[go: up one dir, main page]

Evasión do Santa Teresa

fuxida de exiliados galegos desde O Vicedo a Francia

A evasión do Santa Teresa foi a fuxida dun grupo de guerrilleiros galegos desde O Vicedo rumbo a Francia o 13 de decembro de 1946.

Historia

editar

Trala vitoria aliada na segunda guerra mundial en 1945, que en lugar de provocar a caída do réxime franquista serviu para consolidalo, produciuse desalento e frustración entre os guerrilleiros galegos. Un grupo de guerrilleiros vinculados ao PCE, sen coñecemento da dirección da guerrilla, pensaba que a loita armada xa non tiña sentido e había que abandonala e saír de España.

Antonio Paleo Saavedra, que actuaba de enlace entre o grupo Neira e os outros grupos da comarca do Eume, foi o encargado de organizar a escapada. Recorreu á axuda do patrón de cabotaxe Cipriano Ponte Rodríguez. Mercaron o buque Santa Teresa, de 16 toneladas de rexistro bruto, propiedade dos veciños de San Cibrao Pepe de Pillado e Laureano Pérez, que o venderon por 60.000 pesetas.

Na madrugada do 13 de decembro de 1946 o Santa Teresa chegou á praia da Abrela, no Vicedo. A tripulación estaba composta por Antonio Paleo, Victoriano Mosquera, como maquinista, o mariñeiro de Celeiro José Soto, e Laureano Pérez Rubiños, copropietario do barco.

No Santa Teresa embarcaron Eusebio González Pedreira, Ramón Chaves, Vicente Lage Fernández "Chicharro", José Antonio Franco Basanta "Manchego" ou "Caudillo", Francisco Gómez Núñez, Domingo Villar Torres, Ramón Vizoso, Evaristo Candelas Pérez "Evaristo" coa súa compañeira Lola e Antonio Molins Valls "Noi" coa súa muller Evangelina Pigueiras, do grupo de Viveiro; Evaristo Eive Villar, Amador Barcia Fernández "Xicos", Antonio Vilar Pereira e Higinio Vilar Pereira, Manuel Piñeiro Antón, Manuel Vilar Pazos e Manuel Rodríguez Pérez "Galán", do grupo de Ferrol.

O Santa Teresa sufriu unha avaría na caldeira cando navegaba á altura de Xixón e tivo que entrar nese porto cos fuxidos agochados na adega. Reparada a avaría saíron de Xixón e chegaron a Baiona o 20 de decembro. Ao día seguinte foron trasladados ao campo de Merignac (Bordeos).[1]

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar