[go: up one dir, main page]

Hormona estimulante dos melanocitos

composto químico
(Redirección desde «MSH»)

Hormona estimulante dos melanocitos (MSH), melanotropina ou intermedina son termos cos que se designa un tipo de hormonas peptídicas producidas polas células do lóbulo intermedio da hipófise ou pituitaria, das que hai tres formas: alfa, beta e gamma. Foron illadas por Aaron B. Lerner da Universidade Yale.[1] Existen tamén análogos sintéticos destas hormonas.

Funcións

editar

Estimulan a produción e liberación de melanina (melanoxénese) polos melanocitos da pel e pelo. Sobre o cerebro a MSH actúa aumentando o apetito e a excitación sexual.

Nos anfibios

editar

Nalgúns animais (como o anfibio Xenopus laevis) a produción de MSH increméntase cando o animal está nun lugar escuro. Isto causa que o pigmento se disperse nas células pigmentarias da pel do sapo, facéndoo máis escuro, e difícil de localizar polos depredadores. Como as células pigmentarias se chaman melanóforos, nos anfibios a hormona denomínase hormona estimulante dos melanóforos.

Nos humanos

editar

Un incremento de MSH tamén causa o escurecemento nos humanos. A MSH aumenta nos humanos durante o embarazo. Isto, xunto co aumento dos estróxenos, causa o incremento da pigmentación nas mulleres preñadas. A síndrome de Cushing (orixinada por un exceso de ACTH) pode tamén orixinar hiperpigmentación, como a acantose nigricans na axila. A maioría das persoas con enfermidade de Addison primaria teñen a pel escurecida (hiperpigmentación), mesmo en áreas non expostas ao sol; zonas características de hiperpigmentación son os pregamentos da pel (por exemplo nas mans), mamilas, e a mucosa bucal do interior da meixela, ou en cicatrices vellas. Isto ocorre porque a MSH e a ACTH comparten a mesma molécula precursora, a proopiomelanocortina (POMC).

A causa principal das variacións raciais na pigmentación da pel non son os diferentes niveis de MSH segregados. Porén, en moitos persoas de pelo roxo, e en persoas que non se broncean con facilidade, hai variacións nos seus receptores hormonais, que causan que non respondan á MSH presente no sangue (ver receptor da melanocortina).

Estrutura da MSH

editar
As tres formas de MSH derivan da proopiomelanocortina
Proopiomelanocortina
     
γ-MSH ACTH β-lipotropina
         
  α-MSH CLIP γ-lipotropina β-endorfina
       
    β-MSH  

A hormona estimulante dos melanocitos pertence a un grupo chamado melanocortinas. Neste grupo están incluídas a ACTH, a hormona estimulante dos melanocitos alfa (α-MSH), a hormona estimulante dos melanocitos beta (β-MSH) e a hormona estimulante dos melanocitos gamma (γ-MSH). Todos estes péptidos son produtos do corte proteolítico dun péptido precursor máis longo chamado proopiomelanocortina (POMC). A α-MSH é a melanocortina máis importante para a pigmentación.

As diferentes hormonas estimulantes dos melanocitos teñen as seguintes secuencias de aminoácidos:

α-MSH: Ac-Ser-Tyr-Ser-Met-Glu-His-Phe-Arg-Trp-Gly-Lys-Pro-Val
β-MSH (humana): Ala-Glu-Lys-Lys-Asp-Glu-Gly-Pro-Tyr-Arg-Met-Glu-His-Phe-Arg-Trp-Gly-Ser-Pro-Pro-Lys-Asp
β-MSH (porcina): Asp-Glu-Gly-Pro-Tyr-Lys-Met-Glu-His-Phe-Arg-Trp-Gly-Ser-Pro-Pro-Lys-Asp
γ-MSH: Tyr-Val-Met-Gly-His-Phe-Arg-Trp-Asp-Arg-Phe-Gly

MSH sintética

editar

Desenvolvéronse para o uso humano análogos sintéticos da α-MSH. Dous dos mellor coñecidos son o afamelanotide (melanotán-1) que está ensaiando a Clinuvel Pharmaceuticals en Australia e o bremelanotide da Palatin Technologies de Nova Jersey.

  • O afamelanotide (anteriormente CUV1647) está investigándose como un método de fotoprotección en pacientes con protoporfiria eritropoiética, e outras enfermidades da pel.[2]
  • Outro análogo, o melanotán II causa un aumento da libido e ereccións na maioría dos ensaios en machos e excitación coa correpondente implicación xenital nos ensaios en femias.[3] O Bremelanotide (anteriormente PT-141), que deriva da investigación sobre o melanotán II, estivo previomente a ser investigado pola compañía de Nova Jersey polos seus efectos afrodisíacos. Estes efectos están mediados por accións no hipotálamo sobre neuronas que expresan os receptores MC3 e MC4.

Alfa-MSH

editar

A máis importante das hormonas estimulantes dos melanocitos é a hormona estimulante dos melanocitos alfa (alfa-MSH; α-MSH), tamén chamada melanotropina alfa, melanocortina alfa, ou intermedina alfa [4]. É un péptido de 13 aminoácidos que forma parte da familia das melanocortinas (Ac-Ser-Tyr-Ser-Met-Glu-His-Phe-Arg-Trp-Gly-Lys-Pro-Val-NH2). É a máis importante das MSH na estimulación da melanoxénese. Tamén inflúe no apetito homeostase enerxética e na actividade sexual.

A α-MSH é un agonista non selectivo dos receptores da melanocortina: MC1, MC3, MC4 e MC5, pero non do MC2 (que é exclusivo da ACTH). A activación do receptor MC1 é o que produce o seu efecto sobre a pigmentación, entanto que o seu efecto sobre o apetito, metabolismo e sexualidade está mediado polos receptores MC3 e MC4.

Xérase como o resultado do corte proteolítico da ACTH (1-13), que sofre amidación e acetilación no extremo C-terminal [5], a cal, á súa vez, é un produto do corte da proopiomelanocortina (POMC).

A súa vida media no sangue é de 20 minutos [6].

  1. "Professor Aaron Lerner. Dermatologist who discovered melatonin". Times Online. 19 de marzo de 2007. Arquivado dende o orixinal (Obituary) o 16 de xullo de 2011. Consultado o 31 de marzo de 2009. 
  2. "Clinuvel FAQs". Arquivado dende o orixinal o 11 de abril de 2008. Consultado o 03 de febreiro de 2012. 
  3. Hadley ME (2005). "Discovery that a melanocortin regulates sexual functions in male and female humans". Peptides 26 (10): 1687–9. PMID 15996790. doi:10.1016/j.peptides.2005.01.023. 
  4. ChemSpider
  5. PubChem compound alpha-MSH
  6. Langan EA, Nie Z, Rhodes LE (2010). "Melanotropic peptides: more than just 'Barbie drugs' and 'sun-tan jabs'?". The British Journal of Dermatology 163 (3): 451–5. PMID 20545686. doi:10.1111/j.1365-2133.2010.09891.x. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar