[go: up one dir, main page]

Edificio

estrutura humana cun teito e paredes que se mantén máis ou menos permanentemente nun lugar

Un edificio ou edificación é unha estrutura pechada cun tellado e paredes como, por exemplo, unha casa. A palabra edificio quere dicir "facer fogo" (do indoeuropeo æde, fogo e do latín facere, facer), o que non debe estrañar cando un dos termos que se utiliza para a vivenda é fogar. Un edificio é normalmente unha construción realizada con materiais resistentes (madeira, pedra, metal, formigón etc.) para poder protexerse das inclemencias meteorolóxicas cando se realizan tarefas que precisan de certa privacidade.

Partenón, Atenas.

Da orixe do nome explícase as finalidades dos edificios primitivos, que se crearon para albergar o fogo, evitando que se apagase por mor da choiva, o vento e demais inclemencias do tempo, debido a que acendelo non era doado.

A inventiva humana foi mellorando as técnicas de construción e elaborando as diversas partes do edificio, ata facer da actividade de edificar unha das Belas Artes: a Arquitectura.

Arquitectura clásica

editar

Na arquitectura clásica distínguense os seguintes conceptos, referidos aos seus corpos e formas:

Corpos do edificio

editar

Pódense describir os corpos dun edificio como as partes físicas que o compoñen. Distínguense da seguinte maneira:

  • Á é o corpo que se estende por un lateral relacionándose con outro.
  • Pórtico é o corpo formado por unha galería de columnas ou por arcadas ante a portada do edificio e tamén toda galería de columnas ou pilastras, cuberta e apoiada no chan pero aberta ao ar libre.
  • Perístilo é o pórtico que se estende ao redor do edificio tanto na súa parte interior como na exterior.
  • Atrio, patio situado no interior do edificio.
  • Adro, praza que se atopa no exterior dalgunhas igrexas e que tamén se pode chamar atrio ou adral.
  • Vestíbulo, o mesmo atrio interior e, en xeral, a primeira estancia despois da porta, que dá paso ás demais.
  • Nave, todo ámbito interior que se estende ao longo nas igrexas, que se chama así por tomar a forma xunto coa súa bóveda dun barco invertido.
  • Transepto, nave menor que corta as outras.
  • Cruceiro, o mesmo que o transepto e tamén a intersección deste coa nave principal.
  • Deambulatorio, nave circular detrás da capela maior configurada como unha prolongación das naves laterais.
  • Tramo, cada unha das porcións transversais (de columna a columna ou de pilastra a pilastra) en que se divide unha nave.
  • Ábsida, corpo de planta semicircular ou poligonal situado no extremo oposto á entrada principal, que se denomina menor ou secundario. Chámanse absidiolas as subdivisións da parte absidal.
  • Cripta é a capela ou igrexa subterránea situada polo xeral debaixo doutra.
  • Cruxía é o ámbito que se atopa entre dous muros de carga.
  • Claustro é o conxunto de pórticos interiores que rodean un patio nos mosteiros e catedrais.
  • Galería, todo ámbito con arcadas abertas ao ar libre a calquera altura do chan e tamén toda obra saínte en forma de balcón prolongado ou unha estancia moi longa.
  • Triforio é a galería que se sitúa no piso superior das naves laterais.
  • Coroamento é o conxunto de remates do edificio como termo ou coroa do mesmo.

Os corpos do edificio constan de membros principais e secundarios. Os membros principais pódense clasificar en dous tipos:

  • Os soportes. A este grupo corresponden os muros e as columnas. Estes elementos denomínanse de modo xeral macizos para distinguilos dos vans (espazos de luz entre os anteriores). Entre os macizos, merece especial consideración o aparello que é a disposición e trabazón que se lle dá aos materiais empregados na obra.
  • O soportado ou sostido. Aquí englobaríanse o entaboamento, os arcos, bóvedas e teitumes.

Formas dos edificios

editar

Considerando a planta e os pórticos, os edificios poden denominarse:

  • Cella, se a planta é rectangular e sinxela.
  • Rotonda, se é circular.
  • Polígono, se a planta é poligonal.
  • Próstilo é o edificio que ten un pórtico de columnas na súa parte dianteira.
  • Anfipróstilo, tamén o ten na súa parte traseira.
  • Períptero, cando leva galería de columnas ao redor, separadas do muro.
  • Pseudo-períptero se as columnas están contiguas por fóra.
  • Áptero, se non as ten.
  • Díptero se leva dúas series de columnas, tamén ao redor da cela.
  • Pseudodíptero, se unha serie está contigua e a outra separada.
  • Diástilo, tetrástilo, exástilo, octóstilo etc. son edificios que presentan na súa parte frontal dúas, catro, seis ou oito columnas.
  • Monópilo é o edificio que só ten unha porta.
  • Monóstilo denomínase á composición que consiste nunha columna central ao redor da que se dispón o edificio.
  • Antas ou in antis cando o pórtico ten dúas únicas columnas e dúas pilastras ou antas nos extremos ou esquinas.
  • Pavillón é o edificio menor e accesorio, illado do principal ou adherido ao mesmo.

Distintas clasificacións

editar
 
Fachada sur do edificio da Xunta de Galicia en Vigo.

Segundo o seu uso

editar
  • Edificio militar: destinado a usos militares.
  • Edificio gobernamental: para uso de persoal gobernamental ou oficial.
  • Edificio residencial: o destinado a ser usado como vivenda.
  • Edificio industrial: o destinado a actividades produtivas.
  • Edificio comercial: o destinado ao comercio.
  • Edificio deportivo.
  • Edificio educativo e cultural.

Segundo a propiedade

editar
  • Edificio público: o pertencente a unha propiedade pública, local, estatal etc.
  • Edificio privado: no caso de que o propietario sexa unha persoa física ou xurídica.

Segundo a súa disposición

editar
  • Entre medianeiras
  • Exento ou illado
  • Contiguo