[go: up one dir, main page]

Preito Tabera - Fonseca

arbitraxe entre Alonso III de Fonseca e Juan Tabera

O Preito Tabera - Fonseca foi unha arbitraxe ou concordia que tivo lugar entre o arcebispo de Compostela Alonso III de Fonseca, e o seu sucesor no cargo Juan Tabera. Trátase dunha fonte documental fundamental para o coñecemento do patrimonio do arcebispado nos séculos XV e XVI e dos feitos relacionados coas revoltas irmandiñas e os conflitos señoriais do convulso século XV galego.

Alonso III de Fonseca.

Descuberta

editar
 
O Cardeal Tavera pintado por El Greco.

A primeira referencia da súa existencia é de decembro de 1889, cando Bernardo Barreiro de Vázquez Varela deu a coñecer a existencia na publicación Galicia diplomática IV dezasete pregos gardados no mosteiro de San Martiño Pinario. No ano 1922 o arquiveiro Pablo Pérez Costanti completou a descuberta co achado dos atados 46 e 47 no chamado "Arquivo segredo" do Pazo arcebispal. Desde este momento o texto seguiu sendo unha fonte maioritariamente descoñecida e usada de xeito marxinal por uns poucos historiadores. Esta situación mudou grazas ao labor de transcrición do texto levado a cabo por Ángel Rodríguez González (profesor da Universidade de Santiago de Compostela, arquiveiro do concello de Santiago e director da Sección de Historia do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos) e coa súa publicación no ano 1984.

Orixe e obxecto do Preito

editar

Co nomeamento, o 26 de abril de 1524, de Alonso III de Fonseca como prelado de Toledo, ocupou o seu anterior cargo como arcebispo de Santiago Juan Tabera desde o 12 de outubro do mesmo ano.

Ao pouco tempo, o 26 de decembro de 1525 o novo arcebispo reclamoulle ao Fonseca dez millóns de marabedís como indemnización polos danos sufridos nos castelos e casas pertencentes á mitra compostelá durante os gobernos de Alonso II de Fonseca e do propio Alonso III; estes danos eran froito das revoltas irmandiñas, e dos enfrontamentos de Alonso II cos seus inimigos señoriais e a posterior neglixencia de ámbolos dous Fonsecas no arranxo do danado a imaxe do que si fixeran moitos señores galegos nesas datas.

Desenvolvemento

editar

Os letrados Simón Rodríguez (por parte de Fonseca) e Juan Bernal (pola de Tabera) e o Licenciado Santiago do Consello do Rei arbitraron o litixio, e os arquitectos Juan de Álava e Juan Gil o Mozo, amais dos canteiros Joaquín de Auñón e Pedro de Muros, auditaron o estado dos bens do arcebispado santiagués.

Declararon nel persoas de tódalas clases sociais e idades, que ofreceron datos e feitos só coñecidos por esta fonte, amais de descricións da arquitectura de edificios hoxe en día desaparecidos e referencias ás lendas e mitos relacionados cos feitos e enclaves.

O idioma usado foi o castelán, pero o galego chusmiga en todo o fondo do documento.

O 28 de xaneiro do ano 1534 o arcebispo Fonseca reafírmase na súa posición inicial pero acepta facer o pago de 200.000 marabedís. Este pago non se chegaría a realizar xa que Fonseca morreu o 4 de febreiro dese mesmo ano. Juan Tabera foi presentado para ocupar a sé de Toledo que deixa vacante polo que as diferenzas habidas no pago esvaécense definitivamente.

Estrutura dos documentos

editar

Ordénase en dous atados:

  • O atado 47, que consta de 6 pezas e 524 folios nos que se conteñen os textos orixinais.
  • O atado 46, que consta de 1610 folios e é copia do anterior, e no que faltan partes de dúas das pezas, e é unha copia encadernada feita no ano 1589 polo notario Jácome Garica por orde do arcebispo Juan de Sanclemente.

As seis pezas teñen a seguinte estrutura:

1- Comezo de probanzas, designio de xuíces árbitros, concordias, prórrogas e nomeamento de procuradores.
2- Trámites e declaracións.
3- Nomeamento de procuradores e designación de testemuñas.
4- Declaracións de testemuñas presentadas por Tabera (presentou un total de 87).
5- Declaracións de testemuñas presentadas por Fonseca (presentou un total de 96).
6- Taxa pericial dos danos sufridos polas fortalezas e casas.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar