Neue Deutsche Härte
O Neue Deutsche Härte ([ˈnɔʏə ˈdɔʏtʃə ˈhɛʁtə], lit. "Nova dureza alemá"), ás veces abreviado NDH, é un subxénero do heavy metal orixinado en Alemaña e Austria nos 1990. O termo é unha chiscadela ao movemento Neue Deutsche Welle, xurdido no mundo xermanófono a mediados dos anos 1970, e foi acuñado tralo lanzamento do álbum Herzeleid en 1995 pola banda Rammstein.
O estilo caracterízase pola influencia do Neue Deutsche Welle, o metal alternativo e o groove metal, mesturados con elementos propios do electro-industrial e a música techno. As letras están xeralmente escritas en alemán, e prevalecen as voces graves e masculinas. É habitual a énfase na vibrante múltiple. Xunto cos instrumentos tradicionais, é habitual a inclusión de sintetizadores, teclados e samples. As guitarras adoitan ter unha gran distorsión e afinacións baixas. A estética NDH, especialmente nas bandas máis asociadas coa escena do metal industrial, caracterízase polo uso de elementos militaristas.
Historia
editarOrixes e influencias
editarO Neue Deutsche Härte constituiuse a mediados dos anos 90. Inicialmente contaba con marcadas similitudes co groove metal e bandas como Laibach, Die Krupps ou Ministry. O movemento tamén tomou inspiración de bandas de electrónica alemás coma Kraftwerk ou DAF[1].
O ano 1994 foi central para a fundación do xénero: neste ano lánzase o álbum Sperm da banda Oomph!, considerado o punto de inicio do Neue Deutsche Härte. A súa música estaba centrada nunha mestura de electrónica e hard rock inspirada por bandas coma Sepultura ou Pantera[2]. Tamén en 1994 aparecería o álbum Eisenkopf, da banda Schweisser, o cal consagraría o interese pola lingua alemá. Un ano despois, Fleischmann lanza o álbum Fleischwolf, unha mestura de doom metal e hardcore punk cuxas letras en alemán anticiparían o estilo expresivo do NDH[1].
A partir deste punto comezan a aparecer artistas cunha orientación musical similar, coma Stahlhammer, Eisenvater e Von Den Ketten. Neste período xorden tamén as primeiras gravacións de Rammstein.
Etapa de plenitude
editarRammstein foi a primeira banda de Neue Deutsche Härte en acadar o éxito comercial co seu álbum Sehnsucht (1997). Esta popularidade incrementou o interese polo xénero en Alemaña e a nivel internacional, e foi vital para o desenvolvemento da escena. Neste mesmo ano, Edel Media and Entertainment lanza a compilación Neue Deutsche Härte, con cancións de grupos coma Megaherz, Schweisser e Richthofen, ademais de proxectos crossover coma Megavier ou Such a Surge. A finais dos 1990 e inicios dos 2000 apareceron numerosas bandas que, malia diferir estilisticamente en moitos aspectos, foron asociadas co NDH pola combinación de sons pesados, letras en alemán e estética industrial.
Joachim Witt cambiou o seu estilo musical e estético coa súa Triloxía Bayreuth, orientándose cara o Neue Deutsche Härte. O seu sinxelo Die Flut xunto co vocalista Peter Heppner acadou 900 000 vendas, converténdose nun dos sinxelos máis exitosos do xénero[3]. Oomph! tamén conseguiu colocar un dos seus álbums nas listas de Alemaña por primeira vez en 1998, co seu lanzamento Unrein. Neste ano, a banda Weissglut asinou con Sony Music para re-lanzar ó seu álbum debut baixo o título Etwas kommt in Deine Welt.
O enfoque xermanófono e os ritmos animados do Neue Deutsche Härte leváronno a superpoñerse inicialmente co rock medieval, un movemento que tamén estaba a formarse en Alemaña de xeito simultáneo. En 1999, a banda In Extremo lanza Verehrt und angespien, un álbum con claras influencias do NDH. Pouco despois, Tanzwut lanzaría o seu álbum debut, que ademais de seguir unha traxectoria similar incluía elementos puramente electrónicos. Con todo, os músicos de rock medieval tendían a rexeitar a conexión co Neue Deutsche Härte[1].
Coma xénero establecido
editarO Neue Deutsche Härte acadou a súa maior popularidade entre mediados dos 1990 e o 2001, particularmente en Alemaña e os Estados Unidos, e constitúe unha parte do rock mainstream desde entón. En 1999, a discográfica alemá BMG Ariola lanza o sampler Feuertanz - Neuer Deutscher Liederwahn, como resposta ó interese comercial pola música en alemán por parte da escena do black metal. O sampler Crossing All Over de Sony Music tamén estivo centrado no NDH e os seus derivados. A partir de 2002, a popularidade do xénero comezou a decaer.
Algúns artistas influenciados polo Neue Deutsche Härte mantiveron o seu lugar nas listas alemás aínda trala decadencia do movemento. É o caso de Oomph!, Eisbrecher, Unheilig, Megaherz, Hämatom, Ost+Front ou Stahlmann[4][5]. Coa gran popularidade de Rammstein produciuse unha homoxenización do estilo a partir do século XXI, así coma a creación de numerosas banda tributo que acabarían formando proxectos independentes, coma Heldsmachine, Maerzfeld e Der Bote. O éxito do NDH en Escandinavia e Europa do Leste levou á creación de varios grupos musicais, coma Ostfront, Schwarztag, Stark Treiben, Ruoska ou Raubtier. Polo xeral estas bandas adoitan cantar en alemán, a súa lingua local ou unha mestura de ambas.
A influencia do Neue Deutsche Härte extendeuse á música pop e folk alemá. No 2000, Schweisser colaborou coa cantante de pop Marianne Rosenberg na súa canción Zeig mir dein Gesicht. En particular, o proxecto Unheilig foi un dos principais responsables por transformar o NDH cara ó pop. En 2024, o cantante de folk pop Heino lanzou o álbum Schwarz blüht der Enzian, parcialmente inspirado polo Neue Deutsche Härte.
Estilo e cultura
editarO Neue Deutsche Härte caracterízase por un cruzamento estilístico de diferentes movementos subculturais populares na Alemaña dos anos 90. Pode ser descrito coma un estilo musical influenciado polo hard metal e a música techno, que emprega letras en alemán. A distorsión e os abundates riffs foron adoptados do heavy metal. Os riffs son modificados na posprodución de estudio para lograr os efectos desexados. As guitarras adoptan un son monótono, con riffs "entrecortados" e énfase no ritmo, de xeito similar ó metal alternativo e o groove[6][1]. Outras formas populares de tocar Neue Deutsche Härte inclúen as power chords moi distorsionadas e o silenciamento das cordas coa palma da man. Moitas bandas inclúen baixos distorsionados e dominantes que contrastan co enfoque rítmico das guitarras. É característico o uso de efectos electrónicos, arranxos sintéticos e loops, inspirados polo techno dos noventa.
As letras empregan rimas sinxelas, con motivos interconectados en termos de contido. Ademais de tratar temas xerais como o amor, a sexualidade, a relixión ou a morte, existe unha tendencia a romper temas tabúes, polo que abundan as letras sobre sadomasoquismo extremo, necrofilia, incesto, canibalismo ou abuso infantil[6]. Especialmente nas bandas máis achegadas á escena industrial, era habitual xogar coa ambigüidade á hora de asumir unha estética militarista e hipermasculina, moitas veces asociada co Nacionalsocialismo[6].
Estes textos son presentados xeralmente por homes con voz profunda. As mulleres rara vez están representadas coma vocalistas, coa excepción de Luci van Org de Üebermutter ou Greta Czatlos de Untoten[6]. Moitas características líricas, como a énfase na vibrante múltiple (R) ou o abandono da melodía vocal en favor da palabra falada xorden directamente por influencia de Till Lindemann, vocalista de Rammstein.
A pesar da súa popularidade, o Neue Deutsche Härte non derivou nunha subcultura propia. Ante a carencia dunha escena definida, o xénero foi adoptado por múltiples subculturas e núcleos locais, tales coma a escena do metal industrial, os góticos ou os blackmetaleiros.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Barry Graves - Siegfried Schmidt-Joos - Bernward Halbscheffel. Das neue Rock-Lexikon (Band 1.) Rowohlt, 1998. ISBN 3-499-16352-7 (en alemán)
- Barry Graves - Siegfried Schmidt-Joos - Bernward Halbscheffel. Das neue Rock-Lexikon (Band 2.) Rowohlt, 1998. ISBN 3-499-16353-5 (en alemán)
- Andreas Speit. Ästhetische Mobilmachung – Dark Wave, Neofolk und Industrial im Spannungsfeld rechter Ideologien., Unrast, 2001. ISBN 3-89771-804-9 (en alemán)
- Wolf-Rüdiger Mühlmann: Letzte Ausfahrt: Germania – Ein Phänomen namens Neue Deutsche Härte ("Última salida: Germania - Un fenómeno llamado Neue Deutsche Härte"), ISBN 3-931624-12-9 (en alemán)
Este artigo sobre música é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 Wolf-Rüdiger Mühlmann: Letzte Ausfahrt: Germania – Ein Phänomen namens Neue Deutsche Härte ("Última salida: Germania - Un fenómeno llamado Neue Deutsche Härte"), ISBN 3-931624-12-9 (en alemán)
- ↑ Uwe Rothhämel: Interview with Oomph! . In: New Life Soundmagazine , Issue No. 5/94, May 1994, page 7.
- ↑ "Peter Heppner: "Ich habe keine Ahnung von Dance" – laut.de – Interview". laut.de (en alemán). Consultado o 2024-05-27.
- ↑ "Stahlmann nas listas alemás". Offiziele Deutsche Charts. Archived from the original on 14/07/2014. Consultado o 27/05/2024.
- ↑ "Home - Offizielle Deutsche Charts". www.offiziellecharts.de. Consultado o 2024-05-27.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 Judith Platz: . In: Axel Schmidt, Klaus Neumann-Braun (eds.): . VS Verlag für Sozialwissenschaften, 2004, ISBN 3-531-14353-0 , p. 253 - 284, here p. 265 ff