[go: up one dir, main page]

Harmodio e Aristoxitón

Aristoxitón (en grego antigo: Ἀριστογείτων / Aristogeitôn) e Harmodio (en grego antigo: Ἁρμόδιος / Harmodios), finados en -514, foron coñecidos como os Tiranicidas (tiranicidio, do grego τύραννος / tyrannos, "tirano" e o latín -cido "matar"), logo de asasinar a Hiparco de Atenas.

Harmodio e Aristoxitón, copia romana da estatua Ateniense de Critio e Nesiotes.

Aristoxitón era un ateniense de clase media. O seu mozo amante, Harmodio, pertencía a unha nobre familia de Atenas[1]. Harmodio, ofendido por Hiparco, un dos Pisistrátidas, que impediu que a súa irmá formase parte das canéforas na procesión das Panateneas, decide acabar cos tiranos coa axuda de Aristoxitón. Non lles resulta difícil, dado o malestar do pobo provocado pola tiranía dos Pisistrátidas, contar con varios cómplices. A idea era a de aproveitar o desfile militar das Panateneas para asasinar a Hipias e Hiparco[2].

O día sinalado, Aristoxitón e Harmodio advertiron que un dos conxurados discutía no Cerámico con Hipias, que se achaba rodeado da súa garda persoal. Crendo que este os traizoara, deciden pospor o atentado e, no seu camiño de retirada, atópanse con Hiparco que ía sen escolta e apuñálano até darlle morte. Cando acudiu a escolta, Harmodio morreu tamén no mesmo lugar, mentres que Aristoxitón escapou nun primeiro momento pero foi apresado despois[3].

Harmodio e Aristoxitón son considerados como dous heroes e tratados como mártires da liberdade, tras o derrocamento de Hipias, a pesar de que o seu tiranicidio estivese provocado por razóns persoais. Dúas estatuas, esculpidas por Antenor, foron erixidas na súa honra na Ágora. Ambas foron destruídas por Xerxes tras o saqueo de Atenas en -480, e restauradas despois por Alexandre o Grande (ou segundo Pausanias, por Antíoco)[4]. Atribúeselles igualmente un lugar nas Illas dos Benaventurados, á beira de Aquiles.

  1. Tucídides VI,54.
  2. Tucídides VI,56.
  3. Tucídides VI,57.
  4. Pausanias I,8,5.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar