José Luis Méndez López
José Luis Méndez López, nado na Coruña o 11 de setembro de 1945, é un banqueiro galego, director xeral de Caixa Galicia entre 1981 e 2010.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1945 (78/79 anos) A Coruña, España |
Educación | Universidade Complutense de Madrid - doutoramento |
Actividade | |
Ocupación | empresario |
Empregador | Caixa Galicia Fundación Caixa Galicia |
Premios | |
| |
Traxectoria profesional
editarEstudou na Escola de Comercio da Coruña e máis tarde, en 1967, licenciouse en Económicas pola Universidade Complutense de Madrid. Doutorouse na mesma universidade, onde tivo como director da tese o economista Enrique Fuentes Quintana, e continuou a súa carreira como profesor universitario de facenda pública nesa entidade, e logo de teoría económica na Universidade de Santiago de Compostela, a finais dos anos sesenta.
O seu percorrido profesional na banca iniciouno no Banco del Noroeste, pertencente ao grupo Rumasa, no departamento de investimentos. En 1977 é nomeado director xeral da Caixa Xeral de Aforros de Ferrol, cargo que ocupa unicamente durante seis meses, porque en 1978 esta entidade se fusiona coa Caja de Ahorros de La Coruña y Lugo, que dá lugar a Caixa Galicia. En 1981 é nomeado director xeral da nova entidade por Xoán Cardona Rodríguez, en substitución de Antonio Lorenzo.
Durante os seus anos á fronte da entidade, Caixa Galicia foi reforzando a súa posición absorbendo ou fusionándose coa Caja de Ahorros de Santiago (1980), Caja de Ahorros Provincial de Lugo, (1982), as caixas rurais da Coruña, Pontevedra (1986), Ourense (1988) e León (1992). Nos anos noventa tamén integra as redes bancarias do Banco de Fomento (1994), do Banco Urquijo (2000) e do BNP España (tamén en 2000).
En 2010 a crise financeira afectou grandemente a súa entidade, o que levou a súa fusión con Caixanova. O 16 de setembro dese ano dimitiu da dirección xeral[1], catro días despois de facer os 65 anos, e foi substituído de forma provisional por Xavier García de Paredes. Na nova entidade, Xosé Luís Méndez ocupou o cargo de presidente da Fundación social da entidade, fóra da primeira liña da xestión bancaria, logo de percibir 16.5 millóns de euros en concepto de despedimento[2]. Ademais continúa como presidente da Fundación Claudio San Martín e como membro do consello de administración de Sacyr ou no de Tecnocom, ambos en representación de Novacaixagalicia.
Cargos
editarPola súa posición á fronte de Caixa Galicia, foi tamén director xeral de Ahorro Corporación e vicepresidente de Caser e de Unión Fenosa. Tamén foi conselleiro en varias empresas, como Pescanova, Sacyr, Ence etc.
É o presidente do Club de Economía de Iñás.
Vida familiar
editarÉ pai de tres fillos, entre eles os empresarios Yago Méndez e Lis Méndez.
Notas
editar- ↑ José Luis Méndez se jubila como director general de Caixa Galicia Arquivado 18 de setembro de 2010 en Wayback Machine., Xornal, 16/9/2010
- ↑ José Luis Méndez cobró de Caixa Galicia 16,5 millones por jubilación, El País, 7/10/2011.
Ligazóns externas
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: José Luis Méndez López |