Martiño de Tours
Martiño de Tours, tamén coñecido como San Martiño Bispo e San Martiño Cabaleiro, nado en Sabaria, Panonia (hoxe Szombathely, Hungría) no ano 316 e finado en Candes (hoxe Candes-Saint-Martin), Francia, no ano 397, é o patrón da diocese de Ourense.
Nome orixinal | (fr) Martin de Tours |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 316 Szombathely, Hungría |
Morte | 8 de novembro de 397 (80/81 anos) Candes-Saint-Martin, Francia |
Lugar de sepultura | Basilica of St. Martin, Tours (en) |
Bishop of Tours (en) | |
Datos persoais | |
Relixión | Catolicismo |
Actividade | |
Ocupación | sacerdote católico, soldado, bispo católico |
Período de tempo | Imperio Romano |
Alumnos | Sulpício Severo (pt) |
Enaltecemento | |
Día de festividade relixiosa | 11 de novembro |
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Obálky knih, |
Fillo dun tribuno militar romano, seguiu a carreira militar no exército romano, ocupación que abandonou con posterioridade para dedicarse á vida relixiosa.
Conversión
editarO episodio de Amiens no que, ante a súplica dun mendigo, partiu a súa capa á metade con el é a primeira dunha interminable lista de historias relacionadas coa súa xenerosidade relatada por Sulpicio Severo na "Vida de San Martiño". O abandono do exército como consecuencia da súa conversión, cando as tropas de Xuliano o Apóstata se concentraban en Worms para a batalla contra os xermanos, provocoulle a acusación de covardía. A ela contestou que agora non loitaba contra os inimigos senón contra as escravitudes da seu espírito. O relato da súa vida describe que se ofreceu a avanzar en primeira fila, sen armas, sen escudo e sen helmo, por mor de demostrar que era por seguir a Cristo polo que non loitaba contra os homes, non por medo.
Foi acollido como discípulo polo bispo Hilario de Poitiers (un dos Pais da Igrexa latina). Cando este sufriu o exilio, debido ás presións dos arianos, comezou a vivir como eremita. Retirado no illamento e a meditación, foi gañándose o afecto das xentes que acudían a el en busca de consello e conforto. Fundou tres mosteiros: en Milán, no illó de Gallinara e en Ligugé, preto de Poitiers (se cadra sexa este o mosteiro máis antigo de Europa). Neles vivíase nun réxime comunitario de pobreza, penitencia, hospitalidade e estudo anterior á propia regra de Bieito de Nursia.
Bispo
editarSulpicio Severo descríbeo como un home alegre e indulxente, manso e forte, querido polas xentes sinxelas. Isto levou a que, con ocasión dunha visita á catedral de Tours para acudir a un enfermo, o pobo o aclamase como bispo. Contra súa vontade, por considerarse indigno de tal ministerio, foi elixido como bispo da cidade de Tours no ano 370. A representación que de el ás veces se fai cun ganso, deriva da lenda verbo deste episodio: fuxindo da multitude que o aclamaba, ocultouse onda un ganso que, ao grallar, revelou o seu agocho.
Non quixo vivir no pazo episcopal e trasladouse a unha ermida, xerme da que sería máis tarde a abadía de Marmoutier.
Despregou unha importante actividade con grande atención ao apostolado e a combater os costumes pagáns. Fundou numerosas parroquias na Galia, especialmente entre as comunidades labregas. Coñécese tamén a súa posición contraria ao maltrato dos prisioneiros e contra a tortura. Isto supúxolle aldraxes e calumnias por parte de xente influente e os altos funcionarios. Non facía acepción de persoas, mesmo existen relatos de que nun banquete chegou a postergar ao propio Emperador (de aí vén a representación coa copa, que lle ofreceu primeiro a un presbítero que ao propio Emperador).
Se ben foi crítico co priscilianismo, non estivo de acordo coa execución do propio Prisciliano nin coa represión posterior, enfrontándose por iso ó bispo Ithacio que era partidario da represión. En Tréveris suplicou, sen éxito, ao mesmo emperador Máximo a clemencia para os supostos herexes. A súa actitude de tolerancia cos priscilianistas pode ser unha das causas da súa sona en Gallaecia.
Despois da súa morte, foi aclamado polo pobo como santo nos seus funerais celebrados o 11 de novembro (que é cando se celebra a súa festa). Chorado por todos, Sulpicio Severo escribiría del: a ninguén xulgou, a ninguén condenou.
Pervivencia
editarÉ o primeiro santo non apóstolo, non mártir. Gregorio de Tours defíneo como patrón especial do mundo enteiro. Sobre o seu sartego edificouse unha pequena igrexa que recibiu o nome de capela, en lembranza da súa capa compartida (de aí ven o nome capela). Trala conversión dos francos Clodoveo fixo da capa reliquia imperial e gardouse máis tarde na Sainte Chapelle de París. A basílica de St. Martin de Tours sería parada obrigada e relevante do Camiño de Santiago.
Martiño foi un dos santos máis populares na Idade Media como proban a importancia da súa festividade no calendario labrego e as numerosas parroquias e dioceses baixo a súa advocación. Hoxe é patrón dos soldados, tecedores e traballadores do téxtil, dos mendigos, dos presos, dos gansos, así como de Francia e Hungría e das cidades de Buenos Aires, Groninga, Avignon, Utrecht, Amiens, das dioceses de Maguncia, Rottemburg e o cantón de Schwyz.
En Galicia destaca por ser o patrón da cidade de Ourense e da diocese do mesmo nome, que dedica a este santo a súa catedral e unha das súas principais festas: o Magosto que se celebra o día 11 de novembro. O evanxelizador do Reino Suevo de Galicia Martiño de Dumio ou de Braga, puxérase baixo a súa advocación.
Galería de imaxes
editar-
San Martiño Pinario (Santiago de Compostela)
-
Tímpano de San Martiño de Moaña, hoxe no Museo de Pontevedra
-
San Martiño de Agudelo (Barro, Pontevedra)
-
Catedral de Ourense
-
Fronte de altar, no Museo das Peregrinacións (Santiago de Compostela)
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Pernoud, Régine. San Martín de Tours (en castelán). Ediciones Encuentro. ISBN 9788474904826.
Outros artigos
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Martiño de Tours |