[go: up one dir, main page]

Magnoliáceas

Familia botánica
(Redirección desde «Magnoliaceae»)
Magnoliáceas

Magnolia × wieseneri
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Magnoliales
Familia: Magnoliaceae
Juss., 1789
Xéneros

As Magnoliáceas (Magnoliaceae) son unha familia de anxiospermas pertencente á orde Magnoliales. Consta de dous xéneros cunhas 225 especies, que se distribúen por Asia tropical e temperada e América boreal e meridional.[1]. Teñen as partes florais en aneis, os estames e pistilos en disposición espiral ao longo do eixo floral cun receptáculo cónico central. Esta disposición semella ser a arcaica nas anxiospermas. As flores das magnoliáceas non teñen unha clara diferenciación entre pétalos e sépalos, cunhas estruturas denominadas tépalos. Divídense en dúas subfamilias:

Distribución e hábitat

editar

Distribúense amplamente en zonas temperadas e tropicais do sueste de Asia, e en América do Sur e central tropical. No Neotrópico coñécense arredor de 45 especies de magnoliáceas (Lozano 1994), distribuídas en América Central, as Antillas, o oriente das Güianas, os Andes, a vertente andino-amazónica e o sueste do Brasil. En Colombia concéntrase a maior diversidade de magnoliáceas do Neotrópico, con 33 especies (incluíndo dúas posíbeis especies novas), todas do xénero Magnolia. Das especies colombianas, 29 son exclusivas do país, e localízanse principalmente en forestas húmidas ou moi húmidas, desde o nivel do mar até 3000 msnm, na faixa andina e subandina, e no Chocó Bioxeógrafico (Lozano 1983, 1994; Velásquez & Serna 2005).

Posición sistemática

editar

As magnoliáceas, desde a súa descrición, foron consideradas como un grupo primitivo de Anxiospermas, arredor do cal se colocaron unhas ou outras familias, dependendo do sistema, para crear unha orde Magnoliales. O APW (Angiosperm Phylogeny Website) considera que é o grupo irmán do clado apical da Orde, formado por (Degeneriaceae, Himantandraceae) (Eupomatiaceae, Annonaceae).[2]

Táxones xenéricos

editar
 
Magnolia hodgsonii

A sistemática interna da familia é moi controvertida, distinguíndose desde 12 xéneros (p. ex. Hutchinson, 1964) a 7 (Nooteboom, 1993) ou só 2 (véxase o APW máis arriba). Os recentes estudos de filoxenia molecular deixan a Liriodendron coma un xénero indiscutido na súa validez, mais os restantes xorden coma ramas internas dun xénero Magnolia fortemente parafilético, polo que a tendencia actual é a incluír Manglietia, Pachylarnax, Krameria, Elmerrillia e Michelia nun amplo xénero Magnolia, opción que seguimos aquí. O único taxon candidato a manter posibelmente o seu status xenérico sería Talauma, ao ser a rama basal da árbore filoxenética do xénero Magnolia, mais esta opción cómpre dun consenso que aínda non se acadou entre os botánicos.

Os dous xéneros que se recoñecen aquí poden distinguirse como segue:

 
Flor e follas de Liriodendron tulipifera
  • Follas 2-10-lobuladas, de ápice truncado ou amplamente escotado. Anteras extrorsas. Carpelos samaroides en froito, caedizos:
Liriodendron L., 1753. Oriente de América do Norte, sur da China e norte do Vietnam.
  • Follas enteiras, raramente 2-lobuladas. Anteras introrsas ou latrorsas. Carpelos non samaroides en froito, dehiscentes ou circuncísiles, se indehiscentes, formando un sincarpo:
Magnolia L., 1753. Leste e sur de Asia, Indonesia e Nova Guinea, América do norte e do sur.

Orixe do nome

editar

O xénero deu nome á familia e á orde, e leva o nome de Pierre Magnol, botánico de Montpellier (Francia). A primeira especie identificada deste xénero foi Magnolia virginiana, encontrada por uns misioneiros enviados a América do Norte na década de 1680. Tamén alí se atopou o magnolio (Magnolia grandiflora), xa no século XVIII.

Evolución

editar

As magnoliáceas son unha antiga familia que evolucionou antes de que apareceran as abellas, polo que as flores se desenvolveron de xeito que puidesen ser polinizadas por escaravellos. Como consecuencia, posúen duros carpelos para evitaren a súa deterioración. Téñense atopado espécimes fosilizados de Magnolia acuminata cunha antigüidade de 20 millóns de anos e puidéronse identificar plantas pertencentes á familia Magnoliaceae que datan de hai 95 millóns de anos.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  1. Hutchinson, J. 1964. The genera of flowering plants (Angiospermae). Dicotyledones. Vol. 1. Clarendon Press, Oxford, xiii + 516 páxs.
  2. Nooteboom, H.P. 1993. Magnoliaceae. En: Kubitzki, K., Rohwer, J.G. & Bittrich, V. (Editores). The Families and Genera of Vascular Plants. II. Flowering Plants - Dicotyledons. Springer-Verlag.
  3. Watson, L., e Dallwitz, M.J. 1992 onwards. The families of flowering plants: descriptions, illustrations, identification, and information retrieval. Versión: 29 de xullo de 2006. http://delta-intkey.com Arquivado 03 de xaneiro de 2007 en Wayback Machine.

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar