Sintaxe
A sintaxe (do latín syntaxis, e este do grego σύνταξις, de συντάσσειν 'coordinar') é unha subdisciplina da lingüística. É a parte da gramática que se encarga de estudar as regras que gobernan a forma en que as palabras se organizan en sintagmas e, á súa vez, estes sintagmas en oracións, así como de estudar a función que cumpren os elementos dentro de cada unidade.
A escola sistémico funcional inclúe nas súas análises sintácticas o modo en que as oracións se organizan en estruturas de texto. Crese que o pai da disciplina foi Apolonio Díscolo, cuxa obra Sintaxe é un clásico da materia.
A escola do xenerativismo, tamén chamada transformacional centra os seus estudos na sintaxe, co fin de poder chegar a entender elementos do que eles chaman Gramática Universal.
Existen diversos modos de realizar análises sintácticas, mediante corchetes, mediante diagramas arbóreos etc. Ditas análises mostran tres tipos distintos de información sobre a oración que representan:
- A orde lineal de aparición das palabras na oración (aínda que isto non é así en tódalas escolas).
- A agrupación de palabras dentro de categorías sintácticas.
- A estrutura xerárquica mediante a que se organizan os constituíntes, a cal se explica coa Teoría do X' (X-barra).
A sintaxe e a morfoloxía
editarA sintaxe aparece desde un comezo vencellada coa lóxica, pois a proposición ou a oración son expresións de xuízos lóxicos; mais tamén coa morfoloxía. Ata comezos do século XX, non se observou a pertinencia de realizar a distinción entre estas dúas disciplinas lingüísticas. Louis Hjelmslev considera a morfoloxía como a teoría das designacións e a sintaxe como a teoría das relacións mutuas dos signos permutables dentro do texto.
No que concirne á fronteira entre morfoloxía e sintaxe, os lingüistas están moi divididos. Uns, como Frei ou Buyssens, afirman que a morfoloxía é un aspecto da sintaxe. Holt entende que a morfoloxía é o estudo das formas como función, e que a sintaxe é o estudo das maneiras de manifestación das formas funcionais.
Togeby fai unha división tripartita: morfosintaxe, morfoloxía e sintaxe. A morfosintaxe estudaría elementos sistemáticos (usos, empregos, funcións dos morfemas) e sintagmas. A morfoloxía, dedicada ó eixo paradigmático, limitaríase ó sistema morfolóxico, prescindindo da función. A sintaxe, estudaría a progresión do texto: orde e relacións sintagmáticas mutuas, ou combinación de morfemas
Coseriu considera a sintaxe a combinación das palabras na frase. Os problemas de que se ocupa a sintaxe refírense á orde de palabras, ós fenómenos de rección (concordancia ou réxime) —é dicir, á maneira que teñen certas palabras de impor a outras variacións de caso, número, xénero— e a partir do século XVIII, ás principais funcións que as palabras poden cumprir na frase.
Nesta apreciación que Coseriu realiza sobre a sintaxe botamos en falta os niveis superiores: a cláusula, a oración e o enunciado. Parece máis adecuado hoxe en día —de estarmos de acordo con manter a distinción— indicar que o obxecto da sintaxe é a relación sintagmática (incluído tamén neste concepto a rección no sentido de Hjelmslev) das palabras e dos niveis superiores á palabra: frase, cláusula, oración e enunciado.
Para a lingüística estrutural, segundo Marcos Marín, a distinción non ten interese; propón, en cambio, diferenciar dous planos: o da expresión e o do contido, e dous eixos, o sintagmático e o paradigmático.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Freixeiro Mato, X. R. (2000): Gramática da lingua galega. II. Morfosintaxe. Vigo: A Nosa Terra.
- Sintaxe da lingua galega en galilibros.
Ligazóns externas
editar- Soledad Valera Ortega (1999): "Sobre las relaciones de la morfología con la sintaxis", artigo na Revista Española de Lingüística.