Ecolingüística
A ecolingüística ou ecoloxía lingüística fai referencia a unha nova aproximación teórica ó estudo das linguas e dos discursos que as linguas vehiculan. Hai quen ve na nova abordaxe un novo paradigma de investigación lingüística e quen a reserva para a designación dunha máis das distintas ramas da lingüística na que se vencellaría a metáfora da ecoloxía co estudo da linguaxe. Común ás dúas visións é a consideración de que a ecolingüística debe investigar a lingua desde a perspectiva da diversidade de linguas e da variación lingüística.
En sentido xeral, a ecolingüística podería definirse nos termos de Alwin Fill como "a ciencia das interaccións entre a lingua e o mundo". A axenda dos lingüistas defensores desta nova corrente teórica pon de relevo o carácter multifacético da lingua na vida dos homes, abastecéndose tanto de temas xa tratados por distintas disciplinas lingüísticas coma o bilingüismo e o multilingüismo, a interferencia e o empréstito lingüístico, os cambios de códigos e de linguas, a estandarización ou o mantemento das linguas como de preocupacións máis recentes. Entre estas últimas estarían a dos mercados e viabilidade das linguas, o dos custos e beneficios da diversidade, o da demografía e reprodución das linguas e o das ideoloxías e prexuízos lingüísticos.
Historia da nova disciplina
editarA filosofía subxacente nas abordaxes ecolingüísticas é máis holística e integrada cá da corrente dominante na lingüística actual (incluída a practicada por moitos sociolingüistas e pragmatistas). As posicións críticas promovidas por Roy Harris (1979, 1980) e outros lingüistas da corrente integracional para o estudo dos signos e da comunicación estarían na base das máis modernas aproximacións á ecoloxía das linguas.
A figura pioneira da ecoloxía lingüística é a do lingüista noruegués-americano Einar Haugen, quen nunha conferencia de 1970 cuñou o termo "language ecology" ("ecoloxía da lingua" ou "ecoloxía lingüística") para facer referencia ás similitudes que poden establecerse entre as interaccións entre linguas e as interaccións que manteñen diferentes especies de plantas e animais nun mesmo contorno. O relatorio que levaba o título de "The ecology of the language" foi publicado ó ano seguinte con outra serie de artigos seus nun volume editado por Anwal S. Dill (1972).
O asentamento deste novo enfoque que entende as linguas non como unidades autosuficientes senón en relación co medio prodúcese nas dúas décadas seguintes á par da crise ecolóxica do planeta, cada vez máis preocupante. A conferencia do lingüista británico Michael Halliday, "New Ways of Meaning: the Challenge to Applied Linguistics", impartida á AILA no congreso de Tesalónica (1990) amplía a investigación do contexto social ó contexto ecolóxico no que se enmarca a sociedade ó defender a conexión entre a lingua e varios -ismos: o "desenvolvementismo" (ing. "growthism", esp. desarrollismo), o "clasismo" e o o "especiesismo". Na súa conferencia Holliday consideraba o papel da lingua na degradación e destrución ambiental e as consecuencias ecolóxicas desastrosas de determinados usos lingüísticos.
O desenvolvemento da metáfora da ecoloxía lingüística atopou en Peter Mühlhäusler e Alwin Fill dous dos principais impulsores na década dos noventa. No seu libro Linguistic Ecology (1996), Mühlhäusler revisa a transformación, baixo os efectos da colonización e modernización, da rexión lingüística do Pacífico á que adicou a maior parte da súa investigación lingüística. A conclusión, para Mühlhäusler, é que o cambio lingüístico obedece a forzas culturais e históricas antes que a unha evolución soamente natural. Unha ecoloxía saudable consistente nunha ampla diversidade de formas lingüísticas (a que existía previamente á colonización das illas do Pacífico) é condición esencial para a existencia de ecosistemas lingüísticos saudables. O contrario equivale á estandarización e occidentalización lingüística e cultural (establecemento de estados-nación monolingües) e á perda dos coñecementos ecolóxicos codificados nas variedades lingüísticas locais.
No 2001 Fill e Mühlhäusler editaron un conxunto de 27 artigos baixo o título de The Ecolinguistics Reader. O libro contén contribucións de tódolos campos da ecolingüística e dos principais precursores e practicantes do novo paradigma e mostra a diversidade de enfoques e aproximacións a esta recente área de estudo.
Ámbitos de estudo
editarA ecolinguística estuda a acción recíproca entre linguas, entre os pobos e falantes que as usan e entre as linguas e os mundos que representan.
Entre os dominios de estudo relevantes na ecoloxía dunha lingua estarían todos aqueles ámbitos que dunha ou doutra maneira se refiren a eses tres tipos de conexións. Entre outros, os seguintes:
- As relacións existentes entre a lingua e a comunidade de falantes que se serve dela, tradicionalmente estudadas pola sociolingüística e a etnolingüística.
- As interrelacións que se dan entre as linguas dunha área dada e as intrarrelacións que se dan dentro dunha mesma lingua, entre as súas variedades, tradicionalmente abranguidas nos estudos de xeolingüística e dialectoloxía.
- A interacción entre as linguas ó nivel da mente humana (o campo tradicional da psicolingüística) ou das comunidades lingüísticas (a socioloxía da lingua).
- A influencia que exerce a lingua (a través dos discursos ideolóxicos) na construción da realidade percibida pola comunidade que a usa (examinado a través da análise crítica do discurso)
- E, á inversa, a maneira en que diferentes realidades humanas e ambientais contribuíron historicamente a crear a diversidade lingüística hoxe existente (o campo tradicional da lingüística histórica e da historia da lingua).
En sentido amplo, a relación dialéctica entre lingua e realidade, entre representación e mundo real, está na base da maior parte dos estudos ecocríticos de raíz lingüística que pretenden desvelar o potencial destrutivo de construcións discursivas relacionadas co consumo, coa política e coa natureza en xeral. A análise do discurso permitiu esbozar as ideoloxías vehiculadas a través de textos aparentemente inocuos sobre o ambiente e o ambientalismo (Rom Harré, Brockmeier e Mühlhäusler 1999, Arran Stibbe 2004).
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Fill, Alwin, Hermine Penz & Wilhem Trampe (2002) (eds.) Colourful Green Ideas. Bern: Peter Lang Verlag.
- Fill, Alwin & Peter Mühlhäusler (2001) (eds.) The ecolingusitics reader. Londres: Continuum.
- Halliday, Michael (1990) New ways of meaning: the challenge to applied linguistics. Reimpreso en Fill and Mühlhäusler (2001) (eds.), pp 175–202.
- Harré, Rom; Jens Brockmeier & Peter Mühlhäusler (1999) Greenspeak: a Study of Environmental Discourse. Londres: Sage.
- Harris, Roy (1980) The language-makers.Londres: Duckworth.
- Harris, Roy (1981) The language myth.Londres: Duckworth.
- Harris, Roy (1987) The Language Machine. Londres: Duckworth.
- Harris, Roy (1998) Introduction to Integrational Linguistics. Oxford: Pergamon.
- Haugen, Einar (1972) "The ecology of language" in Anwar S. Dil (ed.) The Ecology of Language, pp. 325–339. Stanford: Stanford University Press.
- Mackay, William F. (1980) "The ecology of language shift", in Sprachkontakt un Sprachkonflikt, pp 35–41. Wiesbaden: Franz Steiner.
- Maffi, Luisa (2001)On Biocultural Diversity: Linking Language, Knowledge, and the Environment. Washington: Smithsonian Institution Press.
- Muhlhäusler, Peter (1995) Linguistic Ecology; Language Change and Linguistic Imperialism in the Pacific Rim. Londres: Routledge.
- Sánchez Carrión, José María (1985): "La nueva sociolingüistica y la ecología de las lenguas". Donostia-San Sebastián: Eusko Ikaskuntza.
- Stibbe, Arran (2005) "Environmental education across cultures: beyond the discourse of shallow environmentalism", Language & Intercultural Communication, 4:4:242-260.
Ligazóns externas
editar- Artigo de Arran Stibbe sobre o discurso ecolóxico en manuais de aprendizaxe do inglés
- Bibliografía sobre ecolingüística. Secretaria General de Política lingüística da Generalitat de Catalunya
- Diversidade lingüística, sostibilidade e paz. Fòrum de Barcelona
- Foro de investigación sobre lingua e ecoloxía. Language & Ecology Research Forum
- Web sobre ecoloxía da lingua. The Ecolinguistics WebsiteArquivado 01 de outubro de 2006 en Wayback Machine.
- IAISLC. Lingüística integracional