Mastocito
Os mastocitos, tamén chamados células cebadas e ás veces nalgúns textos células mastoides ou labrocitos [1], son células con función inmunitaria orixinadas na medula ósea e presentes en moitos tecidos, que conteñen moitos gránulos ricos en histamina e heparina. A súa función máis coñecida é interviren nos procesos alérxicos e na anafilaxe, pero tamén teñen un papel protector importante para o organismo ao interviren na curación de feridas e na defensa contra patóxenos.[2]
Orixe e clasificación
editarOs mastocitos foron descritos primeiramente por Paul Ehrlich na súa tese doutoral de 1878 baseándose na súa tinguidura característica e nos seus grandes gránulos. Pero estes gránulos levárono a pensar erradamente que eran células nutritivas que alimentaban aos tecidos que as rodeaban, polo que lles deu o nome de Mastzellen en alemán (mast nesa lingua significa "alimento").[3][4] Hoxe xa non se considera que teñan esa función, senón que forman parte do sistema inmunitario, pero seguiu manténdose o nome.
Os mastocitos están moi próximos aos basófilos (un tipo de leucocito do sangue). As similitudes entre ambos os tipos celulares fixeron que se especulase sobre se os mastocitos eran basófilos que se "instalaran" nos tecidos. Porén, as evidencias actuais suxiren que cada un destes tipos celulares se xera a partir de diferentes células precursoras da medula ósea. De todos modos, os precursores de ambos os dous expresan o antíxeno CD34. Os basófilos abandonan a medula ósea xa en estado maduro, entanto que os mastocitos circulan polo sangue como células inmaturas, e só rematan a súa maduración unha vez que acadan os tecidos. O lugar onde se establece un mastocito inmaturo probablemente determina as características precisas que vai ter.[2]
Distínguense dous tipos de mastocitos, os mastocitos do tecido conectivo e os mastocitos das mucosas. As actividades destes últimos dependen das células T.[5]
Os mastocitos están presentes na maioría dos tecidos situados caracteristicamente arredor dos vasos sanguíneos e nervios, e son especialmente abundantes preto dos límites entre o medio exterior e o medio interno do organismo, como a pel, mucosas dos pulmóns e tracto dixestivo, boca, conxuntiva e nas fosas nasais.[2]
Morfoloxía
editarPresentan un núcleo central de tamaño medio, coa cromatina desespiralizada. Con microscopía óptica só se poden distinguir no citoplasma uns gránulos de gran tamaño, rodeados de membrana e visibles coa técnica do PAS+. Estes gránulos teñen a propiedade de ser metacromáticos, é dicir, teñen a capacidade de cambiar a cor do colorante co que son tinguidos. Por exemplo, ao utilizar a hematoxilina, que é de cor azul, pódese apreciar que os gránulos se tinguen de vermello/rosa. O mesmo pasa con colorantes como o Giemsa, o azul de toluidina e o azul de metileno.
Con microscopía electrónica poden observarse no citoplasma uns pequenos vestixios de aparato de Golgi e de retículo endoplasmático rugoso, non moi desenvolvidos. Porén, isto non impide que estas células leven a cabo un gran labor de síntese. Porén, é moi difícil diferenciar os gránulos das vesículas do retículo endoplasmático rugoso e de Golgi. O contido dos gránulos é moi denso, chegando en ocasións a formar agregados ou mesmo unha especie de laminiñas. O seu citoplasma é acidófilo con abundantes gránulos metacromáticos ao tinguilos con azul de toluidina.
Fisioloxía
editarOs mastocitos xogan un papel chave nos procesos inflamatorios. Cando se activan, liberan rapidamente os seus gránulos característicos e varios mediadores nos intersticios tisulares. Os mastocitos poden ser estimulados á desgranulación por danos directos nos tecidos (por exemplo, de tipo físico ou químico, como os producidos por opioides, alcohois, e certos antibióticos como as polimixinas), establecemento de enlaces cruzados con receptores de inmunoglobulinas E (IgE), ou por proteínas activadas do sistema do complemento.[2]
Os mastocitos expresan o receptor FcεRI de grande afinidade pola rexión Fc da IgE, o tipo menos abundante de anticorpo. Este receptor ten unha afinidade tan alta que a unión a el das IgE é esencialmente irreversible. Como resultado, os mastocitos están cubertos de IgE. As IgE prodúcenas as células plasmáticas (que son linfocitos B activados, as células produtoras de anticorpos). As IgE, como todos os anticorpos, son específicas para un determinado antíxeno.
Nas reaccións alérxicas, os mastocitos permanecen inactivos ata que un alérxeno se une ás IgE xa unidas á superficie celular. Outros fenómenos activatorios de membrana poden tanto preparar aos mastocitos para a súa subseguinte desgranulación coma actuar en sinerxía co sinal de transdución do FcεRI.[6] Os alérxenos son xeralmente proteínas ou polisacáridos. O alérxeno únese aos sitios de unión ao antíxeno, que están situados en rexións variables das moléculas de IgE unidas ás superficies dos mastocitos. Parece que se require a unión de dúas ou máis moléculas de IgE (por enlaces cruzados) para que se active o mastocito. O agrupamento dos dominios intracelulares dos receptores Fc unidos á célula, os cales están asociados coas IgE por enlaces cruzados, causa unha complexa secuencia de reaccións no interior do mastocito que orixina a súa activación. Aínda que esta reacción se comprende mellor en termos de alerxia, parece que evolucionou como un sistema de defensa contra as infestacións por vermes intestinais [7] (tenias, e outros).
As moléculsas liberadas polos mastocitos no medio extracelular inclúen:[2]
- mediadores preformados (contidos nos gránulos):
- serina proteases, como a triptase
- histamina (2-5 pg/célula)
- serotonina
- proteoglicanos, principalmente heparina (activa como anticoagulante)
- mediadores lipídicos de nova formación (eicosanoides):
- citocinas
- factor quimiotáctico dos eosinófilos
A histamina provoca a dilatación das vénulas postcapilares, activa o endotelio, e incrementa a permeabilidade dos vasos sanguíneos. Isto orixina un edema (inchamento) local, calor na zona afectada, que se pon encarnada, e a atracción doutras células inflamatorias ao lugar onde foi liberada. Tamén irrita as terminacións nerviosas (o que causa proído ou dor). Son signos cutáneos da liberación de histamina a reacción de ardor con formación de pápulas ou placas vermellas. A inchazón e arroibamento da zona da pel que sufriu a picada dun mosquito é un bo exemplo desta reacción, que ocorre segundos despois da activación dos mastocitos polo alérxeno.[2]
As outras actividades fisiolóxicas dos mastocitos compréndense moito peor. Probas obtidas en varias liñas de investigación suxiren que os mastocitos poden ter un papel bastante fundamental na inmunidade innata, porque poden elaborar un amplo conxunto de importantes citocinas e outros mediadores inflamatorios como o TNF-alfa, expresan múltiples receptores de recoñecemento de patrón, que se pensa que están implicados no recoñecemento dunha ampla clase de patóxenos, e os ratos sen mastocitos parecen ser moito máis susceptibles a diversas infeccións.[8]
Os gránulos dos mastocitos conteñen varias substancias bioactivas. Estes gránulos sábese que se poden transferir a células adxacentes do sistema inmunitario e neuronas por medio da transgranulación a través de pseudópodos.[9]
Papel en enfermidades
editarEnfermidades alérxicas
editarMoitas formas de alerxia da pel e mucosas están mediadas en gran medida polos mastocitos, os cales xogan tamén un importante papel na asma [10], eccema, prurito (proído orixinado por varias causas), rinite alérxica e conxuntivite alérxica. Os fármacos antihistamínicos actúan bloqueando a acción da histamina sobre as terminacións nerviosas. Fármacos baseados no cromoglicato (sodio cromoglicato, nedocromil) bloquean as canles de calcio que son esenciais para a desgranulación dos mastocitos, estabilizando a célula e previndo a liberación de histamina e outros mediadores relacionados. Os antagonistas de leucotrienos (como o montelukast e zafirlukast) bloquean a acción dos leucotrienos mediadores, e están utilizándose cada vez máis nas doenzas alérxicas.[2]
Anafilaxe
editarNa anafilaxe (unha reacción sistémica grave aos alérxenos, como os compoñentes de alimentos, veleno da abella ou fármacos), a desgranulación dos mastocitos en todo o corpo orixina vasodilatación e, cando é moi grave, un shock que pon en perigo a vida.[11]
Autoinmunidade
editarOs mastocitos tamén interveñen na autoinmunidade. Están implicados nas patoloxías asociadas aos trastornos autoinmunes artrite reumatoide, penfigoide bulloso, e esclerose múltiple. Están implicados no recrutamento de células inflamatorias nas articulacións (por exemplo, na artrite reumatoide) e na pel (por exemplo no penfigoide bulloso) e esta actividade é dependente dos anticorpos e do sistema do complemento.[12]
Trastornos reprodutivos
editarOs mastocitos están presentes no endometrio uterino, e incrementan a súa activación e liberación de mediadores na endometriose.[13] En machos os mastocitos están presentes nos testículos e aumentan en casos de oligospermia e azoospermia, nos que os mediadores dos mastocitos suprimen directamente a mobilidade do esperma dunha maneira potencialmente irreversible.[13]
Trastornos relacionados cos mastocitos
editarA mastocitose é unha rara condición caracterizada por unha gran proliferación de mastocitos. Pode aparecer nunha forma cutánea (limitada á pel) ou sistémica (que afecta a múltiples órganos).[2] Os tumores de mastocitos danse ás veces en cans e gatos.[14]
Tinguidura histolóxica
editarO azul de toluidina é unha das tinguiduras máis comúns para os mucopolisacáridos ácidos e glicosaminoglicanos, os cales son compoñentes dos gránulos dos mastocitos.[15]
Notas
editar- ↑ "labrocytes - Memidex dictionary/thesaurus". www.memidex.com. Arquivado dende o orixinal o 06 de novembro de 2018. Consultado o 2019-12-09.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 Prussin C, Metcalfe DD (2003). "IgE, mast cells, basophils, and eosinophils". J Allergy Clin Immunol 111 (2 Suppl): S486–94. PMID 12592295. doi:10.1067/mai.2003.120.
- ↑ Ehrlich P. Beiträge zur Theorie und Praxis der histologischen Färbung. Dissertation at Leipzig University, 1878.
- ↑ "Mastocite definition". Arquivado dende o orixinal o 03 de febreiro de 2010. Consultado o 18 de decembro de 2011.
- ↑ Denburg, Judah A. (1998). Humana Press - Totowa, NJ, ed. Allergy and allergic diseases: the new mechanisms and therapeutics. ISBN 0-89603-404-6.
- ↑ Pulendran B, Ono SJ (2008). "A shot in the arm for mast cells". Nat. Med. 14 (5): 489–90. PMID 18463655. doi:10.1038/nm0508-489.
- ↑ Google books
- ↑ Zhang, Bodi; Alysandratos, Konstantinos-Dionysios; Angelidou, Asimenia; Asadi, Shahrzad; Sismanopoulos, Nikolaos; Delivanis, Danae-Anastasia; Weng, Zuyi; Miniati, Alexandra; Vasiadi, Magdalini (2011-6). "Human mast cell degranulation and preformed TNF secretion require mitochondrial translocation to exocytosis sites: Relevance to atopic dermatitis". Journal of Allergy and Clinical Immunology (en inglés) 127 (6): 1522–1531.e8. PMC 3381794. PMID 21453958. doi:10.1016/j.jaci.2011.02.005.
- ↑ Wilhelm M, Silver R, Silverman AJ (2005). "Central nervous system neurons acquire mast cell products via transgranulation". Eur. J. Neurosci. 22 (9): 2238–48. PMID 16262662. doi:10.1111/j.1460-9568.2005.04429.x.
- ↑ Wenzel, Sally E.; Fowler, Alpha A.; Schwartz, Lawrence B. (1988-5). "Activation of Pulmonary Mast Cells by Bronchoalveolar Allergen Challenge: In Vivo Release of Histamine and Tryptase in Atopic Subjects with and without Asthma". American Review of Respiratory Disease (en inglés) 137 (5): 1002–1008. ISSN 0003-0805. doi:10.1164/ajrccm/137.5.1002.
- ↑ Lawrence B. Schwartz, Dean D. Metcalfe, Jeffrey S. Miller, Harry Earl, Timothy Sullivan. Tryptase Levels as an Indicator of Mast-Cell Activation in Systemic Anaphylaxis and Mastocytosis. N Engl J Med 1987; 316:1622-1626 June 25, 1987 [1]
- ↑ Lee, David M.; Friend, Daniel S.; Gurish, Michael F.; Benoist, Christophe; Mathis, Diane; Brenner, Michael B. (2002-09-06). "Mast Cells: A Cellular Link Between Autoantibodies and Inflammatory Arthritis". Science (en inglés) 297 (5587): 1689–1692. ISSN 0036-8075. PMID 12215644. doi:10.1126/science.1073176.
- ↑ 13,0 13,1 Menzies, F. M.; Shepherd, M. C.; Nibbs, R. J.; Nelson, S. M. (2010). "The role of mast cells and their mediators in reproduction, pregnancy and labour". Human Reproduction Update 17 (3): 383–396. PMID 20959350. doi:10.1093/humupd/dmq053
- ↑ "Cutaneous Mast Cell Tumors". The Merck Veterinary Manual. 2006. Arquivado dende o orixinal o 23 de maio de 2007. Consultado o 2007-07-08.
- ↑ http://www.springerlink.com/content/n3321437646586h8/[Ligazón morta]
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- MeshName - Mast+cells [2]