Mesía
Mesía é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Ordes. Segundo o INE en 2023 tiña 2.418 habitantes (1.217 homes e 1.201 mulleres) (2.457 no 2022, 2.479 no 2021, 2.918 no 2010, 3.102 no 2006, 3.174 no 2005, 3.216 no 2004, 3.240 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «mesiense».
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | Provincia da Coruña | ||||
Capital | A Pobra | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 2.418 (2023) (22,45 hab./km²) | ||||
Xentilicio | mesiense | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 107,7 km² | ||||
Altitude | 107,7 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Organización política | |||||
• Alcalde | Mariano Iglesias Castro | ||||
Eleccións municipais en Mesía | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 15685 | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 15047 | ||||
Sitio web | concellodemesia.gal |
Demografía
editarCenso total 2016 | 2.795 habitantes |
---|---|
Menores de 15 anos | 223 (7.98 %) |
Entre 15 e 64 anos | 1.661 (59.43 %) |
Maiores de 65 anos | 911 (32.59 %) |
Evolución da poboación de Mesía Fontes: INE e IGE. | ||||||||||||||||||
1900 | 1930 | 1950 | 1981 | 2004 | 2009 | 2011 | 2012 | 2013 | 2014 | 2015 | 2016 | 2017 | 2018 | 2019 | 2020 | 2021 | 2022 | 2023 |
4.198 | 5.318 | 6.046 | 4.410 | 3.216 | 2.975 | 2.922 | 2879 | 2.849 | 2.795 | 2.734 | 2.700 | 2.637 | 2.582 | 2.530 | 2.497 | 2.479 | 2.457 | 2.418 |
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.) |
Gráfica de evolución demográfica de Mesía entre 1991 e 2023 |
Poboación de dereito segundo o padrón municipal do Instituto Nacional de Estadística |
Xeografía
editarMesía limita cos concellos de Frades, Boimorto, Curtis, Vilasantar, Oza-Cesuras, Abegondo, Ordes e Carral. A súa capital é o lugar de Xanceda, situado a 42 km de Santiago de Compostela e a 46 da Coruña.
Ten unha altitude media de 400 m, sendo máis accidentada cara ao norte. Os seus cumios máis altos son Picoi (546 m), Montouto (542 m), a Cova (488 m), Rozamonde (462 m) e Teixoeiras (427 m). O curso fluvial máis importante é o río Tambre, que pasa pola parroquia de Castro. Afluentes deste son o Maruzo e mailo río Samo, que nace en Picoi, nos montes da Tieira, e percorre o concello polo norte facendo, en certos tramos, de límite co concello de Frades.
O concello está atravesado no suroeste pola estrada AC-524, que une o concello coa capital comarcal, e no centro pola AC-223 (As Travesas-Xanceda), que atravesa o concello e o une coa estrada das Travesas. A AP-9 cruza o municipio nun tramo pola parroquia de Visantoña.
Historia
editarEn Mesía consérvanse restos de varios poboados castrexos[1]: Castiñeiras (Albixoi), A Roda (Fieiteira-Albixoi), Pereira (Pereira-Albixoi), A Roda (Xestosa-Albixoi), Monteiro (Campo-Bascoi), A Torre (Tamarín-Bascoi), O Castro (O Castro-Boado), Couto do Castro (Receá-Castro), Castrillón, Pousada e Rodas (Fontefría-Cumbraos), Castiñeiras (Castiñeiras-Mesía), A Pobra ou Castelo de Mesía (A Pobra-Mesía), Mesía (Mesía), Soutelo (Soutelo-Olas), Brea (A Brea-Visantoña), Visantoña (Ricos-Visantoña), Os Castriños e Xanceda.
-
Torque que data do ano 200-50 a.C. e que se atopou no Castro de Xanceda en 1974 durante os labores de labradío e que forma parte do chamado tesouro de Xanceda.[2]
-
Outro dos torques do tesouro de Xanceda, que se garda no Museo do Castelo de San Antón, na Coruña.[2]
As terras de Mesía eran lugar de paso na Idade Media entre Santiago de Compostela e as vilas do norte, como Betanzos, A Coruña e a zona da Mariña, o que deu pé á vía inglesa do Camiño de Santiago. Desta época é a torre de Mesía, fortaleza dos séculos XIII e XIV, na actualidade en ruínas.
No Antigo Réxime as parroquias dependían da xurisdición de Mesía, da provincia de Santiago de Compostela, que acollía en total 45 freguesías. A parroquia de Cabrui dependía do mosteiro de Sobrado dos Monxes, da provincia de Betanzos.
O 13 de febreiro de 1809, durante a guerra da Independencia Española, as tropas francesas arrasaron e queimaron a capela de Arxán, amais de fusilar trece veciños, que foron soterrados nunha foxa dentro da igrexa.
Coa chegada da división en concellos, Mesía contaba con once parroquias e dependía do partido xudicial de Poulo. En 1822 pasou a pertencer á provincia da Coruña. En 1835 pasou a formar parte do partido xudicial de Ordes. Entre abril e xuño de 1836 foille adscrita a parroquia de San Pedro de Ardemil.
A localización da capital sufriu modificacións. No 1860 estaba na Pobra, no 1900 na Vila, no 1910 en Xancedavella, e entre 1920 e 1981 de novo na Pobra. Se ben na actualidade o xulgado e a casa consistorial están en Xanceda, oficialmente a capital segue na Pobra, ao non estar tramitado o expediente de cambio.
O edificio consistorial foi inaugurado en 1955 no lugar de Campo das Mentiras, en Xanceda. É un edificio de planta cadrada e cuberta a catro augas. A escaleira de acceso ten dous andares, o primeiro con pórtico de dobre arco de medio punto á fronte e un arco de medio punto en cada lateral, e o segundo co balcón municipal, con varanda de ferro e decoración xeométrica. No alto do edificio hai un pequeno ático co escudo coroado, nun frontón triangular.
No escudo do concello, xa existente en 1838, aparece a torre do castelo de Mesía.
Patrimonio
editarAmais dos edificios relixiosos, existen diferentes construcións civís destacables. A torre fortaleza de Mesía está no lugar da Pobra (Bascoi). O pazo de Recelle foi construído no século XVII por Antonio Varela do Barreiro e Inés Fernández Marzoa. A Casa Grande de Xanceda é de estilo barroco, e orixinalmente tiña un torreón e unha pequena capela baixo a advocación á Virxe do Rosario. Pertenceu ao marquesado de San Martiño de Ombreiro. O pazo de Lago, do século XVIII, pertence aos Verea e Aguiar. É un edificio rectangular de cachotería cunha cheminea de grandes proporcións. A Casa do Coronel, na parroquia de Cabrui, acolle unha casa de turismo rural, e foi deseñada polo arquitecto Antonio Tenreiro Rodríguez.
Galería de imaxes
editar- Artigo principal: Galería de imaxes de Mesía.
Parroquias
editarLugares de Mesía
editarPara unha lista completa de todos os lugares do concello de Mesía vexa: Lugares de Mesía.
Notas
editar- ↑ Castros de Galicia/Galiza Mesía onosopatrimonio.blogspot.com.es
- ↑ 2,0 2,1 Ladra Fernández, Xosé Lois (2004). "Os torques do Castro de Xanceda (Xanceda, Mesía, A Coruña)" (PDF). Anuario brigantino: 91–116. ISSN 1130-7625.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Mesía |