Ramón Esturao Calvo
Ramón Esturao Calvo, nado en Vidaloíso (Brión) o 31 de decembro de 1909 e finado en Guadalaxara (México) en 2002, foi un militar e político galego.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 31 de decembro de 1909 Vidaloíso, España |
Morte | 2002 (92/93 anos) Guadalaxara, México |
Actividade | |
Ocupación | militar, político |
Traxectoria
editarFixo o Bacharelato en Santiago de Compostela e iniciou a carreira de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. Na Segunda República ingresou en Izquierda Republicana, pero marchou a Vanguardia de Izquierda Republicana co seu amigo Xoán Xesús González en 1933.[1]
Cando estalou o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 incorporouse a un rexemento de artillaría, e logrou fuxir embarcando na Coruña no barco inglés Orbita o 21 de setembro rumbo á Habana. En Cuba ocupouse de actividades de propaganda na embaixada española da Habana. Ao ano seguinte regresou ao campo republicano vía Francia. Alistouse nunha brigada da 11ª División e participou na ofensiva de Aragón co grao de tenente. Estivo na defensa de Teruel e foille encomendada a organización do V Corpo do Exército en Cataluña. Ascendeu por méritos de guerra chegando a ser capitán no exército da República e comandante do V Rexemento. Foi capitán do Batallón Galego do V Rexemento de Enrique Líster. Coa caída da fronte de Cataluña pasou a Francia en febreiro de 1939 e foi internado na prisión de Montpellier e máis tarde no campo de refuxio nº 3 de Agde. Exiliouse en México embarcando no buque Ipanema que chegou a Veracruz o 7 de xullo de 1939.[2] Levouse ao exilio a bandeira galega coa que combateran as milicias, e despois entregouna ao Museo Carlos Maside.
En México creou, xunto con outros xefes e oficiais exiliados, a Asociación de Militares Leales a la República, que presidiu durante tres anos. Estivo vencellado ao Padroado da Cultura Galega de México e á revista Vieiros, e foi amigo persoal de Luís Soto, Carlos Velo, Florencio Delgado Gurriarán e Arturo Souto. Traballou como vendedor de libros, dirixiu a produción dunha industria de mosaicos, foi xerente da fábrica Celmex de fabricación de cubertos, pero dedicouse, sobre todo, á venda de equipos de oficina chegando a representar en nove estados á empresa de computadoras electrónicas UNIVAC de Sperry Rand Cop.
Vida persoal
editarCasou con Adelina Santaló Cortina, filla de Miquel Santaló Parvorell, refuxiado político catalán, coa que tivo dous fillos.
Notas
editar- ↑ Tojo Ramallo, José Antonio (1990). Do Castro, ed. Testimonios de una represión. Santiago de Compostela Julio 1936 - Marzo 1937. Sada. p. 95. ISBN 84-7492-498-7.
- ↑ Ficha no Departamento de Migración de México