Praxíteles
Praxíteles (grego antigo: Πραξιτέλης) de Atenas, fillo de Cefisodoto o Vello, nado en Atenas cara ao -395,[1] foi o máis renomeado escultor clásico ático do século IV adC. Coa obra de Praxíteles a escultura grega evolucionou dende o clasicismo cara a unha especie de cedo manierismo, ao acentuar o sensualismo. As súas obras están caracterizadas pola chamada karis (graza) ática e a chamada «curva praxiteliana» consistente nun elegante contrapposto.
Nome orixinal | (grc) Πραξιτέλης |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | c. 395 a. C. Atenas, Grecia |
Morte | c. 330 a. C. (64/65 anos) |
Actividade | |
Campo de traballo | Escultura |
Lugar de traballo | Atenas |
Ocupación | escultor |
Período de tempo | Antigüidade clásica |
Período de actividade | 375 a. C. - 340 a. C. |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Fillos | Kephisodotos the Younger, Timarchus |
Pai | Cefisódoto, o Velho (presumiblemente) |
Descrito pola fonte | Nordisk familjebok Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron |
Foi o primeiro en esculpir a forma feminina espida nunha estatua a tamaño natural. Aínda que non queda ningunha escultura que sexa atribuíble sen dúbidas a Praxíteles, numerosas copias das súas obras sobreviviron; autores contemporáneos, incluíndo a Plinio o Vello, escribiron sobre as súas obras; e sobreviviron moedas gravadas con siluetas de varios dos seus modelos estatuarios.
Unha suposta relación entre Praxíteles e a súa fermosa modelo, a cortesá tespia Friné, inspirou especulación e interpretación en obras de arte que van dende a pintura (Gérôme) á ópera cómica (Saint-Saëns) ou as marionetas (Charles Maurice Donnay).
Algúns escritores sostiveron que houbo dous escultores co nome de Praxíteles. Un sería contemporáneo de Fidias e o outro o seu máis coñecido neto. Aínda que a repetición do mesmo nome en xeracións sucesivas é habitual en Grecia, non hai evidencia certa para ningunha das posicións.
Traxectoria
editarPoucas cousas sábense da vida de Praxíteles: non se sabe sequera con certeza o ano do seu nacemento nin o da súa morte. As fontes literarias son abondosas mais tardías, ningunha delas é anterior ao século III.[2]
Nado en Atenas cara ao -395, formado xunto ao seu pai Cefisódoto o Vello, desenvolveu a súa máxima actividade artística entre os anos 370 e 340. Plinio o Vello sitúa o seu apoxeo artístico despois da 104.ª olimpíada (isto é, en -364 a -361) e sinala que Eufranor foi un escultor contemporáneo seu.[3] Esta proposta cronolóxica está corroborada pola base dunha estatua asinada por Praxíteles, que leva a dedicatoria de «Kléiokratéia, muller de Spoudias»: este Spoudias é coñecido como o adversario de Demóstenes nunha alegación que data de 361 a. C.[4] Pausanias di respecto diso «a terceira xeración despois de Alcámenes»,[5] alumno de Fidias, polo grupo dos Letoidas de Mantinea. Considérase xeralmente que Praxíteles naceu cara ao ano -400[6]
Estivo asociado con Friné, unha famosa cortesá que lle serviu de modelo e que tamén, posiblemente, foi a súa amante. Esta circunstancia podería probar que se trataba dun artista con recursos económicos, como tamén o amosaría o feito de que fose honrado co padroado dun dos coros de Atenas, algo que se debía pagar. Foi tamén popular entre o pobo, que gustaba de adquirir os seus traballos aínda que Praxíteles non fose inclinado a iso.
Estilo praxiteliano
editarCómpre nomear cinco puntos de composición que semellan ter unha orixe praxiteliana; con todo, non hai ningunha conclusión definitiva.
- Unha liña moi flexible divide figuras se se traza no medio de arriba a abaixo; todos tenden a estar reclinados
- Están adaptados para verse de fronte e de costas, máis que dende os caróns
- Árbores, drapeados e outros elementos semellantes empréganse como apoio para as figuras de mármore, e inclúense no deseño en lugar de ser estraños a el
- As caras aparecen nunha vista de tres cuartos
- A estatua atopouse no mesmo lugar no que a describiu Pausanias.
Obra
editar- Afrodita saíndo do baño ou Afrodita Cnidia (Venus de Cnido, cuxa modelo semella ser Friné). O modelo tivo grande aceptación e foron demandadas moitas copias. Na actualidade consérvanse máis de cincuenta.
- Eubuleus de Eleusis.
- Sátiro escanciador.
- O amor de Tespis ou Tánatos ou Xenio da morte
- Faunos.
- Dionisos.
- Base con relevos das musas de Mantinea.
E as súas obras de madurez:
- Hermes co neno Dioniso no colo, que segundo a maioría dos historiadores, sería a única obra orixinal de Praxíteles conservada hoxe día. Obra de madurez.
- Apolo Sauróctono
- Apolo Liceo
- Artemisa Brauronia
Notas
editar- ↑ Corso (2004), p. 111
- ↑ Ajootian [1998], p. 92.
- ↑ Naturalis Historia de Plinio (XXXIV, 50).
- ↑ Contre Spoudias [1]. Pasquier, «Éléments de biographie», p. 23.
- ↑ Descrición de Grecia, de Pausanias (VIII, 9, 1).
- ↑ Pasquier [2007], «Éléments de biographie», p. 19 ; Muller-Dufeu, p. 481 ; Rolley, p. 242.
Véxase tamén
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Praxíteles |
Bibliografía
editar- Corso, Antonio (2004). The Art of Praxiteles: The Development of Praxiteles' Workshop and Its Cultural Tradition Until the Sculptor's Acme (364-1BC) (en inglés). Roma: L'Erma Di Bretschneider. ISBN 978-8882652951.
- De Azcárate Ristori, J. M.ª, e outros Historia del arte, Anaya, Madrid, 1986. ISBN 84-207-1408-9
- Pijoán, José, El arte griego. Summa Artis. Historia general del arte. vol. IV, Espasa-Calpe, Madrid, 1965.