Globulina
As globulinas son un grupo de proteínas globulares de maior peso molecular e máis hidrosolubles que as albuminas, que se encontran no plasma sanguíneo e outros fluídos animais e en plantas. Son solubles en disolucións salinas diluídas, pero non en auga pura e precipitan en sulfato de amonio ao 50%.[1] Algunhas globulinas prodúcense no fígado e outras no sistema inmunitario. As globulinas, albuminas, e o fibrinóxeno son as principais proteínas sanguíneas. A concentración normal de globulinas no sangue é de 2,6-4,6 g/dL. Nos tecidos vexetais, como os das sementes de moitas plantas, hai tamén globulinas. Entre as globulinas hai proteínas transportadoras, que transportan substancias específicas; reactivos de fase aguda dos procesos inflamatorios; factores de coagulación; compoñentes do complemento; e inmunoglobulinas.
O termo "globulina" non se debe usar como sinónimo de "proteína globular". Por exemplo, as albuminas son tamén proteínas globulares pero non son globulinas. As demais proteínas globulares do soro sanguíneo son globulinas.
Tipos de globulinas
editarAs globulinas poden pertencer a catro posibles categorías:
- Alfa 1 globulinas. Por exemplo, a alfa 1-antitripsina, que é a encargada de controlar a acción dos encimas lisosómicos, ou a alfa 1-glicoproteína ácida, tamén coñecida como orosomucoide, que é un reactante de fase aguda sintetizado no fígado como resposta á inflamación e danos nos tecidos.
- Alfa 2 globulinas. Por exemplo, a macroglobulina (alfa 2) cuxa función primordial é neutralizar os encimas proteolíticos, a haptoglobina, encargada de fixar a hemoglobina plasmática libre liberada polos eritrocitos, e transportala ao fígado para que non se excrete pola urina, ou a ceruloplasmina, que transporta e fixa o 90 % do cobre sérico.
- Beta globulinas. Por exemplo, a transferrina, que transporta ferro do intestino a depósitos de ferritina en diferentes tecidos, e desde alí a onde sexa necesario.
- Gamma globulinas. Corresponden ás inmunoglobulinas séricas ou anticorpos (IgA, IgE, IgG, IgM), sintetizados polos linfocitos B.
As globulinas poden distinguirse utilizando unha electroforese de proteínas do soro sanguíneo.
Tamaños
editarHai globulinas de varios tamaños. As globulinas máis lixeiras son as alfa globulinas, que tipicamente teñen pesos moleculares de arredor de 92 kDa, mentres que a clase máis pesada de globulinas é a das gamma globulinas, que adoitan pesar uns 120 kDa, e como son as máis pesadas son as que corren máis lentas nos xeles de electroforese.
Pseudoglobulinas e euglobulinas
editarAs pseudoglobulinas son unha clase de globulinas que son máis solubles en sulfato de amonio que as euglobulinas. As pseudoglobulinas son tamén solubles en auga pura, mentres que as euglobulinas non.[2]
Globulinas de plantas
editarNas plantas existen tamén proteínas ás que se lle dá o nome de globulinas, como a cucurbitina, a vicilina e a legumina, que funcionan como almacéns de material proteico nas sementes.[3][4] Estas proteínas poden causar reaccións alérxicas se se unen con anticorpos IgE humanos.[5]
Notas
editar- ↑ Answers
- ↑ Harris, T; Eagle (1935). "THE IMMUNOLOGICAL SPECIFICITY OF THE EUGLOBULIN AND PSEUDOGLOBULIN FRACTIONS OF HORSE AND HUMAN SERUM". J Gen Physiol 19 (2): 383–396. PMC 2141424. PMID 19872935. doi:10.1085/jgp.19.2.383.
- ↑ Tulloch PA, Blagrove RJ. Electron microscopy of seed-storage globulins. Arch Biochem Biophys. 1985 Sep;241(2):521-32. PMID 4037802.
- ↑ Peter R. Shewry, Rod Casey. Seed Proteins. Google books
- ↑ Sanchez-Monge, R.; Lopez-Torrejón, G.; Pascual, C. Y.; Varela, J.; Martin-Esteban, M.; Salcedo, G. (12 November 2004). "Vicilin and convicilin are potential major allergens from pea". Clinical & Experimental Allergy 34 (11): 1747–1753. doi:10.1111/j.1365-2222.2004.02085.x.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- Cornell
- Globulins Medical Subject Headings (MeSH) na Biblioteca Nacional de Medicina dos EUA.