Good Bye, Lenin!
Good Bye, Lenin! é un filme alemán dirixido por Wolfgang Becker que se estreou no 2003. Está protagonizada por Daniel Brühl, Katrin Sass, e Chulpan Khamatova. A maioría das escenas graváronse na Karl-Marx-Allee en Berlín e ao redor das Plattenbauten preto da Alexanderplatz.
Good Bye, Lenin! | |
---|---|
Ficha técnica | |
Título orixinal | Good Bye, Lenin! |
Director | Wolfgang Becker |
Produtor | Stefan Arndt |
Guión | Wolfgang Becker Bernd Lichtenberg |
Intérpretes | Daniel Brühl Katrin Saß Chulpan Khamatova Maria Simon Alexander Beyer |
Música | Yann Tiersen Claire Pichet Antonello Marafioti |
Fotografía | Martin Kukula |
Montaxe | Peter R. Adam |
Estudio | X-Filme Creative Pool |
Distribuidora | X Verleih AG (Alemaña) Sony Pictures Classics (USA) |
Estrea | 13 de febreiro de 2003 |
Duración | 121 minutos |
Orixe | Alemaña |
Xénero | Drama |
Orzamento | €4 800 000 |
Recadación | $79 384 880 |
Na rede | |
http://www.good-bye-lenin.de/index2.php e https://www.good-bye-lenin.de/ | |
Sinopse
editarRepública Democrática Alemá, outubro de 1989. Christiane, a nai de Alexander Kerner (Daniel Brühl), é unha muller orgullosa das súas ideas socialistas e dirixente do Partido Socialista Unificado entregada á política tras o abandono do seu marido á Alemaña Occidental. Christiane perde o coñecemento ao ver o seu fillo metido en disturbios ocasionados por unha manifestación en contra de Erich Honecker, coa policía do estado que tanto admira, e entra en estado de coma.
Alex vese enredado nunha complicada situación cando a súa nai sae do coma oito meses despois. Nada podería afectar tanto á súa nai como a caída do Muro de Berlín e o triunfo do capitalismo na súa amada Alemaña Oriental, e seguindo a advertencia do médico de deixala en repouso e sen grandes desgustos, para evitar unha posible recaída, decide ocultarlle que o Muro de Berlín caeu mentres ela estaba enferma. Para iso montará unha serie de falsos telexornais, coa axuda do seu amigo Denis, nos que escribirá a súa propia historia do país.
Como trama paralela, a película revela a verdadeira historia do pai de Alex e o reencontro co seu fillo.
O filme formula críticas tanto ao socialismo (a parafernalia, burocracia e militarismo), como ao capitalismo (cheo de símbolos baleiros e exaltacións do simplemente material).
Información
editar- Dirixe Wolfgang Becker (Renania do Norte (Alemaña), 1954) tamén director de Schmetterlinge (1987) e Das Leben ist eine Baustelle (1997) entre outras. Tamén é autor do episodio da serie de televisión Tatort titulado Blutwurstwalzer (1991), do documental Celibidache (1992) e do telefilme Kinderspiele (1992).
- Os seus protagonistas son Daniel Brühl, nado en Barcelona (Cataluña) e fillo de nai catalá e pai alemán; Katrin Saß; Chulpan Jamatova (Viktor Vogel – Commercial Man, Luna Papa, Tuvalu) e Maria Simon.
- O guión está escrito polo propio director en colaboración con Bernd Lichtenberg.
- O director de fotografía é Martin Kukula, que xa traballara con Becker en Das Leben ist eine Baustelle.
- A a banda sonora está composta por Yann Tiersen, tamén compositor da banda sonora de Le Fabuleux Destin d'Amélie Poulain.
- Un dos personaxes secundarios da trama é un taxista chamado Stefan Walz, e que foi cosmonauta da RDA. O personaxe está inspirado no astronauta e mito na RDA Sigmund Jähn, malia que este non acabou como taxista tras a reunificación, senón como consultor da DLR (Deutsches Zentrum für Luft- und Raumfahrt) ou Axencia espacial alemá, herdeira da do antigo Oeste, e posteriormente da ESA ou Axencia Espacial Europea.
- O apartamento da nai de Alex está localizado no distrito berlinés de Friedrichshain e gran parte das escenas graváronse alí, incluída unha das máis importantes; cando a nai de Alex decide saír do apartamento. Con todo, Friedrichshain só se menciona unha vez nas noticias montadas despois desa escena.
Premios
editar- Presentouse no Festival Internacional de Cine de Berlín de 2003 onde conseguiu o premio Blaue Engel á mellor película europea.
- Gañou o Premio Especial do Xurado no Festival de Cine de Valladolid en 2003.
- Conseguiu os Premios do Cine Europeo 2003 á mellor película, actor (Daniel Brühl) e guión, así como todos os premios do público (película, actor e actriz para Katrin Saß).
Véxase tamén
editarOutros artigos
editar- Filmes de Alemaña propostos ó Óscar ó mellor filme internacional
- Filmes propostos ó mellor filme internacional na 76ª edición dos Óscar
- Ostalgie
- República Democrática Alemá
- Die fetten Jahre sind vorbei
Ligazóns externas
editar- Sitio Web Oficial (en inglés)
- Trivia for Good Bye Lenin! (en inglés).