[go: up one dir, main page]

Piñón (semente)

Un piñón é a semente dos piñeiros (árbores do xénero Pinus (familia Pinaceae)), de casca dura e améndoa branca[1].

Piña de piñeiro manso (Pinus pinea) con piñóns - nótese que hai dous piñóns sobre cada escama da piña.

O nome piñón tamén pode designar a semente doutras árbores coníferas que teñen piñas, como as araucarias

O piñón (pinhão en portugués) procede da piña. Arredor de vinte especies de piñeiros producen piñóns grandes dabondo para que a súa colleita sexa produtiva; noutras especies, aínda que tamén comestíbeis, son demasiado pequenos e sen valor para a alimentación humana, é o que ocorre co piñeiro bravo (Pinus pinaster), típico de Galiza.

Non forma parte da cociña galega tradicional, mais, hoxe en día aparecen pola influencia da gastronomía mediterránea.

Especies

editar

En Europa, os piñones proceden do piñeiro manso (Pinus pinea), especie rara en Galiza, pero que nas zonas mediterráneas tense cultivado polos seus froitos durante máis de 6.000 anos, porén a colla de árbores silvestres remóntase moito máis atrás no tempo.

Outra das especies utilizadas, aínda que en menor medida, é Pinus cembra.

En Asia apáñanse dúas especies, principalmente: Pinus koraiensis, no nordés e Pinus gerardiana, na zona occidental do Himalaia. Outras especies usadas en menor grao son: Pinus sibirica, Pinus pumila, Pinus armandii e Pinus bungeana.

En América do Norte, as tres principais especies de piñeiros piñoneiros son: Pinus edulis, Pinus monophylla e Pinus cembroides (o piñeiro mexicano). Outras especies menos utilizadas son: Pinus sabineana, Pinus torreyana e Pinus lambertiana.

Os piñóns están cubertos dunha casca dura, máis ou menos grosa dependendo da especie. O nutrimento almacénase no tecido do gametófito feminino que mantén o embrión en desenvolvemento (esporófito) no centro.

No senso culinario, os piñóns son froitos; porén, no senso botánico, son sementes e, malia seren ximnospermas, carecen de carpelo exterior. O seu período de conservación con casca é moi longo, se se manteñen refrixerados (entre -5 a +2 °C), mais tanto os enteiros coma os pelados se deterioran axiña en condicións cálidas e en ambientes húmidos, tornándose rancios nunha cantas semanas.

Propiedades e usos

editar

Por cada 100 gramos de piñóns, o contido en proteínas é de 31 gramos; unha proporción moi alta dentro das noces ou sementes. Así mesmo, son unha fonte de fibra.

Polo xeral, na cociña mediterránea engádense con frecuencia á carne, ao peixe, en ensaladas, en pratos de verduras e tamén a doces e sobremesas. Na gastronomía galega son raros. Na gastronomía catalá e valenciana úsanse acotío tanto en receitas doces, como a coca de piñóns ou os panellets, como en salgadas, como as espinacas á catalá. Son un compoñente esencial dun mollo italiano, o pesto. No suroeste francés adóitanse utilizar na ensalada landesa. En Grecia e no Magreb utilízanse, entre outras sobremesas, para algunhas variedades de Baclava.

  1. Definición en Portal das Palabras da RAG - http://portaldaspalabras.org/buscador?id=292738&sinom=0 Arquivado 23 de febreiro de 2014 en Wayback Machine.