiñan colas de serpes no canto de pernas. Da súa forza dá proba o feito de que comezasen a guerra contra Zeus lanzando ó Olimpo rochas como montañas e árbores ardendo[15].
Dicíase que os Xigantes vencidos foron enterrados baixo volcáns e que eran a causa de erupcións volcánicas e terremotos, como manifestación do seu enfado pola súa reclusión eterna.
Notas
editar- ↑ Beazley Archive 204546; Cook, Plate III, A.
- ↑ Hansen, pp. 177–179; Gantz, pp. 445–454. Para o seu tamaño véxase: Hansen p. 177: "Hesíodo descríbeos como "grandes," referíndose quizais á súa estatura, mais os xigantes non son sempre representados como enormes. Malia que a palabra xigantes deriva deriva do grego Gigantes, os trazos máis persistentes dos xigantes son a forza e a agresión."
- ↑ Hesíodo: Teogonía 185. Hixino sinala a Tártaro como pai dos xigantes (Fábulas, prólogo 4). Un paralelismo do nacemento dos xigantes é o nacemento de Afrodita do mar igualmente fertilizado polos xenitais de Urano.
- ↑ As Melias ou Melíades eran as chamadas ninfas dos freixos, que naceron como os Xigantes e as Erinias, das gotas de sangue de Urano.
- ↑ Graves, px. 147.
- ↑ Pseudo-Apolodoro I, 6, 2.
- ↑ Fábulas, prólogo 4.
- ↑ Grimal, s.v. gigantes.
- ↑ Apolodoro I, 6, 2.
- ↑ Hard, p. 86; Gantz, p. 16; Merry, Homer's Odyssey 7.59; Douglas Harper menciona tamén unha posible orixe pregrega ("giant". Online Etymology Dictionary).
- ↑ Hesíodo: Teogonía 133-154.
- ↑ Hesíodo, Teogonía 154–175; Gantz, p. 10.
- ↑ Pseudo-Apolodoro I, 6, 1.
- ↑ "Altos e terribles" (Graves, px. 147); "Insuperables pola magnitude dos seus corpos e invencibles pola súa potencia física" (Pseudo-Apolodoro I, 6, 1).
- ↑ Pseudo-Apolodoro especifica que se trataba de aciñeiras (Biblioteca mitológica I, 6, 1).
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Xigantes |
A Galipedia ten un portal sobre: Grecia antiga |
Bibliografía
editar- ELVIRA BARBA: Miguel Ángel: Arte y mito. Manual de iconografía clásica. Sílex, 3ª ed. 2017.
- Gantz, Timothy, Early Greek Myth: A Guide to Literary and Artistic Sources, Johns Hopkins University Press, 1996, Two volumes: ISBN 978-0-8018-5360-9 (Vol. 1), ISBN 978-0-8018-5362-3 (Vol. 2).
- Graves, Robert (2019). Los mitos griegos. Gredos. ISBN 9788424999940. (en castelán)
- Grimal, Pierre (1981). Diccionario de mitología griega y romana. Paidós. ISBN 9788449324574. (en castelán)
- Hansen, William, Handbook of Classical Mythology, ABC-CLIO, 2004. ISBN 978-1576072264.
- Hard, Robin, The Routledge Handbook of Greek Mythology: Based on H.J. Rose's "Handbook of Greek Mythology", Psychology Press, 2004, ISBN 9780415186360.
- HESÍODO: Teogonía. Trabajos y días. Escudo. Certamen, Alianza Editorial, 3ª ed., 2013 [a numeración segue a utilizada neste texto].
- Hesíodo, Teogonía, en The Homeric Hymns and Homerica with an English Translation by Hugh G. Evelyn-White, Cambridge, Massachusetts.,Harvard University Press; Londres, William Heinemann Ltd. 1914. Online version at the Perseus Digital Library.
- Pseudo-Apolodoro (2016). Biblioteca mitológica. Alianza Editorial. ISBN 9788491044277. (en castelán)