[go: up one dir, main page]

Racionalismo

Corrente filosófica que concede primacía á razón, en contraste co empirismo

O racionalismo (do latín ratio, razón) é unha corrente filosófica que concede primacía absoluta á razón humana na adquisición de coñecemento, en contraste co empirismo, que resalta o papel da experiencia, en especial o sentido da percepción.

A distinción entre racionalismo e empirismo é unha subdivisión posterior dos historiadores, pero nun principio ambos conceptos estaban incluídos no termo 'racionalismo'. Comprende todo o século XVII e é un largo e intenso epígono metafísico aos grandes progresos da ciencia do Renacemento. Nel, a filosofía adopta o paradigma matemático da xeometría e o paradigma experimental da física, opoñéndose tanto ao escepticismo pirrónico coma ao formalismo escolástico.

O racionalismo epistemolóxico aplicouse a outros campos da investigación filosófica.

Na ética, o racionalismo é a afirmación de que certas ideas morais primarias son innatas na especie humana, e que tales principios morais son evidentes en si á facultade racional.

Dentro da filosofía da relixión, o racionalismo afirma que os principios fundamentais da relixión son innatos ou evidentes en si e que a revelación non é precisa, coma no deísmo. Dende finais do século XVIII, o racionalismo xogou na teoloxía un papel fundamentalmente antirrelixioso.

O racionalismo apareceu de distintos xeitos dende as primeiras etapas da filosofía occidental, mais identifícase ante todo coa tradición procedente do filósofo e científico francés do século XVII René Descartes. O filósofo pensaba que a xeometría representaba o ideal de todas as ciencias e tamén da filosofía. Mantiña que certas verdades universais, evidentes en si, só podían ser descubertas por medio da razón, e que delas é posible deducir o resto de contidos da filosofía e máis das ciencias. Manifestaba que estas verdades "evidentes en si" eran innatas, non derivadas da experiencia.

Este tipo de racionalismo foi desenvolto por outros filósofos europeos, coma o francés Baruch Spinoza e o pensador e matemático alemán Gottfried Wilhelm Leibniz. Opuxéronse a el os empiristas británicos, coma John Locke e David Hume, que pensaban que todas as ideas proviñan dos sentidos.

Principais características

editar

As principais características desta corrente filosófica son:

  • Confianza no poder da razón.
  • Postulación das ideas innatas. Crenza de que os seres humanos nacemos xa con certas ideas.
  • Utilización do método lóxico-matemático para explicar os razoamentos e do empírico para confirmalos se é posible.
  • Recuperación de doutrinas clásicas, tales como o atomismo, o fatalismo e o platonismo gnoseolóxico.
  • Crítica e revisionismo escolástico. Crítica dos principios Igrexa.
  • Mecanicismo do universo.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar