Pascual Veiga
Pascual Veiga Iglesias, nado en Mondoñedo o 9 de abril de 1842 e finado en Madrid o 12 de xullo de 1906, foi un compositor galego, autor da música do Himno galego e doutras composicións como Alborada Gallega, coñecida tamén como Alborada de Veiga. É considerado o pioneiro do rexurdimento musical galego.[1]
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 9 de abril de 1842 Mondoñedo, España |
Morte | 12 de xullo de 1906 (64 anos) Madrid, España |
Lugar de sepultura | cemiterio vello de Mondoñedo |
Actividade | |
Ocupación | compositor |
Instrumento | Órgano |
Familia | |
Fillos | Julio Veiga Valenzano |
Compositor de talento precoz, comezou a compoñer sendo un neno, e ao longo da súa vida fundou numerosas agrupacións orquestrais e corais como o Orfeón Coruñés.[2]
Traxectoria
editarPascual Veiga naceu en Mondoñedo o 9 de abril de 1842, comezando os seus estudos musicais a unha idade moi temperá como neno de coro da Catedral de Mondoñedo baixo a dirección de José Pacheco, daquela mestre de capela na catedral mindoniense.[3] Foi na súa vila natal onde comezou a súa formación como organista, que continuou despois en Covadonga e finalmente na Coruña.[4]1864 como organista da Colexiata de Santa María del Campo. Ao pouco, con 13 anos, comezou a impartir clases na capela catedralicia, primeiramente de solfexo e máis tarde de harmonía.[5] Foi nesta época cando realizou a súa primeira composición, o Septenario á Virxe das Dores.[3][5]
En 1864 Veiga marchou á Coruña a causa dunha relación que mantivo Eustorgia Acebo Parga, a filla dun avogado e promotor inmobiliario da súa cidade natal que á súa morte en 1855 encomendáralle ao seu irmán cura velar dela e os seus outros catro fillos. O cura, chamado Alejo, opúñase á relación, xa que o estudante de medicina Víctor Salvatierra Freire pretendía a Eustorgia,[a] e ameazou e infrinxiu castigos físicos á súa sobriña co obxectivo de poñer fin á relación. Non sendo capaz de acabar coa relación entre ambos encerrou a Eustorgia no mosteiro de Valdeflores, en Viveiro, e alentou unha campaña en contra de Veiga, que daquela era membro do coro da catedral. O compositor xurou que non regresaría á súa cidade natal.[6] No momento en que se estableceu na cidade herculina comezou a traballar como organista da Colexiata de Santa María do Campo.[4]
En 1865 casou na Coruña con Juana Valenzano.[7] Un dos fillos da parella, Julio Veiga Valenzano, foi concertino da Orquestra de afeccionados da 'Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos' da Coruña, a primeira orquestra sinfónica de Galicia.[8][9]
En 1880 estreou a súa obra máis coñecida, a Alborada Gallega (tamén coñecida como Alborada de Veiga) durante os Xogos Florais de Pontevedra dese ano.[b] A Alborada sería posteriormente presentada na Exposición Universal de París de 1889 co Orfeón Coruñés dirixido polo propio Veiga, onde gañou o primeiro premio e a Gran Medalla de Ouro.[4]
O 19 de decembro de 1881 fundou na Coruña a Coral Polifónica El Eco.[10]
En 1892 estableceu a súa residencia en Madrid logo de conseguir unha praza como mestre no Conservatorio de Música da capital española.[4]
Fundou e dirixiu varios orfeóns, cos que recibiu numerosos premios. Foi organista da Igrexa de San Domingos de Betanzos.
Morte
editarPascual Veiga morreu na probrez en Madrid o 12 de xullo de 1906 e foi enterrado no cemiterio da Almudena. Á súa morte, o semanario mindoniense La Voz de Mondoñedo e Antonio Noriega Varela solicitaron colaboración para o enterro do compositor e dous meses despois as comunidades galegas da Arxentina e Cuba comezaron a recadar cartas para o traslado dos seus restos e erixir un mausoleo na súa memoria na súa cidade natal. Esta iniciativa perdeu forza ata que en 1911 o xornalista e político compostelán Alfredo Vicenti sinalou que os restos de Veiga poderían ir parar a unha fosa común, o que supuxo un novo pulo á iniciativa.[11]
O 16 de setembro de 1912 os seus restos eran exhumados en Madrid, e logo de depositalos nunha caixa de madeira de carballo, e o día seguinte partiron en tren cara a Mondoñedo. As persoas designadas polo Concello e familiares de Veiga recibiron os restos en Baamonde, dende onde partiron cara á cidade episcopal, onde esa mesma tarde depositaron os seus restos na catedral, onde a xente lle rendeu homenaxe. O 18 de setembro celebráronse os funerais, nos que o deán da catedral de Santander pronunciou unha galeguista oración fúnebre, logo da cal membros de orfeóns galegos trasladaron o féretro ao cemiterio, no que o impulsor do traslado dos restos de Veiga, Alfredo Vicenti, pronunciou un discurso en nome das comunidades galegas na Arxentina e Cuba, que achegaran unha considerable dotación ecoonómica para homenaxear ao músico. Finalmente a comitiva trasladouse á súa casa natal, onde se colocou unha placa no seu honor entre discursos coa intervención dun orfeón e a "Banda de Música do Rexemento de Isabel a Católica" interpretou o himno galego.[6]
Está enterrado no cemiterio de Mondoñedo, nun mausoleo adicado polos seus admiradores e paisanos.
Obra
editarPascual Veiga é considerado unha das personalidades máis representativas do nacionalismo musical galego, e o iniciador en Galicia do xénero do poema sinfónico. Se ben compuxo en moitos xéneros, as dúas obras máis coñecidas do compositor son a Alborada Gallega e o Himno galego, este último sobre un texto de Eduardo Pondal.[4] A Alborada considerouse dende o momento da súa composición como a máxima representación dos sentimentos galegos e converteuse nunha das pezas musicais galegas máis populares. Existen dúas versións da obra: unha coral e outra instrumental.[4]
Galería de imaxes
editar-
Retrato.
-
Sepultura, no cemiterio vello de Mondoñedo.
-
Partitura oficial do himno de Galicia, composta por Pascual Veiga.[12]
Notas
editar- ↑ Víctor Salvatierra Freire converteríase posteriormente en Médico de Mondoñedo e fundador da Sociedad de Socorros de Obreros, así como alcalde de Lourenzá.[6]
- ↑ A obra foi estreada baixo o nome Estrela coruñesa, por ser o título da poesía de Francisco María de la Iglesia sobre a que compuxo a melodía o compositor mindoniense.[4]
- Referencias
- ↑ Xunta de Galicia, ed. (7 de marzo de 2007). "Noticias: Na primeira xornada do congreso". Arquivado dende o orixinal o 23 de xuño de 2007. Consultado o 21 de febreiro de 2014.
- ↑ Biografías y vidas (ed.). "Pascual Veiga" (en castelán). Consultado o 21 de febreiro de 2014.
- ↑ 3,0 3,1 "Pascual Veiga Iglesias (1842 – 1906)". Concello de Mondoñedo. Consultado o 21 de febreiro de 2014.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 Villoch, Isabel. "Pascual Veiga. Nacionalismo musical galego". Consello da Cultura Galega. Consultado o 14 de maio de 2021.
- ↑ 5,0 5,1 "Pascual Veiga". Galegos. Consultado o 21 de febreiro de 2014.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 "Amor prohibido, un cura intolerante y una joven recluida en Valdeflores ". La Voz de Galicia (en castelán). 20 de decembro de 2015. Consultado o 13 de maio de 2021.
- ↑ Tarrío, José M. (1998). "Casamientos en la vieja Coruña" (PDF). Anuario Brigantino (en castelán) (Betanzos) (21): 151. ISSN 1130-7625. Consultado o 9 de maio de 2021.
- ↑ Crisanto Gándara, Xosé (17 de mayo de 2013). "La primera orquesta sinfónica de Galicia". mundoclasico.com (en castelán). Consultado o 9 de maio de 2021.
- ↑ García, R. (16 de outubro de 2001). "Una nieta de Pascual Veiga dona a Galicia la partitura original del Himno Gallego". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 9 de maio de 2021.
- ↑ Ferreiro, Luis P. (16 de decembro de 2010). "Los ecos de Pascual Veiga". La Opinión (en castelán) (A Coruña). Consultado o 14 de maio de 2021.
- ↑ Fernández , Martín (20 de decembro de 2015). "El Himno Gallego cumple hoy 108 años". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 13 de maio de 2021.
- ↑ "Boletín Oficial do Parlamento de Galicia n.º 280, 31/5/1984" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 17/04/2016. Consultado o 27/05/2018.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Pascual Veiga |
Bibliografía
editar- "Veiga Iglesias, Pascual". Dicionario biográfico de Galicia 3. Ir Indo Edicións. 2010-2011. p. 301.
- López-Acuña López, Fernando (2005). "Veiga Iglesias, Pascual". Gran Enciclopedia Galega (DVD). El Progreso. ISBN 84-87804-88-8.
Outros artigos
editar- José Adolfo Veiga Paradís (sobriño de Pascual Veiga)
Ligazóns externas
editar- Pascual Veiga. A volta a Mondoñedo Arquivado 28 de maio de 2018 en Wayback Machine.
- Ficha no Arquivo Dixital de Galicia.