[go: up one dir, main page]

Flegma

(Redirección desde «Flema»)

A flegma[1][2], fleima[3] ou fleuma[4][5] (en grego: φλέγμα, "inflamación") é o fluído corporal secretado pola mucosa do sistema respiratorio dos mamíferos. A definición exclúe o moco producido no tracto dixestivo e finalmente eliminado pola canle anal.

É un xel ou moco suculento, secretado polas células caliciformes do epitelio alveolar e traqueobronquial, que contén glicoproteínas, anticorpos, lípidos e outras substancias. A súa composición depende do clima, da xenética e do estado do sistema inmunitario. A súa cor normal é o branco transparente pero en condicións patolóxicas pode variar substancialmente segundo a súa composición, sendo transparente, amarelo claro ou escuro, verde, marrón claro ou escuro e mesmo gris.

A función da flegma ou moco bronquial é manter a humidade do tracto respiratorio inferior así como atrapar e facilitar o movemento de partículas estrañas cara ao exterior polos cilios. Polo seu contido en lisocimas, lactoferrina e inmunoglobulinas, tamén ten funcións antimicrobianas e tamén protexe as vías respiratorias contra axentes proteolíticos como a α1-antitripsina ou a α1-antiquimotripsina e antiproteases como a antielastase.[6]

A flegma prodúcese normalmente en cantidades moi pequenas (100 ml ou menos ao día) e adoita tragarse sen querer. Cando a súa produción supera o normal ou aumenta a súa viscosidade, por enfermidade ou irritación, e se manifesta por dificultar a función respiratoria, o organismo elimínaa mediante a tose e a expectoración, co que se denomina esputo, sendo estes os síntomas e signos empregados para avaliar clinicamente a situación do paciente.

A flegma como humor corporal

editar

A flegma é un dos catro humores que, segundo a teoría dos catro humores, base da medicina hipocrática, caracterizan o corpo humano e que están en equilibrio cando unha persoa está sa. O desequilibrio, tanto por exceso como por defecto, dos humores, segundo esta teoría, é a causa das enfermidades.

A flegma, fría e húmida, estaba relacionada coa lúa, coa auga e predomina no inverno.[7]

O predominio dun humor en cada individuo determina, segundo a citada teoría, o seu carácter e, polo tanto, o predominio da flegma estivo asociado ao comportamento apático, utilizando como sinónimo o termo "flegmático"[8]. Tamén era sinónimo de preguiza, lentitude ou demasiado tarde e estaba asociado á vellez e ao inverno nas obras literarias e pictóricas.[9]

Segundo a medicina tibetana, a flegma tamén é un dos tres humores (xunto coa bile e o vento) do organismo cuxa perturbación se manifesta en enfermidades, e considera que durante a infancia (até os 16 anos) predomina o humor flegmático.[10]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para flegma.
  2. "Significado de flegma no Dicionário Estraviz". estraviz.org. Consultado o 2022-05-29. 
  3. "Dicionario de dicionarios; fleima". sli.uvigo.es. Consultado o 2022-05-29. 
  4. "bUSCatermos". aplicacions.usc.es. Arquivado dende o orixinal o 29 de maio de 2022. Consultado o 2022-05-29. 
  5. "Dicionario de dicionarios". sli.uvigo.es. Consultado o 2022-05-29. 
  6. Best &Taylor. Bases Fisiológicas de la Práctica Médica. Editorial Médica Panamericana, 2010. Edición 14. ISBN 9500602539, 9789500j602532
  7. Gargantilla Madera, Pedro. Breve historia de la medicina. Ediciones Nowtilus S.L., 2011. ISBN 8499671497, 9788499671499
  8. "Dicionario; flegmático,-a". Real Academia Galega. Consultado o 2022-05-29. 
  9. Tyler, Richard W. La «flema» en los Siglos de Oro AIH, Acta VIII (1983) Centro Virtual Cervantes (en castelán)
  10. Chögyal Namkhai Norbu, Namkhai Norbu, Rinpoché. Nacimiento, vida y muerte : según la medicina tibetana y la enseñanza dzogchén ; (en castelán, traducido por Elías Capriles). Editorial Kairós, 2012. ISBN 849988184X, 9788499881843

Véxase tamén

editar